2 de feb. de 2017

PONTEVEDRA

AS BRIGADAS DE MANTEMENTO ACTÚAN EN DECENAS DE ESTRADAS PROVINCIAIS PARA RESOLVER AS INCIDENCIAS PROVOCADAS POLO MAL TEMPO  

O 112 trasladou sete avisos de emerxencias por caídas de árbores e de valos principalmente na comarca do Condado-Paradanta  

Os operarios da Deputación estarán en alerta as 24 horas   

Uxío Benítez, deputado de Mobilidade

Infogauda / Pontevedra

 As oito brigadas de mantemento de estradas da Deputación de Pontevedra, que estarán en alerta 24 horas ao día durante as xornadas que dure o aviso meteorolóxico,actuaron durante a mañá de hoxe en ducias de estradas provinciais de xeito preventivo para evitar asolagamentos, arrastres de terra e desbordamentos por mor da alerta por mal tempo. Así mesmo, solventaron sete emerxencias advertidas dende o 112 por caídas de árbores e valos que impedían o tránsito de vehículos, principalmente na comarca do Condado-Paradanta.  

 O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, estivo durante mañá pendente da situación da rede provincial, constatando a correcta coordinación dos operarios que atenderon os diferentes problemas xurdidos polo forte vento e chuvia, que facían moi perigoso o tránsito polas vías. Benítez destacou o grande traballo dos operarios que se esforzaron para que a circulación fose o máis segura posible a pesares das inclemencias do tempo.   

 As oito brigadas do departamento de Mobilidade estiveron traballando dende primeira hora da mañá –durante a noite non houbo avisos- de xeito preventivo facendo percorridos polas áreas de traballo asignadas polos 1.700 quilómetros da rede de estradas provinciais. Estanse a vixiar principalmente as zonas de augas máis conflitivas para evitar asolagamentos, arrastres de terras e desbordamentos, así como limpando as marxes das calzadas para evitar taponamentos de sumidoiros e taxeas derivados das caídas de follas, polas e outros materiais.   

 As actuacións de urxencia no día de hoxe comezaron ás 8.03 da mañá, cun aviso do 112 en A Cañiza (na EP-5003 entre A Cañiza-Arbo) por un accidente dun coche que chocou con polas caídas na estrada por mor do vendaval. Posteriormente (8.43 horas) houbo que acudir a Soutomaior (EP-2908 entre Arcade e Amoedo) pola existencia dunha eucalipto de grandes dimensións que ocupaba un carril da estrada. Os operarios tiveron que retiralo e partilo para a súa posterior recollida.   

 As actuacións continuaron no concello de Covelo  (EP-5101 entre Covelo-Lamosa), onde unha árbore caera sobre a vía, ao igual que ocorreu en Ponteareas na estrada EP-4004 de acceso á igrexa de Guláns sobre as 10.45 da mañá e outra vez en Covelo (na EP-4305) por outras dúas árbores ás 13.10. Despois, xa ás 13.40 foi preciso acudir a Forcarei pola caída dun valo na vía. Alí foi preciso sinalizar, limpar e asentar de urxencia para evitar novos desprendementos.   

 Así mesmo, as brigadas tamén tiveron que actuar na EP-0306 de A Lama (Ponte Verdugo-Cambeses-Barcia) na retirada dunha res morta e na EP-5005 en A Cañiza (A Caañiza-Pousa) para retirar os restos dun accidente sen feridos sobre as tres da tarde.   

 O operativo das brigadas seguirá a actuar de xeito preventivo en todas as estradas da provincia (comarcas de Pontevedra, Deza, Tabeirós, Caldas, Salnés, Morrazo, Vigo, Baixo Miño, Condado e Paradanta) ata as 18.00 horas de hoxe e despois continuará en alerta para atender os avisos de emerxencia. Esta planificación de traballo repetirase durante os días de alerta polo temporal, estando dispoñible 24 horas ao día persoal de mantemento coa finalidade de garantir a seguranza viaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario