14 de maio de 2018

A GUARDA

O BNG presenta unha moción na defensa do galego   

Ángel Luis Baz Vicente: “as políticas promovidas polo Partido Popular lonxe de contribuír ao uso da lingua galega, procuraron todo o contrario”  

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou unha moción no rexistro do Concello da Guarda na defensa da lingua galega.  

  Na moción solicítase o apoio as mobilizacións en defensa da lingua convocadas para o próximo 17 de maio, co motivo da celebración do Día das Letras Galegas, pola plataforma cidadá Queremos Galego.  

 Na moción, tamén se insta a Xunta a que derrogue o Decreto 79/2010 para o plurilingüismono ensino non universitario e o cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e a restituír o orzamento recortado pola Xunta do PP e incrementando as partidas dirixidas á defensa e promoción da nosa lingua”, afirmou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda.

 “Resulta incomprensíbel que ante a xa demostrada perda alarmante de falantes en galego, a Xunta de Galiza siga a mirar para outro lado, esquecendo as súas obrigas como institución pública encargada da promoción e posta en valor do noso idioma”, relembrou o voceiro nacionalista. 

 O BNG sinala que as políticas promovidas polo Partido Popular lonxe de contribuír ao uso da lingua galega, procuraron todo o contrario, tendo o Decreto do plurilingüismo o ariete co que derrubar calquera avance.  

 O BNG lembra que este decreto prohibe dar certas materias no idioma propio do país, “algo inaudito en ningún país do mundo”, comentou Xan Lois Lomba Alonso, concelleiro do BNG. “Isto impide - engadiu Xan Lois Lomba - que o noso alumnado teña a posibilidade de adquirir coñecementos en galego, e polo tanto, incumprir co mandato de garantir que teñan a mesma competencia nas dúas linguas oficiais.  

 Dende o BNG tamén queren advertir a falta de compromiso do goberno municipal coa promoción e defensa do galego. A falta dun servizo de normalización lingüística no concello, tal e como esiximos nos orzamentos, e a pouca de iniciativa municipal están facendo un fraco favor a presenza do noso idioma na rúa”, concluiu Ángel Luis Baz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario