24 de xan. de 2018

PONTEVEDRA

Os deputados do PP cualifican de “moi decepcionante” o goberno da Deputación de Pontevedra 

E achacan este mal resultado “á desidia, á falta de interese e á ausencia de ilusión e proxectos”  

Elena Muñoz e Ángel Moldes lamentaron que a presidenta Carmela Silva cambie pola vía dos feitos a súa política anunciada de portas abertas pola “crispación ante a crítica, a falla de capacidade para escoitar á cidadanía e o sectarismo” do bipartito provincial.  

Os voceiros do grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Elena Muñoz e Ángel Moldes no almorzo informativo de hoxe
Fotos: G. P. 

Infogauda / Pontevedra

 Os voceiros do grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Elena Muñoz e Ángel Moldes cualificaron de “moi decepcionante” o último ano de goberno do ente provincial e achacan este mal resultado “á desidia, á falla de interese e á ausencia de llusión e proxectos do bipartito”. Pola contra salientaron a capacidade de traballo do seu grupo que presentou 30 mocións, mantivo unha presenza constante e permanente nos concellos e comarcas da provincia e efectuou con total normalidade o relevo de deputados dentro do seo do grupo atendendo aos compromisos adquiridos “nun envexable clima de total normalidade e colaboración” entre os representantes saíntes e entrantes.  

 Pola contra, manifestaron que a acción de goberno da presidenta Carmela Silva está caracterizada polo recelo entre os socios que conforman o bipartito e a “crispación ante a crítica, a falla de capacidade para escoitar á cidadanía e o sectarismo” na aplicación dos plans provinciais e no reparto da disponibilidade orzamentaria da Deputación de Pontevedra.  

 Para Elena Muñoz a actuación do bipartito está baseada “na perda de oportunidades por estar máis pendente de criticar o que se facía antes que de construír novas alternativas. Tentaron cambiar procedementos que se facían antes e equivocáronse caendo en erros gravísimos”.  

 Para Muñoz, Carmela Silva tentou “utilizar a Deputación como plataforma política, como trampolín persoal para asaltar a política rexional do seu partido en Galicia apostando por Méndez Romeu como candidato electoral do PSOE e perdeu ao igual que lle sucedeu no caso de Susana Díaz, que tamén caeu derrotada ante Pedro Sánchez. Pretendía ascender a nivel orgánico para aspirar a outra cousa, pero fracasou e cando están na política por descarte ao final o que che falta é precisamente ilusión e proxectos como se ve reflectido nos orzamentos dunha Deputación que tenta xestionar, pero na que tampouco cre”, afirmou a deputada popular.  

“SÓ QUEREN ESCOITAR AOS QUE  LLES DAN PALMADIÑAS NAS COSTAS, PERO NON ADMITEN NINGÚN TIPO DE CRÍTICA E REFÚXIANSE NO INSULTO”  

 Muñoz avanzou nesta liña e sinalou que “despois pasa o que pasa, non se lle dá voz aos concellos, xestiónase de costas aos alcaldes e ás necesidades da xente á que non quere escoitar. Fáltalle capacidade de escoita sobre todo a aquelas persoas que non opinan como eles. Só queren escoitar a aqueles que os gaban e lles dan palmadiñas nas costas, pero non admiten ningún tipo de crítica e refúxianse no insulto permanente. Pero eso pásalles con todo o mundo, non só co Partido Popular, tamén coas asociacións, cos colectivos sociais e cos traballadores e traballadoras do ente provincial”. 


 Os deputados provinciais do PP sinalaron como gravísimo o proceso seguido polo parque de maquinaria “un departamento modélico que acabaron por eliminalo e practicamente privatizando quenes precisamente presumían de defender o carácter público. O mesmo está a suceder no Príncipe Felipe onde non escoitan aos traballadores e non buscan solucións negociadas coa Xunta de Galicia”.  

“O PLAN CONCELLOS UN FRACASO QUE SE VÍA VIR”  

 Tamén se referiron de maneira especial ao Plan Concellos e aos cartos que a institución provincial destina aos pequenos e medianos municipios. “O Plan Concellos foi un fracaso anunciado que vía vir ao que intentaron por remedio con diversos parches e campañas publicitarias a bombo e platillo, pero os datos están aí. Pasouse un investimento nos concellos duns 60 millóns da época do PP aos casi 42 de agora”.  

 En canto ao Plan de Proxectos Singulares e de Equilibrio, os deputados do PP consideran que foron feitos cunha óptica “premeditada e sectaria” en función de intereses políticos do bipartito. “Parece a priori sorprendente que do total do orzamento o 75% vaia a parar a concellos gobernados polo PSOE ou o BNG e o 25% restante a municipios do PP cando a realidade, por moito que lles disguste, na provincia é que a presenza de alcaldes e alcaldesas do Partido Popular é moi diferente a ese reparto”.  

 Tamén se referiron ao Plan Forestal como “outro gran fracaso nado a raíz da onda de incendios e non tivo a resposta e o seguemento que esperaban con moi poucos concellos que o subscribiron porque fan os plans de costas ás necesidades reais dos veciños e veciñas da provincia porque non falan con ninguén e non escoitan a ninguén. Anunciaron 90 millóns en axudas polos incendios porque había que saír apresuradamente da dar unha gran cifra e ao final non aparecen eses cartos por ningún lado nin se recollen en ningún documento orzamentado e dan a calada por resposta ou caen no insulto contínuo e nas descalificacións como xeito de botar balóns fóra e non responder ante as súas responsabilidades”, indicaron. 

CLIMA DE CRISPACIÓN E FALLA DE DIÁLOGO  

 Sobre o clima de crispación e a falla de diálogo referiuse especialmente Ángel Moldes quen sinalou que a presidenta da Deputación “exerce unha falta de respecto continuo contra alcaldes, representantes de colectivos e persoal da Deputación negándose sistemáticamente a escoitar aos representantes dos traballadores, negándolles a palabra nos plenos ou tomando medidas excepcionais de control de DNI, cacheos, invocación do regulamento para impedirlles a palabra, etc. Todo o contrario do que dixeron ao chegar que ía ser unha Deputación nova caracterizada por unha nova política de portas abertas. Está claro que fai bo aquel refrán de dime de que presumes direiche do que careces e a presidenta adolece de talante democrático e educación”, sinalou o voceiro popular.   

 Moldes rematou a súa intervención recordando que “cando chegou á Presidencia dixo “se acabó la libre disposición” e que eran ilegais e si repasan vostedes o seu último presuposto poderán ver con claridade como siguen figurando subvencións nominativas de libre disposición polo que queda ben claro que cada un conta da feira según lle vai nela”.  

 O deputado popular amosou ademais as dúas peticións que o alcalde de Rodeiro e presidente da Mancomunidade do Deza presentou para reunirse coa presidenta, despois de que onte mesmo Carmela Silva dixera que non recibira ningunha petición do alcalde, minte descaradamente e sen poñerse colorada. E este é un exemplo máis das súas mentiras”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario