6 de feb. de 2017

PONTEVEDRA

O alumnado do obradoiro de emprego DepoAtende iniciou este luns as prácticas en cinco entidades sen ánimo de lucro da provincia 

O curso iniciouse en outubro no Centro Príncipe Felipe da Deputación. Esta última fase, destinada á adquisición de experiencia profesional, conclúe a finais de marzo  

A deputada provincial de Emprego, Montserrat Magallanes Álvarez, reuniuse coa docente e con estudantes de DepoAtende no Centro Príncipe Felipe
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 As trece mulleres e o home que compoñen o alumnado do curso "Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais", que se iniciou o pasado 1 de outubro no Centro Príncipe Felipe da Deputación, en Pontevedra, comezaron este luns 6 de febreiro a fase de prácticas en cinco entidades sen ánimo de lucro da provincia, o que lles permitirá adquirir experiencia profesional no ámbito no que recibiron formación ata o vindeiro 29 de marzo.  

 As asociacións de familiares de persoas enfermas de alzhéimer AFAGA e AFAPO, Amencer-Aspace, COGAMI Mos e Pontevedra e a Asociación Juan XXIII Pontevedra son as entidades nas que o alumnado do obradoiro de emprego poderá poñer en práctica os coñecementos aprendidos en ámbitos coma a atención hixiénico-sanitaria ou o apoio psicosocial e comunicativo en institucións.  

 A deputada provincial de Emprego, Montserrat Magallanes Álvarez, reuniuse coa docente e con estudantes de DepoAtende no Centro Príncipe Felipe, e abordou as "posibilidades laborais" na atención sociosanitaria a persoas dependentes e animou a cada participante a aproveitar esta oportunidade formativa.

Ningún comentario: