31 de maio de 2018

VIGO

ARELA BUSCA PERSOAS E/OU FAMILIAS DISPOSTAS A CONVIVIR CON ADOLESCENTES QUE ESTÁN A CUMPRIR UNHA MEDIDA XUDICIAL  

A  Asociación Arela e a Xunta de Galicia poñen en marcha o Programa CONVIVE.comigo. Trátase dun proceso de capacitación, valoración, formación e seguimento de persoas ou familias para convivir con adolescentes que teñan que cumprir unha medida de convivencia con persoa ou familia. Estase a desenvolver nas provincias da Coruña e Pontevedra.  



Julio Barreiro González  / Vigo

Director de ARELA


 ARELA e a Xunta de Galicia levan a cabo o Programa CONVIVE.comigo nas provincias de Pontevedra e A Coruña, coa finalidade de conseguir persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teñan a obriga de cumprir unha medida xudicial (convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo). Durante este 2018 están a buscar os apoios dos diferentes concellos galegos destas provincias de cara a que poidan colaborar na difusión do mesmo e así conseguir un banco de persoas ou familias que abarquen moitos dos territorios de ambas provincias.  

 A través deste programa búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades. A través dun ambiente socializador e positivo permitiralles ás/aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.  

 Os requisitos para formar parte deste programa son os seguintes:  ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade... Á súa vez, valorase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia, formación de carácter xurídico.   

 ARELA ofrece unha formación grupal e individual, e asesoramento, con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40€ diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa.  

 Dende a páxina web de ARELA pódese consultar máis información sobre este programa, así como dende o teléfono da súa sede central, 986 21 25 37 ou a través do correo electrónico convive@arela.org  

*ARELA (www.arela.org) é unha asociación que leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e Centros de Intervención Educativo en Medio Aberto (CIEMA) coa Consellería de Política Social. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario