2 de feb. de 2017

A GUARDA

O BNG PRESENTA UNHA MOCIÓN PARA GARANTIR O SUBMINISTRO ELÉCTRICO ÁS PERSOAS SEN RECURSOS

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG: “O BNG solicita a creación dunha tarifa eléctrica galega atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade que posibilite unha baixa das tarifas” 
  
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG

 Infogauda / A Guarda

 O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción para que os Gobernos galego e español do PP garantan o subministro eléctrico ás persoas con poucos recursos.
  
 O BNG lembra que en Galiza a taxa de risco de pobreza situouse no ano 2.015 no 19,4%, o que significa que máis de 700.000 persoas están en risco de exclusión social ou pobreza

 A moción - segundo afirmou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG - insta ao Goberno galego a realizar as modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza e, adopte medidas prácticas para evitas as dramáticas consecuencias desta problemática nos fogares galegos máis desfavorecidos.  
 Ademais, insta ao Goberno español a regular a prohibición de corte de subministro unilateral por parte das empresas subministradoras de servizos esenciais como enerxía para evitar cortes ás familias sen recursos.  
 “O goberno local non só debe garantir por medio da administración municipal e dos servizos sociais públicos o apoio as persoas que o precisaren, senón que tamén debe impulsar diante do Estado español e da Xunta de Galiza iniciativas para a prestación de servizos básicos destinados aos grupos máis desfavorecidos”, comentou Ángel Luis Baz Vicente.  

 A moción do BNG solicita do Goberno español a creación dunha tarifa eléctrica galega atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade que posibilite unha baixa das tarifas tanto para o consumo doméstico como para as empresas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario