Os XXI premios María Casares de teatro entréganse mañá na Coruña nunha gala dirixida por Pepo Suevos
A Axencia Galega das Industrias Culturais apoia a celebración deste evento a través dun convenio de colaboración coa entidade organizadora, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia
O CGAI acollerá este xoves, ás 20.30 horas, unha sesión en homenaxe á gran actriz galega que lle dá nome a estes galardóns
Infogauda / A Coruña
O Teatro Rosalía Castro da Coruña será mañá o escenario da cerimonia de entrega dos XXI Premios María Casares, organizados pola Asociación de Actores de Actrices de Galicia (AAAG) co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entre outras entidades. O humorista Pepo Suevos dirixirá e presentará o evento, que volverá reunir gran parte da profesión teatral galega para recoñecer os mellores traballos e producións de 2016.
Algúns dos detalles desta gala foron adiantados hoxe polo propio Pepo Suevos na rolda de prensa que tivo lugar no Pazo de María Pita e na que participaron tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande, e a vicepresidenta da Asociación de Actores de Actrices de Galicia, Mabel Rivera.
Jacobo Sutil subliñou na súa intervención o compromiso da Xunta coa organización dos María Casares, que se volveu confirmar este ano a través da sinatura dun convenio de colaboración entre a Agadic e a AAAG. Nas súas palabras, este apoio fundaméntase tanto no estímulo que para o teatro galego supón contar cunha cita anual na que se recoñezan os mellores espectáculos e os profesionais que os levaron a cabo, como na importancia que estes galardóns teñen para a visibilidade social do sector.
Proxección de ‘Orfeo’
O director da Agadic puxo, así mesmo, o acento no labor de difusión que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia está a realizar sobre a figura de María Casares, quen lle dá nome aos premios desde a súa primeira edición en 1997. Tamén neste caso, a Xunta de Galicia colabora coa AAAG poñendo á súa disposición o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) para a exhibición, o xoves 30 ás 20.30 horas, da película de Jean Cocteau ‘Orfeo’, protagonizada por María Casares. Esta proxección, de entrada libre, será en versión orixinal con subtítulos en galego.
En canto á cerimonia de mañá, o humor e a música marcarán o ritmo de entrega dos premios nas diferentes categorías ás que optan un total de 13 espectáculos. Suso Montero volve encargarse da escenografía e Marta Horjales da produción executiva, mentres que seis actrices e actores compartirán o escenario con Pepo Suevos como parte do elenco da gala: Josito Porto, Silvana Sestelo, Marta Lado, Alberto Rolán, Patricia Torres e Roberto Leal. A música, composta para a ocasión, correrá a cargo dos percusionistas Amaury Quintero e Marcos Jaramillo, o pianista Josep Ruiz, o baixista Juan Pérez e o trompetista Daniel Polo.
O evento será retransmitido pola Televisión de Galicia, en directo a través da súa web e en diferido, a partir das 23.45 horas, pola primeira de TVG.
Os finalistas
Entre os finalistas desta edición, á que se presentaron candidaturas de 44 espectáculos e preto de 400 profesionais, destaca como o espectáculo con maior número de candidaturas (11) ‘O tolleito de Inishmann’, de Contraproducións co FIOT Carballo. Pola súa banda, ‘Eroski Paraíso’, de Chévere, aspira a oito galardóns, e ‘Raclette’, de Ibuprofeno Teatro, a cinco. Estas tres producións dispútanse os apartados á mellor espectáculo e dirección.
‘Voaxa e Carmín’, de ButacaZero, opta a levar cinco xerras María Casares; ‘Foucellas’, de Talía Teatro, competirá en tres modalidades, e as montaxes ‘A nena que quería navegar’, de Redrum Teatro, e ‘Os amores de Jacques o fatalista’, de Producións Teatráis Excéntricas, farano en dúas. Finalmente, optan a un galardón ‘Xurdefet (Jour de Fête)’, de Berrobambán; ‘Pavillón Lino’, de Caramuxo Teatro; ‘Tartufo’, do Centro Dramático Galego (para Cesar Cambeiro na modalidade de mellor actor protagonista); ‘Get Back’, de Eme2 Producións; ‘Danza da choiva’, de Elefante Elegante, e ‘Os Rockenstein’, de Malasombra Producións.
Ademais, durante a gala entregaráselle o Premio de Honra Marisa Soto ao dramaturgo e director Eduardo Alonso e a actriz e dramaturga Imma António será a encargada de ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario