1 de feb. de 2017

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA PROMOVE O SEU SECTOR TURÍSTICO

Na XVIII edición de “Xantar”, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico 

Montserrat Magallanes Álvarez  - no centro da imaxe -, concelleira de Turismo do Concello de A Guarda, no stand de Xantar, con Rosalía Verde Pérez, técnica de Turismo do concello guardés, e Rosana Lomba González, bolseira de Turismo do Plan Laboral 2016, da Deputación de Pontevedra
Fotos. C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 O concello da Guarda está presente nunha nova edición de Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico. Esta feira, que acadou en 2014 o recoñecemento de Internacional, celebra do 1 ao 5 de febreiro a súa 18º edición no recinto de Expourense, ao que se espera que se acheguen miles de persoas durante estes cinco días. 

Vista do stand do Concello de A Guarda

 Esta é a segunda feira á que concello da Guarda acude neste ano 2017 para promocionarse como destino turístico tras a súa participación na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) o pasado mes de xaneiro. Nesta ocasión a representación do concello acude a unha cita coa gastronomía e o turismo para seguir impulsando o seu sector turístico nunha data que reúne 232 expositores procedentes de 11 países diferentes. Nestes días en Expourense estarán presentes 15 restaurantes e o recinto acollerá unha gran diversidade de actividades como un Encontro de Bloggers Gastronómicos de España e Portugal a través das redes sociais, numerosas catas e degustacións ou talleres didácticos con chefs de prestixio dos diversos países participantes. Ademais haberá conferencias, presentacións literarias, exposicións de arte e ata máis de 200 actividades diferentes.  

Montserrat Magallanes Álvarez con Mª Carmen Baz Vicente, do Restaurante Xeito, que participa no Salón Internacional de Turismo Gastronómico

 Deste xeito, ademais de recrear experiencias gastronómicas dos lugares presentes na Feira, como é o caso da Guarda, coa que se exaltan as materias primas e a gastronomía de cada destino, Xantar tamén é un punto de encontro dos recursos turísticos. Dentro do recinto de Expourense danse a coñecer os atractivos gastronómicos, paisaxísticos e históricos de cada rexión.  

 A Guarda conta co seu propio stand no que os visitantes poderán informarse das novidades da vila como a Rede do Museos, o Centro de Interpretación das Fortalezas Transfronteirizas, as festas e lugares de interese da vila ou as visitas guiadas que se poden realizar ao MASAT (Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega), a Fortaleza de Santa Cruz ou ao Museo do Mar.  

 Trátase dunha feira á que se achegan visitantes de toda a provincia de Ourense, así como do norte de Portugal, de León e da provincia de Lugo, un público que tradicionalmente visita e pasa as súas vacacións de xeito asiduo na vila. Coa súa presencia, o concello da Guarda busca atraer visitantes de proximidade, que en pouco máis de hora e media podan achegarse á Guarda.  

 Ademais, sempre houbo unha forte vinculación con familias de Ourense que escollían A Guarda para os seus días de vacacións. Xantar serve para reforzar este vínculo e amplialo, dando a coñecer  e promocionando os numerosos atractivos turísticos que ten para ofrecer a vila e as novidades dos últimos anos.

Ningún comentario: