13 de xul. de 2017

PONTEVEDRA

CATORCE CERTAMES MUSICAIS E DOUS DE TEATRO REPÁRTENSE OS 120.000 EUROS DAS AXUDAS A FESTIVAIS AO ABEIRO DO ‘ANO DO PATRIMONIO’ 

O deputado de Cultura Xosé Leal destacou que o obxectivo das subvencións é “promocionar, protexer e difundir o patrimonio cultural no ámbito da música e as artes escénicas” 

As partidas serán aprobadas mañá en Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra


Infogauda / Pontevedra 


 Catorce festivais musicais e dous de teatro repartiranse os 120.000 euros das axudas convocadas polo departamento provincial de Cultura para certames de música e artes escénicas ao abeiro do ‘Ano do Patrimonio’. As subvencións aprobaranse na Xunta de Goberno de mañá venres e, segundo asegura o deputado de Cultura Xosé Leal, o seu obxectivo é “promocionar, protexer e difundir o patrimonio cultural galego no ámbito da música e as artes escénicas”. 

 Os festivais beneficiarios das axudas, no campo musical, son a 6ª Edición do Festival Multidisciplinar Barosa Líquida de Barro organizada pola Asociación Musical Cultural Tirante, con 3.233 euros; a XVII Festa Xironsa, promovida pola Asociación Cultural Corbilón de Cambados, con 7.038 euros; o Canjazz 2017 de Cangas organizado pola Asociación de Jazz de Cangas, con 7.000 euros; o Vilariño Folk de Cangas, con 6.400 euros, organizado por a Asociación Cultural O Gato; o Rapasons 2017 promovido pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, con 6.655 euros; o Festival DeMonteSound organizado pola Asociación Co-Enrédate de Forcarei, con 4.375 euros; o Festival Armadiña Rock da Asociación Cultural Deportiva e Medioambiental Armadiña de Poio, con 15.027 euros; o XI Arrastro RockFest de Redondela, con 2.512,5 euros; o XI Festival Alternativo Millo Verde de Redondela, con 7.500 euros; o IKFEM de Tui-Valença, da Asociación Xuventudes Musicais de Tui, con 11.233 euros; o XXIV Revoltallo de Música Emerxente de Vigo, con 6.848 euros; o Festival Vertixe Sonora 2017 con 5.000 euros (Vigo); o Festival Minho Reggae Splash, con 7.000 euros (Vigo) e o Festival Rockin’Vila IV, con 5.516 euros, organizado pola Asociación Cultural PIB Crew (Vilanova de Arousa). 

 No eido do teatro, as axudas foron para a XXXIV Mostra Internacional de teatro cómico e festivo de Cangas da Asociación Cívica Cultural Xiria de Cangas, con 15.000 euros, e para a XVIII edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela, con 9.670 euros. 

 Estaba establecido nas bases que as subvencións estaban especialmente concibidas para promover certames que difundan teatro e música en galego e que se levaran a cabo, como mínimo, en dúas edicións consecutivas nos tres últimos anos. Puideron ser solicitadas por persoas físicas e xurídicas que carecesen de fins de lucro ata o pasado 17 de abril.  

 Trátase dunha liña de axudas de nova creación que se convoca neste exercicio por primeira vez, co obxecto xenérico de impulsar os sectores das artes escénicas e musicais, por considerar que se trata de elementos claves da creatividade artística e da dinamización cultural da provincia.

 Requisitos 

 En canto aos requisitos específicos, os festivais de música solicitantes debían ofertar unha duración mínima de dúas xornadas e contar cun mínimo de oito grupos, dos cales catro deben ser grupos galegos ou ter a presenza de máis de 15 compoñentes galegos, así como interpretar obras de autoría galega. Ademais, era preciso incluír na programación actividades paralelas de posta en valor do sector musical galego ou de formación musical.  

 Os Festivais de Artes Escénicas tamén deben ter unha duración mínima de dúas xornadas e contar cun mínimo de oito compañías, das cales un mínimo de tres deben ser galegas ou poñer en escena obras de autoría galega e que empreguen a lingua galega. A programación debían incluír actividades paralelas de posta en valor do sector teatral galego ou formativas.  

 En ambas modalidades, as entidades solicitantes teñen a obriga de empregar a lingua galega na comunicación nos diferentes soportes e no desenvolvemento das actividades paralelas, sen prexuízo do uso doutras linguas oficiais.  

 Para adxudicación destas axudas tivéronse en conta criterios de valoración con respecto á ultima edición do Festival solicitante como son o número de grupos – compañías ou integrantes; a asistencia ao festival; as actividades ou accións paralelas realizadas; e as achegas propias ao proxecto. Tamén se tiveron en conta criterios con respecto á edición do 2017, como a antigüidade do festival; as actividades paralelas a levar a cabo; e a viabilidade do proxecto en relación á porcentaxe de subvención solicitada e orzamento total.

Ningún comentario:

Publicar un comentario