22 de mar. de 2017

PONTEVEDRA

MOSQUERA: “GUSTARÍAME ANUNCIAR EN DOUS MESES QUE HAI PROXECTOS SIGNIFICADOS PARA CREAR PARQUES FORESTAIS NOS MONTES DA PROVINCIA” 

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra anunciou que as bases de subvencións para a mellora dos montes aprobarase este venres con 1,2 millóns de euros   

Asegurou que se pretende garantir o uso público nas zonas a actuar durante un mínimo de 20 anos

César Mosquera Lorenzo, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera Lorenzo, anunciou hoxe que as bases de subvencións a concellos destinadas á mellora dos montes mediante a creación de parques forestais aprobarase este venres en Xunta de Goberno provincial. Os municipios interesados, que poderán acadar ata 1,2 millóns de euros en axudas, disporán de dous meses para presentar as súas solicitudes. Segundo indicou o nacionalista, “teño ilusión neste proxecto, que estaba no pacto de goberno, e gustaríame anunciar en dous meses que hai proxectos moi significados para mellorar o estado dos montes da provincia”.  

 Mosquera destacou que a intención da Deputación é crear áreas de uso público e disfrute da cidadanía mediante a posta en valor de áreas de monte comunal con valores paisaxísticos, produtivos ou ambientais. Para garantir este obxectivo, subliñou, nas bases establécese a obriga de que sexan os concellos os que soliciten as subvencións á Deputación e non as comunidades de montes. “Queremos que os concellos sexan os garantes do uso público e que, mediante convenios ou acordos coas comunidades de montes, estas cedan o uso aos municipios. Deste xeito evitamos que unha comunidade de montes que solicite unha axuda, a consiga, e despois non manteña a actuación ou peche o espazo ao público xeral. Por iso tamén consideramos un prazo mínimo de cesión dos terreos de 20 anos”, asegurou o vicepresidente.   

 Outro dos requisitos das bases, ademais do uso público, son as características específicas das actuacións a subvencionar. Segundo indicou o vicepresidente, aceptaranse as replantacións, pero non serán o obxectivo único, senón que se pretende o fomento doutros aproveitamentos, de tipo gandeiro, micolóxico, de ocio… Así mesmo, é obrigatorio que as actuacións se executen en alomenos 50 hectáreas de terreo: “non queremos financiar zonas verdes de 200 metros cuns bambáns. Queremos realmente a creación de parques forestais con diferentes reclamos”. 

 O montante total que a Deputación destinará aos parques forestais serán 1,2 millóns de euros. Diferenciaranse dúas liñas de subvención. A primeira terá 360.000 euros e destinarase á redacción de proxectos de intervención no monte,subvencionables até un máximo do 80% do seu custe cun límite superior de 120 €/hectárea. A segunda liña (con ata 840.000 euros) servirá para financiar tarefas de prevención de incendios e freado de lumes, posta en valor paisaxística e ambiental, así como de actuación sobre o solo e revexetación, sendo a axuda dun máximo do 80% do custe da actuación cun límite superior de 900 €/hectárea. Non se poderán  acoller a esta segunda liña as solicitudes que non incorporen un proxecto xa redactado.  

 En ambos casos, o 20% restante do orzamento total, ou a cantidade que resultase de superar os límites fixados, terana que aportar os concellos solicitantes, ben dos seus fondos, ben mediante acordos coas entidades titulares do predios obxecto da actuación pretendida. 

 Mosquera explicou que o Plan de Mellora dos Montes nace con vocación de continuidade, polo que indicou que aqueles concellos que nesta primeira convocatoria aspiren a obter financiamento para a redacción dun proxecto de mellora, o vindeiro ano 2018 poderán ser beneficiarios de axudas para a execución deses programas con actuacións concretas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario