13 de mar. de 2018

MOVEMENTOS SOCIAIS

A PLATAFORMA DE EMIGRANTES RETORNADOS DO BAIXO MIÑO CONVOCA UNHA CONCENTRACIÓN ESTE XOVES EN TUI 
  
A partir das 11:00 horas, na Praza da Inmaculada

Na imaxe, vista parcial dunha concentración de emigrantes retornados do Baixo Miño
Foto: Plataforma de Emigrantes Retornad@s do Baixo Miño

Plataforma de Emigrantes Retornad@s do Baixo Miño / Baixo Miño

 Os e as emigrantes retornadas vimos reclamando insistentemente a necesidade de realizar as modificacións legais necesarias na Lei 35/2006 pola que se regula o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas coa finalidade de que se establezan normas claras, precisas e sobre todo xustas e igualitarias para a tributación das pensións percibidas no estranxeiro. 

 A única modificación que se introduciu foi a través da disposición adicional da Lei 26/2014 na que nun recoñecemento implícito de que a Axencia Tributaria estaba realizando unha interpretación abusiva das disposicións legais se establece o que chama “período de regularización” que na práctica implica a devolución das inxustas sancións, recargas e xuros que se lles impuxeron nos últimos exercicios e o establecemento dun período voluntario de tributación para os e as que aínda non teñan realizado a declaración.  

 Porén esta disposición segue sen supor unha regulación clara e xusta da tributación para os e as emigrantes retornadas. Non ten en conta o contido dos distintos tratados bilaterais e tampouco establece mecanismos para o tratamento xusto das pensións de invalidez, entre outras consideracións.  Somos moitos miles as persoas que estamos sendo sometidas a este sufrimento por parte da facenda pública española. Un sufrimento inxusto de persoas que o único que queremos é vivir tranquilas a nosa vellez logo de ter traballado toda a vida na emigración.   

 Así pois, fart@s de mobilizarnos, de andar por prazas e rúas para que nos recoñezan os nosos dereitos. Fart@s pero non cans@s, novamentente realizaremos, mañán xoves dia 15 de marzo, unha concentración na Praza da Inmaculada en Tui, a partir das 11:00 horas, para esixir, unha vez máis, que se adopten as seguintes medidas:   

1. A modificar á maior brevidade posíbel a Lei 35/2006, garantíndolles unha tributación xusta e igualitaria ás pensións percibidas no estranxeiro e idéntica a do resto dos e das pensionistas, evitando a discriminación que supón o feito de ter dous pagadores e evitando os prexuízos da dupla imposición. Establecendo un sistema claro e sinxelo e garantindo non se aplique con carácter retroactivo.

2. En tanto non se produza esa modificación legal, a paralizar de xeito total e inmediato a aplicación aos e ás emigrantes retornadas das disposicións contidas na Lei 35/2006, eximíndoos da tributación en tanto non se modifique dita lei no sentido exposto no punto anterior, para frear e reconducir a grave situación económica e moral a que están sometid@s inxustamente polo fisco, máis de 250.000 traballadores galeg@s, emigrantes retornado@s, xubilados e pensionistas.  

3. A axilizar a devolución de oficio de todos os cobros indebidos realizados até este momento a todos e todas as emigrantes retornados e singularmente a todas aquelas persoas que percibiron pensións procedentes de Alemaña, que con anterioridade ao ano 2013 estaban exentas de tributación no Estado español segundo o artigo 19 do convenio hispano-alemán tal como acreditan numerosas sentenzas xudiciais.  

4. O mesmo en relación coas persoas que acrediten ter un declaración de incapacidade equiparábel á absoluta ou gran invalidez, exentas segundo o disposto no artigo 7 da Lei 35/2006, establecendo para tal acreditación un métodoáxil e eficaz. Que se resolvan, de inmediato, as centos de peticións presentadas nas oficinas da Axencia Tributaria en Galiza por emigrantes retornad@s nas que solicitan que se proceda a reclamar do Instituto Nacional da Seguridade Social a realización do correspondente informe pericial sobre a correspondencia en grado da incapacidade laboral recoñecida ao interesado no país no que estivo emigrado.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario