22 de mar. de 2017

PONTEVEDRA

A ‘FACULTADE DA COMPOSTAXE’ INICIARÁ O CURSO COA NOVA PROMOCIÓN DE MESTRES COMPOSTEIROS O VINDEIRO 3 DE ABRIL

O vicepresidente Mosquera sinalou a variedade e alto nivel do profesorado do curso de formación dos bolseiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra

O vicepresidente César Mosquera Lorenzo, lembrou hoxe que segue aberto o prazo (ata o 30 de marzo) de presentación de solicitudes para  participar no concurso oposición para persoal interino por programa do Plan Revitaliza.

Foto: D.P.


Infogauda / Pontevedra

 A ‘Facultade da Compostaxe’ iniciará o 3 de abril o curso coa nova promoción de mestras e mestres composteiros. O vicepresidente César Mosquera Lorenzo así o indicou hoxe tras confirmar que o tribunal cualificador xa seleccionou os 20 mellores candidatos a bolseiros do Plan Revitaliza despois de ter realizado o exame e a entrevista persoal, quedando outros cinco en reserva. A mediados de maio, as 15 persoas con cualificacións máis altas comezarán a traballar en prácticas como mestres e mestras compostadores da Deputación por unha duración mínima de seis meses.  

 Segundo explicou Mosquera, a formación na ‘Facultade da Compostaxe’ durará cinco semanas e contará, ao igual que na anterior edición, con profesores e relatores de alto nivel, de procedencias do máis variado (Austria, Italia, País Vasco, Navarra, Cataluña, Granada, Lugo, Santiago… ) e de todo tipo de entidades (Unión Europea, Ministerio de Medio Ambiente, Xunta de Galicia, Adega, Amigos da Terra, Axencia de Residuos de Cataluña, Sogama ou Albada, entre outras). Así mesmo, estará co-dirixido pola vicedecana da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo, Fuencisla Mariño Callejo.    

 “A formación que van recibir os aspirantes a mestres composteiros é moi completa (…). Eliminamos do curso con respecto ao ano pasado algunha parte sobre lexislación, porque estaba duplicada, e agora vai todo máis axustado. A parte práctica do curso desenvolverase tamén en Príncipe Felipe, onde xa está todo o procedemento de funcionamento dos centros de compostaxe moito máis ‘engrasado’”, apuntou o nacionalista.  

 Cinco módulos 
 O curso de formación está dividido en cinco módulos. O primeiro trata dos aspectos normativos e lexislativos relativos ao medio ambiente en xeral e aos residuos en particular (a súa prevención, reutilización, reciclaxe). Abranguerá tanto lexislación europea, como española e das comunidades autónomas (particularmente a galega), así como das normas de ámbito municipal (ordenanzas).   

 O módulo dous centrarase nos aspectos de tipo loxístico propios dos residuos urbanos, nas recollidas selectivas en xeral, pero moi especificamente na da materia orgánica fermentable. Abordaranse tanto aspectos técnicos e/ou tecnolóxicos como organizativos/económicos e serán estudados casos concretos reais actualmente en marcha. 

 No módulo tres abordaranse os diferentes modos de tratamento dos residuos urbanos de uso estendido para pasar xa a un estudio en profundidade dos aspectos científicos-técnicos específicos da compostaxe. Trataranse peculiaridades propias da compostaxe a pequena e moi pequena escala (de individual/familiar ata comunitaria/produtores singulares), chegando ata instalacións de tipo industrial. Dentro destas últimas centrarase o estudio nas de pequeno tamaño (< 3.000 t/a) que traballen sobre fracción orgánica selectiva na orixe.  

 O módulo catro consistirá nunha explicación exhaustiva e detallada do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra e o cinco será de tipo totalmente práctico nos centros de compostaxe da Cidade Infantil Príncipe Felipe.  

 Máis persoal 
 Os novos bolseiros do Plan Revitaliza incorporaranse ao traballo efectivo nos centros de compostaxe que a Deputación ten instalados en 20 concellos da provincia a mediados do mes de maio. Co fin de garantir o mantemento, os actuais mestras e mestres composteiros verán prorrogadas as súas prácticas, de xeito que haberá un período de solapamento entre ambos grupos de técnicos para transmitir todas as especificidades de cada localidade. 

 Por outra banda, o vicepresidente lembrou hoxe que segue aberto o prazo (ata o 30 de marzo) de presentación de solicitudes para  participar no concurso oposición para persoal interino por programa do Plan Revitaliza. A convocatoria pretende cubrir 12 prazas de mestre composteiro (C1), 6 de técnico de xestión de residuos orgánicos (A2) e dúas de técnico económico administrativo (A2)

Ningún comentario:

Publicar un comentario