27 de xan. de 2017

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA CELEBROU UN PLENO XUVENIL CON ALUMNADO DO IES A SANGRIÑA

Alumnos do IES A Sangriña exerceron como representantes municipais
Presidencia e corporativos xuvenís, contaron coa asistencia do correspondente funcionario
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Na mañá deste venres día 27 de xaneiro, a Casa do Concello da Guarda recibiu no seu Salón de Plenos a uns representantes municipais moi especiais. Os alumnos dos cursos de 1º e 2º da ESO do IES A Sangriña acudiron para participar nun pleno xuvenil organizado pola Concellería de Educación.  

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, deu a benvida aos alumnos e inaugurou o pleno xuvenil

 O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, foi o encargado de dar a benvida aos rapaces e inaugurar este pleno xuvenil. Dende o ano 2007 o concello ofrece esta posibilidade aos colexios da vila para que, por un día, os alumnos podan ver como funciona un pleno e ser os protagonistas do mesmo. Ademais, o alcalde aseguroulles que se terían en conta as diversas e ambiciosas propostas que estaban incluídas na orde do día e recordoulles, antes de dar comezo ao pleno, que as portas da Casa do Concello están sempre abertas e que poden acudir cando o desexen.  

 Durante o pleno os alumnos fixeron a labor de equipo de goberno e de representantes municipais, ademais de acudir como público. Os representantes dos partidos políticos presentaron durante a mañá as diversas propostas e, entre os temas que se trataron na orde do día houbo asuntos tan variados como a compostaxe doméstica, a limpeza das rúas e praias, as melloras e reformas do mobiliario urbano e das instalacións deportivas e de recreo, a rede de Wifi gratuíta da vila ou a iluminación viaria, entre outros.
  
O Salón de Sesions da Casa do Concello estivo totalmente ateigado de cidadans xuvenís


 Unha vez rematada a orde do día, deuse paso á quenda de rogos e preguntas, primeiro para os membros da corporación e logo para o público. Durante as intervencións, tanto dos alumnos que exercían de representantes municipais como dos que estaban como público, os participantes crearon un debate no que amosaron un gran entusiasmo e implicación, en especial cos temas relativos ás instalacións deportivas da vila, sobre os que todos os presentes querían expresar as súas opinións e propostas.   

 Por último, o alcalde da Guarda encargouse tamén de pechar esta xornada cunhas verbas de agradecemento e felicitación pola súa participación. Ademais, afirmou que dende o concello estiveron moi atentos aos diversos temas tratados no pleno e que  se terán en consideración e se traballará para poder levar a cabo algunhas destas interesantes propostas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario