30 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

AREEIRO ASEGURA QUE O RISCO DE INFECCIÓN POR MILDEU NAS VIÑAS É MENOR TRAS A BAIXADA DAS TEMPERATURAS 

Os técnicos advirten dos danos de aplicar tratamentos se non son estritamente necesarios  

Tense detectado xa o primeiro adulto de Procesionaria no piñeiro, o que supón un adianto dun mes fronte á primeira captura de 2016  



Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de indicar no seu último aviso fitopatolóxico que o risco de infección da viña por Mildeu vaise reducir grazas á baixada das temperaturas. Os técnicos subliñan, así mesmo, que é preciso aplicar tratamentos só onde son estritamento necesarios, xa que se corre o risco de eliminar insectos e ácaros moi útiles para o desenvolvemento das vides. 

 Segundo explica a técnico Rosa Pérez, a pesares de que o nivel de risco fronte ao Mildeu será menor se se compren as previsións meteorolóxicas, é previsible que nos viñedos cun control deficiente aparezan novos síntomas de Mildeu a partir do 4 ou 5 de xullo, polo que non hai que descoidar a vixilancia. Así mesmo, Pérez indica que xa se deben empregar produtos que conteñan cobre (consultar páxina web para máis información) nos tratamentos e eliminar o exceso de vexetación para ventilar os acios e permitir o acceso dos funxicidas. 

 Polo que se refire ás viñas, os técnicos non teñen detectado novos síntomas de Oidio nin de Botrite, xa que este ano as uvas  están sas e carentes de feridas, polo que non son proclives á infección por este último fungo. Así e todo, conforme avance a campaña –xa dende o inicio do pintado- haberá que prestar maior atención ás variedades sensibles e/ou se hai períodos de elevada humidade relativa ou choivas, e gretas ou feridas nas uvas. 

 En canto ás couzas do acio, nas trampas instaladas nas parcelas de seguimento as capturas de machos de Lobesiabotrana foron diferentes na súa evolución respecto á semana anterior, sendo o máis normal o aumento de individuos recollidos, que foi máis notorio nas fincas de O Salnés. Porén, en Vide (O Condado) e Tollo (Goián) houbo un descenso de capturas.Para non aplicar tratamentos innecesarios fronte a esta praga debe considerarse, ademais do número de insectos recolleito nas trampas, a presenza de ovos e/ou de penetracións de eirugas nos grans. E non é recomendable tratar a menos que se supere o limiar de tolerancia (3-5% de acios con penetracións en variedades sensibles a botrite e 5-8% no resto de casos). 

 Segundo subliñan dende Areeiro, no caso de ser necesario un tratamento para calquera patoloxía na viña -sobre todo no referenteaos insecticidas-, é preciso ser moi coidadoso e confirmar a súa necesidade, xa que nas videshai un complexo bastante importante de insectos e ácaros útiles que poden ser eliminados con aplicacións non necesarias. 

Maceira e buxo 

 Os técnicos de Areeiro tamén subliñan que é importante manter as maceiras permanentemente protexidas se non se dispón de trampas para facer o seguimento de capturas de Cydiapomonella. En caso de telas instaladas, debe aplicarse un tratamento ao superar o limiar de 2 adultos por trampa e semana, xa que as penetracións de larvas de couza no froito, ademais do dano directo que supoñen, poden favorecer a instalación de fungos de podremia en condicións húmidas e provocar a caída prematura das mazás. 

 Sobre o piñeiro, os técnicos apuntan que nesta semana recolleuse o primeiro adulto de Procesionaria na trampa instalada nos arredores da cidade de Pontevedra, o que supón un adianto de case un mes fronte á data máis temperá de primeira captura rexistrada na mesma trampa en anos anteriores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario