26 de maio de 2017

PONTEVEDRA

Areeiro recomenda renovar o tratamento contra o mildeu na viña despois das choivas 

Os técnicos da Estación Fitopatolóxica advirten que as tronadas que se están producindo desde onte son o mellor transmisor para estender esta enfermidade  



Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro advirte que as tronadas que se están produción desde onte son extremadamente favorables para a propagación do patóxeno do mildeu na viña. Polo tanto, recomendan renovar o tratamento en canto o permitan as precipitacións. Os técnicos indican, ademais, que no caso de ter tratado recentemente, e aínda que teoricamente estea a viña protexida polo compoñente funxicida que non é de contacto, se debe comprobar e vixiar que non aparecen síntomas novos. No caso da viñas que presentan un exceso de vexetación, fan fincapé en que o tratamento debe chegar tamén ás zonas da viña que están encerradas en dita vexetación, posto que de non ser así, quedaría esa zona da planta exposta.  

 Os técnicos de Areeiro fan estas recomendacións tendo en conta que, a pesares de que as condicións de temperatura que se rexistraron durante a semana nas horas centrais do día non deberían favorecer a enfermidade, a realidade foi que a humidade relativa do aire non foi baixa nas horas máis frescas, e isto último unido ás tronadas das últimas horas constitúen as condicións máis idóneas para propagar o patóxeno. Tamén informan no aviso desta semana que desde onte o captador de esporas que utilizan nas filas sen tratamento, incrementou notablemente a presenza de esporas.  

 En canto ao oídio, que aparecera a semana pasada en albariño nunha folla –non en acio- e que esta semana apenas se incrementou, sinalan que o risco se debe estimar polas condicións climáticas pero tamén pola situación da parcela, lembrando que as parcelas pouco aireadas son as máis sensibles. Sinalan como condicións climáticas favorables temperaturas de 25 a 30 graos acompañadas dun 40 a un 100% de humidade relativa, e indican que entramos nun período no que soen ocorrer episodios son estas condicións. Para esta semana, tanto no oídio como na botrite, recomendan revisar as viñas e se os acios presentan síntomas, aplicar tratamentos.  

Janetiella oenephila  

 Nunha das parcelas de seguimento de O Rosal, desde a EFA xa levan xa máis de dous anos observando nas follas os síntomas característicos dunha praga menor ocasionada por un pequeno díptero cecidómido chamado Janetiella oenephila. A semana pasada recibiuse na EFA unha mostra de O Salnés con eses síntomas, e hai uns días unha consulta dunha finca de Rianxo (A Coruña) onde tamén se observan, polo que parece que se está a estender nas viñas de Galiza. Os síntomas concéntranse nas follas e son pequenas bugallas circulares de 2-4 mm de diámetro, duras, visibles por face e envés da folla, de cor verde inicialmente  e despois granate-marrón. Estas pequenas bugallas levan dentro as larviñas de cor laranxa-rosado da especie. O síntoma é bastante visible pero en ningún país no que está presente este insecto -os países do sur de Europa e Turquía ou Líbano- tiveron importancia económica, polo que non é preciso aplicar tratamentos, que ademais tampouco serían eficaces unha vez as bugallas están formadas. Só serían efectivos fronte aos adultos, que xa terían aparecido máis dun mes antes. Os técnicos advirten que poderían confundirse con síntomas de erinose ou mesmo de filoxera, polo que na páxina web da EFA, no apartado dedicado ao aviso fitosanitario, reflicten en fotografías as diferencias entre erinose, filoxera e Janetiella oenephila:  
  
 En canto á pataca, lembran que, despois das choivas, a evaporación da auga do solo propicia un ambiente favorable ao patóxeno do mildeu. Polo tanto recomendan, despois das tronadas, renovar os tratamentos. E por último, tamén informan que se observaron varias postas de ovos e as primeiras larviñas da Cydalima perspectalis do buxo polo que, e atendendo aos graves danos que xa produciran na primeira xeración, será preciso tratar despois das choivas.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario