18 de xul. de 2017

CULTURA

A Cidade da Cultura exhibe a obra do fotógrafo José Suárez no Instituto Cervantes de Toquio 

Un total de 249 obras do fotógrafo galego exhibiranse ata o 28 de agosto con entrada libre

A mostra, que se abriu por primeira vez ao público na Cidade da Cultura en novembro de 2015, chega a Xapón tras pasar por Madrid, Bos Aires, Montevideo e París


Infogauda / Toquio

 A Cidade da Cultura de Galicia exhibe no Instituto Cervantes de Toquio a exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, mostra sobre a obra dun dos referentes da historia da fotografía en Galicia e España na primeira metade do século XX. Tras o seu paso por Madrid, Bos Aires, Montevideo e París, a mostra chega agora a Xapón, un dos países que máis marcaron a traxectoria profesional e vital de José Suárez.
 “Innovador, experimental, inquieto e visionario”. Así cualificou a José Suárez a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, durante a inauguración da mostra no Instituto Cervantes de Toquio, onde estivo acompañada por Teresa Iniesta, xestora cultural do centro; e Carlos Maldonado, Ministro Conselleiro e responsable de Negocios da Embaixada de España en Xapón.
 “José Suárez é un dos nosos fotógrafos máis notables, un artista imprescindible que renovou a linguaxe fotográfica e que nos legou imaxes icónicas, convertidas en parte da historia visual de Galicia”, asegurou Ana Isabel Vázquez, quen destacou a honra que supón para a Cidade da Cultura conseguir que as súas imaxes volvan a un dos países nos que, segundo as palabras do propio Suárez, foi máis feliz.
 Xapón foi para o fotógrafo de Allariz a viaxe máis importante da súa vida. Instalado no exilio latinoamericano desde 1936, José Suárez percorrería diferentes países como correspondente para varios xornais. En 1953 viaxaría a Xapón, onde permaneceu dous anos empapándose da súa cultura, a súa filosofía de vida e, sobre todo, das súas tradicións. Esta experiencia marcaralle de por vida e avivará o seu desexo de regresar a Galicia, algo que fará en 1959. José Suárez volvería a principios dos 60 ao país nipón para traballos específicos como a entrevista realizada ao director de cine Akira Kurosawa.

 Ata o 28 de agosto

J osé Suárez volve por terceira vez a Xapón da man desta gran exposición que chega a Toquio grazas á colaboración da Cidade da Cultura co Instituto Cervantes, que xa acolleu a mostra nas súas sedes de Madrid e París, cidades todas fundamentais na traxectoria vital do fotógrafo galego. Con este plan de itinerancia, a Consellería de Cultura e Educación ten como obxectivo restituír a obra de José Suárez, quizáis o fotógrafo galego máis universal, ao lugar que lle corresponde na historia da arte.
 A viaxe de ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ non remata aquí. En outono, tamén da da man do Instituto Cervantes, a mostra do fotógrafo de Allariz chegar a Nueva Delhi.
 ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ exhibirase no Instituto Cervantes de Toquio ata o 28 de agosto con entrada gratuíta. Comisariada por dous nomes de referencia no estudo da fotografía galega, Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón, a mostra exhibe 249 obras do artista cunha forte visión humanista e do innovador que decidiu incorporar á fotografía os movementos de vangarda europeos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario