27 de out. de 2017

VIGO

A Xunta de Persoal de Xustiza en Pontevedra critica o tratamento informativo da detención dun compañeiro en relación coa vaga de lumes 

Reclama respecto pola presunción de inocencia mentres non haxa condena

Imaxe de un dos incendios de días pasados
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A Xunta de Persoal da Administración de Xustiza en Pontevedra vén de expresar publicamente mediante un comunicado o seu malestar polo tratamento informativo da detención dun compañeiro destinado nos Xulgados de Vigo pola súa presunta relación coa última vaga de lumes forestais. Dende a representación dos traballadores/as reclaman respecto á presunción de inocencia e denuncian que incluso algún medio de comunicación chegouno a relacionar incluso co seu posto de traballo concreto.  

 Na nota, a Xunta de Persoal (presidida pola CIG) di entender a alarma social xerada a raíz dos incendios, pero considera que “non se pode intentar desviar a atención e poñer o foco sobre un caso concreto, máis propio dunha imprudencia ou neglixencia que dun feito delitivo reiterado como foi o dos lumes provocados en Galiza nas últimas semanas”.  

 Ademais, dende a representación dos traballadores/as sosteñen que ao tratarse dun funcionario da Administración de Xustiza debera cumprirse moito máis o dereito á presunción de inocencia, máxime cando estamos no inicio da fase instrutora do procedemento e pouco ou nada se ten probado até o de agora sobre a actuación presuntamente delitiva do compañeiro”.  

 Defensa non corporativista  

 Con todo, queren deixar claro que non se trata dunha defensa corporativista do traballador, “senón todo o contrario, pois con máis rigor neste caso, se cabe, deben de respectarse os dereitos fundamentais desta persoa, en non ser sinalada como cabeza de turco para desviar a atención das graves eivas existentes, responsabilidade do Goberno galego pola súa nefasta política contra os lumes e de protección dos montes”.  

 Finalmente, aseguran que no caso de que o seu compañeiro sexa condenado “non debe de quedar a menor dúbida de que se lle debe de aplicar a sanción correspondente que estableza lei, pero até que iso suceda pedimos respecto para esta persoa e para o colectivo de traballadores/as da Administración de Xustiza que nos vemos sinalados tamén nas novas publicadas nos medios”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario