24 de xul. de 2017

SALCEDA DE CASELAS

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA RECIBE 15 OFERTAS DE EMPRESAS PARA EXECUTAR OBRAS DE MELLORADA SEGURANZA VIARIA EN SALCEDA DE CASELAS  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou que os técnicos provinciais decidirán nas vindeiras semanas cal é a mellor proposta técnica e económica  

A actuación, que ten un orzamento de licitación 115.745 euros, poderá iniciarse despois do verán  

Uxío Benítez, deputado provincial de Mobilidade, xunto con dúas persoas, nunha das zoas onde se realizarán as obras de mellora da seguranza viaria na EP-2503 entre Cerquido e Borraliño no Concello de Salceda de Caselas
Foto: D.P.

Infogauda / Salceda de Caselas

 A Deputación de Pontevedra vén de recibir 15 ofertas de empresas construtoras para realizar as obras de mellora da seguranza viaria na EP-2503 entre Cerquido e Borraliño no Concello de Salceda de Caselas.  Segundo explicou o deputado provincial Uxío Benítez, os técnicos do departamento de Mobilidade decidirán nas vindeiras semanas cal é a mellor proposta técnica e económica de entre as firmas candidatas para proceder á súa adxudicación, polo que as obras poderán iniciarse despois do verán.  

 As obras de mellora da intersección na EP-2503 demoráronse máis do inicialmente previsto debido á presentación de alegacións por parte dos propietarios dos terreos expropiados, que foron desestimadas oficialmente no Pleno da Corporación do pasado mes de xuño. Entón, aprobouse definitivamente o proxecto (cun orzamento de licitación de 115.745 euros) e derivouse o expediente ao departamento de Contratación da Deputación, que publicou o anuncio de obra e xa recibiu as ofertas.   

 Segundo manifestou Benítez, a Deputación de Pontevedra está a dar "prioridade absoluta" á mellora e reforma dospuntos viarios cunha alta sinistralidade dentro da rede viaria da Deputación. No caso de Salceda de Caselas a demanda de mellora da intersección xa fora manifestada en varias ocasión dende o Concello ao anterior goberno provincial, pero fora desatendida. Coa chegada do novo goberno a solicitude reconsiderouse e plantexouse de inmediato unha actuación.  

 Para resolver a intersección dos camiños municipais crearaseunha nova área pavimentada para delimitar novos carrís de incorporación e agarda no cruce. A maiores da ampliación da plataforma, corrixiranse os peraltes actuais tendo en conta a importante densidade de camións que pasa pola zona, cun tránsito estimado de entre 100 e 199 vehículos pesados por día -por ser unha zona preto de áreas industriais como o polígono industrial de O Cerquido-. Así mesmo, implantaranse dous elementos redutores de velocidade en forma de pasos de peóns sobreelevados en ámbolos extremos de actuación, limitando a velocidade a 30 quilómetros hora.   

 Tamén se remodelará o alumeado, potenciándoo na zona de cruce con sete novas luminarias tipo led e retirando as catro actuais. Finalmente, será preciso recuar un poste de formigón de telefonía e instalarase nova sinalización vertical e horizontal adecuada á nova configuración prevista no proxecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario