O PROGRAMA DE ACTIVIDADES DO ENTROIDO GUARDÉS 2017 PRESENTA NOVIDADES
Infogauda / A Guarda
Achégase unha desas épocas destacadas para a vila da Guarda, na que as rúas énchense de cores, música, bailes e, en definitiva, de moita festa. O entroido xa case está aquí e para celebralo, dende a Concellería de Cultura do Concello da Guarda teñen preparado un completo programa para desfrutar deses días.
A troula comeza o venres 24 de febreiro co “Entroido dos coles”. A partir das 12:00 horas os nenos e nenas dos centros escolares da vila desfilarán cos seus disfraces. Sairán dende a Alameda e percorrerán a rúa Galicia ata rematar na Esquina do Galo.
O día seguinte, 25 de febreiro, celébrase o “Sábado da mocidade”. A primeira cita do día será ás 17:30 horas, no Centro Cultural, coa proxección do filme Vicky El Vikingo. Anímase a que tódolos nenos e nenas acudan a esta tarde de cinema infantil cos seus disfraces. Xa pola noite a carpa da Alameda acollerá, ás 23:30 horas, o concerto do grupo pontevedrés Gold and Colt que interpretarán música country-soul. Tras o concerto, á 1 da madrugada, dará comezo unha das novidades deste ano: o Concurso Drag Queen Guardés. Este certamen busca fomentar de novo unha tradición moi arraigada na vila como é a de ver cada ano aos homes guardeses disfrazados de muller. As inscricións poden realizarse do 15 ao 23 de febreiro no Departamento de Cultura do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no e-mail cultura@aguarda.es ou o mesmo día do concurso ata unha hora antes da súa celebración. Despois do concurso seguirá a noite coa Festa Retro que contará coa actuación de DJ CELIG.
O domingo 26 de febreiro terá lugar o “Día das familias” no que a partir das 18:00 horas haberá festa coa Orquestra Carambola na carpa da Alameda.
O luns de Entroido, día 27 de febreiro, haberá un Obradoiro de Máscaras e Pintacaras na Biblioteca Municipal ás 11:30 horas. Pola tarde, ás 18:00 horas na carpa da Alameda, terá lugar o concerto do Trío Refugallo, un grupo de música tradicional infantil. E a partir das 19:30 horas continuará a festa coa Orquestra Estelares.
O entroido guardés vivirá o seu último e máis importante día o martes día 28, co Desfile de Entroido. Neste desfile-concurso os participantes percorrerán as rúas guardesas coas súas carrozas e comparsas. O prazo para anotarse nas diferentes categorías (carrozas, comparsas, grupos, individual e parellas infantil, individual e parellas xuvenil-adulto) estará aberto ata o 22 de febreiro. A saída do desfile será ás 17:30 horas da Esquina Famosa. Despois haberá festa coa Charanga Os Charamujas, que xa irán acompañando o propio desfile.
Dende o concello da Guarda convídase a tódolos veciños e veciñas a participar no Desfile e a desfrutar das diversas actividades e actuacións incluídas nunha programación coa que se espera que toda a vila celebre e desfrute do entroido.
BASES DO CONCURSO DRAG QUEEN GUARDÉS
1-O obxectivo deste concurso é fomentar de novo unha tradición moi arraigada na vila de A Guarda como é a de ver cada ano os homes guardeses disfrazados de muller, coas roupas das súas parellas,ou no caso das mulleres vestidas de atavíos de festa para converterse por un día nunha artista. Esta iniciativa que pretendemos lanzar dentro do Entroido guardés 2017, está enfocada directamente a que esta tradición no se perda, xa que son moitos os recordos que nos veñen dos mariñeiros que viñan á terra para celebrar o entroido e saían a rúa con perrucas, vestidos o mais floridos posibles,abrigos de pel e por suposto tacóns. Por sorte, esta tradición seguiu pasando de pais a fillos e aínda a día de hoxe non é raro ver polas rúas guardesas os nosos homes vestidos de muller ou as mulleres vestidas de abelorios.
2-Poderá anotarse a este concurso calquera home ou muller maior de 18 anos vestido de muller,deixando ó seu criterio a vestimenta que desexe utilizar para a súa actuación.
3- A inscrición poderá realizarse no Departamento de Cultura dende o día 15 ó 23 de Febreiro en horario de 9 a 14 h, no correo electrónico cultura@aguarda.es ou o mesmo sábado 25 de Febreiro ata unha hora antes do concurso.
Os concursantes non terán que presentar ningún tipo de documentación, soamente presentarán o seu nome e apelidos, xunto cun teléfono de contacto e o nome que usarán para o seu disfrace.
4- A celebración do concurso será o Sábado 25 de Febreiro á 1 da madrugada na Carpa da Alameda, e será acompañada por un DJ que porá música ás representacións dos nosos Drag Queens guardeses.
Prégase a todos os participantes estar na Carpa da Alameda as 12.30 da noite e identificarse ante os organizadores do Concurso que estarán pola zona do palco.
5-A orde de subida ó escenario para representar o seu personaxe e mostrar ó xurado e o público o seu disfrace , será por orde de inscrición e será comunicado os participantes no momento no que se identifiquen ante a organización.
6-O xurado estará formado por tres persoas da Guarda relacionadas co mundo do sector da estética e tamén do mundo cultural da nosa vila,para valorar os seguintes aspectos:
-Vestiario escollido para a representación.
-Maquillaxe.
-Posta en escena e interpretación.
-Naturalidade e estilo do participante.
-Orixinalidade.
Estes cinco apartados serán valorados por separado e sumados para dar unha nota total para cada participante. Os tres gañadores serán os que teñan as tres mellores puntuacións.
7-Haberá tres premios ,polo tanto, que serán os seguintes:
-Para o Drag Queen guardés 2017, unha cea-mariscada para dúas persoas.
-Para o segundo e terceiro posto,un vale de compra en establecementos de A Guarda.
8-O resultado dos premios serán comunicados ó remate das actuacións de todos os participantes, media hora despois aproximadamente, na mesma carpa da Alameda.
9-A decisión do xurado é inapelable.
Ningún comentario:
Publicar un comentario