EXTREMADURA PON OS SEUS OLLOS NO ‘PLAN REVITALIZA’ PARA IMPLANTAR O MODELO DE COMPOSTAXE PONTEVEDRÉS
· O vicepresidente Mosquera recibiu hoxe ao director xeral de Medio Ambiente da Junta de Extremadura, ao deputado de Badaxoz e a persoal técnico
· A delegación extremeña visitou varios centros de compostaxe comunitaria de diferentes concellos da provincia
O vicepresidente Mosquera recibiu á delegación extremeña
Fotos: D. P.
Infogauda / Pontevedra
Extremadura vén de poñer os seus ollos no Plan Revitaliza para implantar o modelo de compostaxe pontevedrés. Así o indicaron hoxe o director xeral de Medio Ambiente da Junta de Extremadura, Pedro Muñoz, e o deputado da Deputación de Badajoz, Manuel Díaz, que visitaron xunto a persoal técnico de ambas institucións varios concellos da provincia para coñecer de primeira man o modelo de compostaxe pontevedrés e foron recibidos hoxe formalmente polo vicepresidente César Mosquera no pazo provincial.
A comitiva extremeña comezou a visita aos centros de compostaxe comunitaria na tarde de onte, cando coñeceron as instalacións de Pontevedra (Eduardo Pondal, Ponte Boleira, Monte Porreiro e Príncipe Felipe), así como as existentes en Vilaboa, Bueu, Moaña e Cangas, entre outros municipios, da man do asesor de residuos da Deputación de Pontevedra, Carlos Pérez, da técnica María Martínez Abraldes, e das mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza encargados da xestión de cada composteiro. Deste xeito puideron comprobar insitu o sistema de funcionamento e a exemplar participación cidadá en cada un dos puntos de compostaxe.
Na mañá de hoxe, os membros da delegación mantiveron unha reunión de traballo para coñecer as cifras de investimento da Deputación de Pontevedra, os resultados de toneladas de lixo tratadas, así como a evolución que pretende seguir o Plan Revitaliza nos concellos adheridos ao programa. Finalmente, realizouse unha recepción institucional na que o vicepresidente Mosquera indicou que nestes momentos a normativa europea e estatal avala a filosofía do plan provincial, e insistiu en que o Revitaliza ten como punto central que a xestión dos biorresiduos estea en mans de persoal cualificado formado a través da Facultade da Compostaxe.
O director xeral de Medio Ambiente da Junta de Extremadura, Pedro Muñoz, explicou que a delegación extremeña marchou encantada da visita polo trato e porque “gustounos a experiencia da compostaxe que se está a facer en Pontevedra”. Explicou que en Extremadura se está a estudiar e valorar posibles solucións aos niveis de reciclaxe que están baixo os esixidos polo que, unha vez coñecidas referencias do Plan Revitaliza, querían coñecer en persoa o modelo pontevedrés.
“Ao velo gustounos o ben organizado que está, o rápido e facilmente que se acadan os obxectivos, o pouco que impactan os centros de compostaxe comunitario, e a boa organización do traballo. En fin, hai moitas máis cousas positivas que negativas, aínda que nos explicaron que houbo algunha polémica… Pero cando o coñeces…”, dixo Muñoz, para destacar que o Plan Revitaliza é moi adaptable á rexión extremeña, que é moi rural, na que pode ser perfectamente aplicable o modelo.
Pola súa banda, o deputado de Medio Ambiente da Deputación de Badajoz, Manuel Antonio Díaz González, destacou que o Plan Revitaliza pon de manifesto a necesidade dos gobernos provinciais para os concellos. “Valoramos como foron capaces de pouco a pouco implantar un modelo que economicamente é sostible e, fundamentalmente, como o teñen organizado. Levamos unha impresión moi favorable, porque despois das visitas de onte e hoxe permítennos saber como se montou o servizo e as barreiras que sempre hai dende a cidadanía ante novos modelos… Permítenos mellorar os niveis de reciclaxe, o custe do sistema e impactar positivamente sobre o medio ambiente, que é o máis importante.
O vicepresidente Mosquera, pola súa parte, manifestouse “encantado” de recibir na Deputación á delegación extremeña e subliñou que “hai bastante que podemos aprender uns de outros”. De feito indicou o seu interese por visitar Extremadura e coñecer en primeira persoa o que están a facer “porque teñen unha serie de cousas, proxectos experimentais, que son interesantes”.
“Nós estamos encantados de compartir e, sobre todo, de dicir cales deben ser os eixos centrais e onde hai que centrar esforzos para que o proxecto vaia adiante. Aquí ninguén nace aprendido. Encantados do que poidamos axudar e encantados do que poidamos aprender de todos lados: do que saíu ben e tamén do que saíu mal e non se debe facer. Se se logra avanzar en calquera campo non é por ter unha visión ríxida. Iso é estéril. Hai que definir os proxectos, adaptalos á realidade de cada sitio, porque copiar é malo, pero aprender é imprescindible”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario