27 de out. de 2017

A GUARDA

SENTIDA HOMENAXE AOS ASESINADOS POLO FRANQUISMO NA GUARDA

Organizada pola Federación de Pensionistas e Xubilados de Comisións Obreiras da comarca de Vigo en colaboración co Concello da Guarda

De esq. a dereita: Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda; Paco Carrera Pérez, en representación da U. C. de CC.OO. de Vigo; Waldino Varela, ex secretario xeral da U. C. de CC.OO. de Vigo; Carmen Segurana Bedrina, sindicalista de CC.OO.; e  Roberto Alonso Ucha (Tito), secretario xeral de Pensionistas do sindicato de CC.OO. en Vigo 
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Onte celebrouse no cemiterio de Sestás a homenaxe anual aos asasinados durante o franquismo, coa realización dunha ofreda floral e a pronunciación dun discurso a prol da memoria histórica, organizada pola Federación de Pensionistas e Xubilados de Comisións Obreiras da comarca de Vigo, en colaboración co Concello da Guarda. 

 O acto comezou pasadas as 17:30 horas fronte a fosa común de Sestás, na que 48 homes, principalmente procedentes de Asturias e León, foron “asasinados da forma máis cruel posible”, segundo referiu o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz. 

 Representando a Unión Comarcal de CCOO de Vigo, Paco Carrera tomou a palabra fronte o preto do centear de persoas congregadas no camposanto para poñer en valor a necesidade deste acto anual. “Cando unha sociedade perde a súa memoria, perde unha parte da súa biografía social e as referencias do que é e por que o é”, asegurou Carrera, que animou a seguir “loitando pola liberdade e a xustiza, pois nada é eterno e inmutable e nada se consegue baixando os brazos e practicando a arte da indiferencia”. 

Ademáis das diferentes intervencións houbo unha ofrenda floral

 Nesta mesma liña, o secretario xeral de Pensionistas do sindicato en Vigo, Roberto Alonso Ucha, rememorou o contexto histórico, caracterizado polo ascenso dos fascismos en Europa, no que se acometeron os asasinatos en Camposancos. “Eses sistemas crearon un monstruo que levou a guerra civil española primeiro, e a guerra mundial despois causando millóns de mortes durante e despois dos conflictos, lembrou Ucha. Con todo, asegurou, “o antifascismo é a idea que une a todos os que estamos aquí, polo terror a que ese sistema se repita en Europa”.  
 O acto de homenaxe trasladouse deseguido ao Centro Cultural, onde tivo lugar unha charla-coloquio guiada polo investigador e historiador vigués, Bernardo Vázquez Acuña e na que tamén participou o guardés e estudoso da historia local, José Antonio Uris Guisantes.  A el referiuse o rexedor como “unha das persoas que se preocupou por darlle dignidade ao cemiterio” de Sestás, no que dende agosto de 1986 figura un monumento na lembranza das persoas alí fusiladas e soterradas “por defender as liberdades democráticas” durante a Guerra Civil española. 

 Uris realizou un repaso á historia do campo de concentración guardés, dende a chegada dos primeiros prisioneiros asturianos en 1937, no  que preto de 5.000 homes chegaron a convivir amoreados e centos foron fusilados ou morreron por enfermidade, ata o levantamento do monumento na fosa común.  

 Co título “Os Consellos de Guerra: a xustiza do revés”, Vázquez ofreceu aos asistentes mostras dun bo número de documentos da época que dan conta da represión acometida polo sistema franquista dende a sublevación en 1936. Entre os mecanismos institucionalizados de represión, destacou o historiador, atopábanse os Consellos de Guerra, un “instrumento de xurisdicción militar aplicado a miles de homes e mulleres”. As condenas -de 30 anos, cadea perpetua ou morte- “dependían directamente do perfil político da persoa”, de xeito que aqueles ligados ás institucións republicanas serían fusiladas, namentres unha “desafección á causa nacional” custaría a liberdade.  

 O tribunal militar, que comezou a traballar no campo de concentración de Camposancos en 1938, chegou a celebrar unha media de catro consellos de guerra ao día cunha vintena de prisioneiros en cada unha das sesión. Non todos os condenados, segundo explicou Uris, atoparon a morte na Guarda, pois moitos deles foron trasladados a outras partes de Galicia, como Vigo ou Pontevedra, para ser executados

 Con todo, sentenciou o investigador guardés, “non debemos esquecer nunca a estas persoas, que tiñan como ideais a liberdade e a democracia, e morreron por elas”. Nesta liña, Antonio Lomba incidiu na vontade por parte do Concello da Guarda de continuar contribuíndo á lembranza das vítimas do franquismo na vila, malia que “todo o que fagamos para honrar a súa memoria e a das súas familias será pouco” dada a inxustiza froito da cal estas persoas perderon a vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario