6 de feb. de 2017

GALICIA

A Xunta abre expediente informativo ás distribuidoras de electricidade para confirmar se os protocolos de actuación foron os axeitados ante as incidencias do temporal 

A Xunta está a avaliar o sucedido co obxectivo de garantir que as actuacións levadas a cabo para restablecer o servizo eléctrico están sendo adecuadas  

Con respecto aos consumidores afectados, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, informará aos particulares dos seus dereitos nas oficinas de Consumo, a través da súa páxina web e no número de teléfono gratuíto 900231123

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta está avaliando a situación tras os cortes no subministro eléctrico que se produciron en Galicia a causa do temporal dos últimos días para o que abrirá un expediente informativo ás compañías distribuidoras co obxecto de confirmar que os protocolos de traballo seguidos foron os axeitados.
 
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que seguindo o procedemento habitual “é necesario garantir que as actuacións que se realizaron este fin de semana por parte das compañías eléctricas foron as correctas”. Conde quixo agradecer especialmente o esforzo dos equipos que traballaron durante estes días, “sen incidencias a pesar das duras condicións meteorolóxicas”, para restituír o servizo en fogares e empresas galegas.


 Ao mesmo tempo, ademais dos teléfonos de avarías e reclamacións habilitados polas propias compañías, Conde puxo a disposición dos afectados todos os servizos de información e asesoramento dos que dispón o Instituto Galego de Consumo. Neste sentido, achegarase información a todos os usuarios sobre como presentar as reclamacións polo tempo que pasaron sen subministro eléctrico, así como polos posibles danos e prexuízos que os cortes de luz puideron ocasionar nos seus fogares. Os interesados, ademais de acudir as oficinas de Consumo, poden informarse a través da súa páxina web ou no número de teléfono gratuíto 900 231 123.

Ningún comentario:

Publicar un comentario