26 de maio de 2017

A GUARDA

A exposición “Grabados nas beiras” xa se pode visitar no Centro Cultural de A Guarda 

Ata o vindeiro día 11 de xuño 


A exposición “Grabados nas beiras” pode visitarse no Centro Cultural de A Guarda
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A exposición “Grabados nas beiras” é unha das actividades levadas a cabo polas asociacións O Fuscalho, A Jalleira, ANABAM, IEM, ACAMO, SOS Groba e Colectivo Carballas. Todo aquel que se achegue ao Centro Cultural do 24 de maio ata o 11 de xuño, poderá desfrutar desta serie de calcos de petróglifos de équidos, obra de Manolo Ledo, dentro das xornadas “O Miño e Nós”.  

 Esta iniciativa xorde a través do proxecto EQUUS do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), que xira ó redor do patrimonio natural e cultural dos cabalos garranos que viven nas serras de Galicia e no norte de Portugal. Un equipo de arqueólogos, fotógrafos e prospectores estuda o mundo da arte rupestre, nun proxecto cultural baseado no traballo de prospección e rexistro dos gravados, o levantamento fotogramétrico dos mesmos e o estudo particular e comparativo dos paneis.  

 As conclusións ás que están chegando é que a convicción de que o cervo era o animal máis representado na arte rupestre galego-portuguesa, non é válida, xa que despois de analizar máis de setenta superficies desta zona, pode verse como é o cabalo/garrano/équido é o dominante, cunha función semellante á do cervo do resto de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario