30 de xuño de 2017

TOMIÑO

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA TRABALLA XA NA INSTALACIÓN DOS REDUTORES DE VELOCIDADE DO PLAN MÓVESE NAS ESTRADAS PROVINCIAIS DO CONCELLO DE TOMIÑO  

deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou que a primeiros de agosto comezará o pintado de 74,2 quilómetros de sinalización horizontal nas vías da Deputación no municipio 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitou as obras dos PPS para vixiar a súa execución e estar en contacto coa empresa construtora. 
Foto: D. P.

Infogauda / Tomiño

 O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está xa a instalar os dispositivos de calmado de tráfico do Plan Móvese, pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade de vehículos, en varios puntos das estradas provinciais do concello de Tomiño. Segundo indicou o deputado Uxío Benítez, este concello do Baixo Miño verá finalizadas todas as actuacións nos vindeiros dez días.  

 Os traballos en Tomiño iniciáronse a pasada semanas con tres brigadas de traballo (aglomerado, albañilería e pintado) da empresa Narom. As obras supoñen a instalación de dous pasos de peóns sobreelevados na estrada EP-3102 Tomiño-Sabarís, nos puntos quilométricos 0+400 e 0+500, de nove metros de lonxitude e ao mesmo nivel que as beirarrúas existentes, no lugar de Mosteiro, diante do colexio Pedro Caselles. Como novidade, no PPS vaise pintar unha lenda de advertencia aos peóns na primeira banda do paso de cebra: ‘Atención. Mirar Esquerda-Dereita’ . 

 Tamén se instalarán na mesma estrada outros dous redutores físicos de velocidade, nos puntos 4+360 e 4+410, de seis metros de lonxitude. Por outra banda, na estrada EP31-03 entre Tabagón-Goián construiranse outro par de redutores de velocidade nos puntos 4+240 (de 7 metros de largo) e no 4+290 (de 9 metros).  

 O deputado Uxío Benítez indicou que o Plan Móvese pretende diminuír a violencia viaria mediante o calmado do tráfico con elementos físicos. “A Deputación opta por baixar a velocidade co único elemento que ten efectos reais: os dispositivos físicos, que obrigan a parar o coche, porque os sinais ou os radares, na práctica, non funcionan”, argumentou Benítez. 

 O nacionalista lembrou que as actuacións do Plan Móvese fixéronse a través da participación e solicitudes dos concellos, unha vez recollidas peticións veciñais,que despois foron supervisadas por técnicos provinciais. A propia alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitou as obras dos PPS para vixiar a súa execución e estar en contacto coa empresa construtora. 

 O departamento de Mobilidade executará este ano preto de 600 elementos de calmado de tráfico en toda a provincia logo de recibir máis dun milleiro de peticións. Está previsto que cara ao próximo exercicio se realice unha segunda fase do plan logo do éxito e bo acollemento da primeira edición. 

 Ademáis do Plan Móvese, o departamento de Mobilidade da Deputación tamén está a traballar de forma simultánea no Plan de Sinalización Horizontal, polo que se vai repintar máis da metade da rede viaria provincial. No Concello de Tomiño o pintado das estradas provinciais está previsto, se a situación climatolóxica o permite, para primeiros do mes de agosto. Os traballos de renovación da pintura irán precedidos das rozas pertinentes nas estradas, realizadas tanto da man das brigadas da Deputación como das empresas contratadas. 

 O novo pintado suporá un investimento de 37.534,71 euros e mellorará un total de 74,2 quilómetros de sinalización nas estradas EP-3101 entre Tebra e Cristelos e EP-3102 Tomiño-Sabarís.

Ningún comentario:

Publicar un comentario