26 de maio de 2017

PONTEVEDRA

A recuperación do espazo público é un dereito dos cidadáns beneficioso para todos e irreversible, principal conclusión do 'Encontro Tonucci' 

A vindeira reunión da rede española celebrarase en Huesca xunto cun encontro de formación  

Participantes no 'Encontro da rede española de cidades dos nenos e nenas' do proxecto Tonucci que finalizou hoxe en Pontevedra
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A recuperación do espazo público é un dereito dos cidadáns beneficioso para todos os integrantes das cidades e irreversible. Esa é a principal concusión do 'Encontro da rede española de cidades dos nenos e nenas' do proxecto Tonucci que finalizou hoxe en Pontevedra, no que tamén se decidiu que a cidade que acollerá a reunión anual de 2018 será Huesca, que a un mesmo tempo tamén organizará un seminario de  formación  para as entidades adheridas . 

 Durante a mañá, o programa organizado pola Deputación recolleu tres seminarios para desenvolver, contrastar e debater os traballos realizados nos diferentes concellos e entidades: o de planificación compartida, xogo e espazo público; consello dos nenos e nenas e autonomía.  

 No grupo de traballo de planificación compartida subliñouse que a filosofía e o proxecto de 'Cidades dos nenos e nenas' que propón Tonucci -deseñar as cidades baixo o paradigma dos nenos e nenas para que sexan válidas para todos- ten que obrigatoriamente estar respaldada por unha aposta política "valente" na que a prioridade sexa a recuperación do espazo público para as persoas. Así, a primeira e máis importante conclusión é que a utilización do espazo polos cidadáns é un dereito que se volve irreversible: unha vez que unha área se restrinxe aos vehículos, todos os cidadáns, e particularmente nenos e nenas, benefícianse.  

 Outra das conclusións asumida por todas as entidades presentes é que é posible recuperar o espazo público en todas as cidades, independentemente do seu tamaño: pequenas vilas ou grandes núcleos, sempre adaptando as fórmulas ás singularidades de cada lugar. Por outra parte, no caso de vilas nas que o modelo xa está implantado nos núcleos urbanos, a aposta é trasladalo, como no caso de Pontevedra, tamén ás zonas do rural. Finalmente, outra das conclusións é que é fundamental á hora de redeseñar os espazos contar coa participación da cidadanía -con nenos e nenas como cidadáns con pleno dereito- en cada un dos proxectos e que é preciso xerar espazos de uso compartido e non segregado  para a convivencia.  

 Consello e autonomía  
 No seminario do consello dos nenos e nenas a principal conclusión é que debe ser unha ferramenta para o alcalde de cada municipio co fin de transformar a cidade, xa que o proxecto 'Cidade dos nenos e nenas' debe aplicarse dende todas as áreas de goberno, non só o urbanismo, senón tamén a educación, xuventude, promoción económica... En canto ao formato, a principal aposta é implicar á comunidade educativa para que, preferentemente, en modo sorteo, escolla aos escolares que forman parte do consello que realizará propostas ao goberno local e decidir a periodicidade necesaria das reunións en función do tamaño de cada concello.  

 Finalmente, no seminario de autonomía, plantexáronse as dificultades para que pais e nais perdan os medos sobre o desenvolvemento de nenos e nenas no seu contorno. Por este motivo a principal conclusión foi a necesidade de actuar recuperando o espazo público de forma contundente, tendo en conta a participación  -con catro eixos: as administracións, familias, escolas e comunidades- e a sensibilización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario