1 de feb. de 2017

CULTURA

A Guarda homenaxea co libro “Camiños da Imaxe” e aulas especiais nos colexios a figura de Joaquín García Portela “Costiña”

A presentación da publicación será o venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas no Centro Cultural; e con ela quérese pór en valor ao autor das gravacións máis antigas existentes da vila
  

Joaquín García Portela, na súa labor de proxeccionista de cinema no Cine-Teatro Avenida
Foto: Arquivo de Celia e Joaquina Martínez García


 Proxecto Socheo / A Guarda

 O Concello da Guarda, en colaboración co Proxecto Socheo, organiza unha serie de actividades arredor da figura e obra de Joaquín García Portela, máis coñecido polo alcume do Costiña. As actividades céntranse na presentación dunha unidade didáctica nas escolas da Guarda e rematarán coa presentación do libro que leva por título Camiños da Imaxecoordinado por Xurxo González e Beli Martínez.

 As películas do Costiña, filmadas na década de 1920 e recuperadas recentemente cun chisco de fortuna, son as máis antigas realizadas na Guarda ou por un guardés das que se teñen constancia.

 Este programa forma parte da homenaxe que lle quere tributar a vila da Guarda á memoria do Costiña. Concretamente vén sendo a segunda parte despois da exposición con fotografías e máis a exhibición dos seus filmes restaurados que tivo lugar nos meses de xullo e agosto do 2016 na Casa dos Alonso.

 Dende aquela, e da man da Deputación de Pontevedra, traballouse na edición dunha publicación que dá testemuña á figura e máis a obra do senlleiro fotógrafo guardés.

  A presentación do libro terá lugar o vindeiro venres, 3 de febreiro, ás 20:30, horas no Centro Cultural guardés. Este acto terá como colofón a proxección dos filmes familiares de Joaquín Portela, musicados ao piano polo mestre Karolis Biveinis.


Alumnos e profesores do Colexio PP. Somascos, asistiron á presentación dos filmes do Costiña
Foto: Proxecto Socheo

 Esta semana cultural complétase cunha serie de presentacións dos filmes do Costiña nos centros educativos da Guarda onde porase en práctica unha unidade didáctica deseñada para a ocasión. Os centros que se adheriron a esta iniciativa son: Pais Somascos, Manuel Rodríguez Sinde, A Sangriña e San José – HH. Carmelitas.

 Asemade, nunha das salas do Centro Cultural volverase pendurar a colección de fotografías recuperadas para a exposición debido a excelente acollida que tivo este material entre veciños e visitantes.

 A unidade didáctica pódese consultar premendo eiquí.
  
As gravacións de Joaquín García Portela e a súa descuberta

 Joaquín García foi un dos fotógrafos máis lembrados na Guarda, na que viviu entre os anos 1894 e 1957.

 Entre os anos 1926 e 1929 realizou unha serie de filmes familiares que permaneceron ocultas ata que, no Nadal do 2014 e durante unha limpeza do faiado, as súas netas Joaquina e Celia Martínez atoparon unha caixa con 8 rolos de películas no formato 9,5 mm da Casa Pathé.

 A familia contactou có Proxecto Socheo e púxose en marcha un traballo de análise e posta en valor que permitiu a súa dixitalización e exhibición pública.


 Fotograma de un dos filmes de Joaquín García Portela

 A maioría da súa metraxe son variadas secuencias costumistas relacionadas co mundo do mar: mariñeiros, actividade no porto, vida na Ribeira, recollida de argazo, redeiras, embarcacións, arranxando gamelas, temporais,… Mais tamén atopáronse rexistros de celebracións guardesas como a fogueira de San Xoán no muíño de Mazaracos, misa e procesión da Festa da Guía, Festa do Monte ou a Romaría de Santa Trega. Tampouco faltan secuencias do mundo rural da zona de Salcidos e o Castro: recollida de patacas, cría de animais, escenas campestres,… Ademais de imaxes da Guarda tamén hainas do Berbés, en Vigo.
  
Sobre o Proxecto Socheo
 O Proxecto Socheo comezou a súa andaina no 2011, dende entón recibiu galardóns como o o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, xunto o IES A Sangriña, ou o segundo premio do Concurso de Proxectos e Ideas para a Xestión Cultural; tamén foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galego de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Carballo Interplay, Cineclub de Caminha, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico,… entre outros.

 A maior parte do seu traballo de arquiveiro da memoria audiovisual do Baixo Miño e A Guarda está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 119.000 visitas. Pódense ver máis de 300 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario