26 de maio de 2017

LABORAL

A SECCIÓN SINDICAL DA CIG EN GKN DRIVELINE VIGO DENUNCIA AS CONDICIÓNS DE SAÚDE LABORAL NA EMPRESA 


Infogauda / Vigo

 A sección sindical da CIG en GKN Driveline en Vigo (antiga Indugasa) denuncia que as condicións de seguridade e saúde laboral na empresa non cumpren cos parámetros legalmente establecidos, en concreto o R.D. 486/97 de 14 de abril sobre disposicións mínimas de seguridade nos lugares de traballo

 A representación sindical da central na compañía do sector da automoción lembra que levan dende o ano 2012 requiríndolle á dirección que “tome en serio o problema do stress térmico na fábrica de Vigo”. 

 Segundo indican, a empresa conta cun protocolo de estrés que prevé dentro das instalacións temperaturas de 45 graos, só facilitando auga e facendo paradas a partir dos 36. “Isto fai que os traballadores/as teñan que soportar xornadas a máis de 30 graos sen que a empresa faga nada para evitar esta terríbel situación que padece o persoal de taller”. 

 Neste senso, sinalan que o real decreto 486/97, que regula as condicións ambientais dos lugares de traballo, marca uns parámetros de entre 14 e 25 graos. “Mais nestes pasados días 23 e 24 de maio estivemos a máis de 40”. 

 Ante a situación de perigo que se viviu neses días para a integridade física dos traballadores/as, dende a CIG reclamáronlle á empresa que active o protocolo de stress e se apliquen as medidas que contempla. “A resposta da empresa é que non se vai aplicar até o 1 de xuño, como se a calor fose un factor determinado polo día e o mes do ano”. 

Desvanecementos no posto de traballo 

 Ao mesmo tempo, lembran que con anterioridade xa se rexistrou “algún desvanecemento dalgún compañeiro/a, mais sen consecuencias graves, polo que de momento non temos que lamentarnos de que sucedese unha desgraza fatal entre os empregados/as.” 

 Critican que co novo Plan Industrial a situación ambiental da fábrica non mellorou senón que empeorou. “Un caso especial é o do novo taller de árbore situado nunha zona sen ningunha ventilación e que mantén unhas temperaturas moi altas de forma constante tanto de noite como de día”. 

 Explican que dende que a empresa subcontratou a asistencia xeral que ten que atender as instalacións -eliminado postos de traballadores/as de GKN- as instalacións destinadas a reducir a calor están estragadas, sen o mantemento necesario, e mal atendidas

 Tamén denuncian que a empresa incumpre a lei ao non dar a información necesaria aos representantes dos traballadores/as sobre o mapa de temperaturas, humidade ou velocidade do aire. Ademais, colocan os termómetros fóra dos talleres onde están as máquinas e os operarios/as, dando medicións moito máis baixas que as que realmente se sofren nos postos de traballo. 

 Como consecuencia, a empresa crea un clima de traballo precario e insalubre dentro da fábrica ao non velar pola saúde dos traballadores/as

 Diante disto, dende a CIG pregúntanse se é este o futuro do Plan industrial de GKN-Vigo, se prevalecen máis outros factores que a saúde dos traballadores/as. O persoal está nunha situación límite e cremos que se isto segue así non desbotamos comezar a mobilizarnos”. 

 Finalmente, reclámanlle á dirección que “remate con esta deriva de subcontratación e precarización na fábrica que fai empeorar o noso servizo” e que se preocupe por “contar cun sistema de climatización digno da empresa que di ser”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario