18 de xul. de 2017

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra cambia o modelo de xestión para rehabilitar firmes nas estradas provinciais e saca a concurso un acordo marco 

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez asegura que a Deputación de Pontevedra aplica por primeira vez unha ferramenta "eficiente e áxil" para acometer obras puntuais

Unha estrada da rede viaria provincial de Pontevedra
Foto. D.P.


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vén de abrir o prazo para que as empresas interesadas en realizar obras de rehabilitación de firmes na rede viaria provincial presenten as súas ofertas. A institución provincial publicou onte no BOPPO a convocatoria para poñer en marcha un acordo marco que regulará as adxudicacións dos traballos de conservación en cinco lotes, e recollerá propostas ata o vindeiro 25 de agosto.  

 Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, trátase da primeira vez que a Deputación de Pontevedra pon en marcha un acordo marco que permitirá realizar actuacións puntuais nas estradas provinciais (corrixir pavimentos deslizantes, fendas, afundimentos ou peraltes defectuosos, entre outras) de xeito eficiente, planificado, áxil e con garantías administrativas. En virtude dese acordo marco para executar o Plan de Rehabilitación de firmes, a provincia dividirase en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes serán as responsables da execución de todas e cada unha das obras de mellora de firme necesarias en cada área.  

 Benítez lembrou que a Lei de Contratación permite este modelo de adxudicacións -que xa aplican a Xunta e o Estado- en aras dun mellor mantemento da rede provincial. Esta ferramenta de contratación e xestión permitirá actuar en menos tempo que na actualidade, cando para cada obra de mantemento hai que iniciar de xeito repetitivo todo o proceso burocrático de contratación, o que ralentiza a actuación dende que se demostra a necesidade da obra. A partir de agora, o procedemento administrativo só se realizará unha vez -agora ao licitar o acordo marco- e, posteriormente, só será preciso xustificar cada actuación tecnicamente para poder realizar a obra.  

 O investimento máximo de melloras de firmes na rede viaria provincial ao abeiro deste acordo marco alcanza os 4,4 millóns anuais. Iranse redactando as memorias de actuación e utilizando o orzamento segundo sexa preciso en función da estimación dos técnicos provinciais. Cabe a posibilidade de prorrogar os contratos coas empresas adxudicatarias ata 2021, cando o investimento podería acadar os 19,6 millóns de euros.  

 Zonas de actuación  
 As cinco zonas de actuación nas que se dividiu a provincia definíronse en función da estrutura de traballo dos vixiantes da rede provincial de estradas. O primeiro dos cinco lotes que se sacarán a contratación corresponde ao contrato para as estradas de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Caldas de Reis, Portas, Moraña e Campo Lameiro. O orzamento de execución é de 1.026.478,92 euros.  

 O lote número dous inclúe os concellos de Ponte Caldelas, A Lama, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela, Soutomaior, Ponteareas, Salvaterra de Miño, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente, cun investimento de licitación de 711.896,06 euros.  

 O terceiro lote agrupa aos concellos de Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Forcarei e Cuntis, cun orzamento de 1.120.051,36 euros.  

 O lote número catro inclúe a Vigo, Nigrán, Baiona, Gondomar, Porriño, Salceda de Caselas, Mos, Redondela, Tui, Tomiño, Oia, Rosal, A Guarda, Ponteareas e Salvaterra, cun orzamento de 802.313,15 euros.  

 Finalmente, o lote cinco corresponde aos concellos de Valga, Pontecesures, Catoira, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Illa de Arousa, cun orzamento de 699.868,86 euros.  

 Catálogo-inventario  
 Por outra parte, tamén está aberto o prazo para a presentación de ofertas para realizar a actualización do catálogo-inventario visual da rede de estradas da Deputación.  

 A intención é obter un novo documento con imaxes en 360o que recolla todos os elementos da estrada e os das súas marxes en tempo real, así como incorporar un software que permita traballar con datos de accidentalidade, de tráfico, ou auscultación e que permitan unha mellor xestión das estradas ademais da posibilidade de xerar búsquedas ou informes concretos.  

 De feito, o novo catálogo realizará unha recompilación de datos nos que se incluirán as características do contorno das vías provinciais (tipo de terreo, de pavimento, desmontes e noiros, cunetas, beirarrúas, beiravías, elementos de borde, medianas, accesos…), xeométricas (radios de curvatura, rasantes, número de carrís, plataformas, peraltes…); equipamentos (sinalización horizontal e vertical, balizamento e seguranza viaria, zonas de servizo, descanso, estacionamento e recreo…) ou puntos singulares e incidencias (marcos, túneles, pasos superiores e inferiores, pasos a nivel, travesías e variantes de poboación ou enlaces e interseccións), entre outros. O orzamento para a contratación do novo catálogo é de 217.195 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario