27 de xan. de 2017

A GUARDA

A ENTIDADE LOCAL MENOR DE CAMPOSANCOS CHEGA A UN ACORDO CON ESTALEIROS JOAQUÍN CASTRO

O documento para manter a súa actividade foi asinado este venres no Concello de A Guarda

O alcalde do Concello de A Guarda, Antonio Lomba Baz; o presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, Rafael Álvarez Martínez; a vogal da Entidade Local Menor de Camposancos, Elena Cadilla Domínguez; e o representante da Dirección da Estaleiro Joaquín Castro, no acto da sinatura do acordo acadado.
Fotos: C. A. G.


Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal do Concello da Guarda ven de comunicar que "despois de meses de negociacións entre a Dirección do Estaleiro e a Entidade Local Menor, propiciadas polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, as dúas partes chegaron a un acordo sobre as condicións que recollerá o contrato de arrendamento que permitirá que a empresa siga mantendo a actividade de Estaleiro en Camposancos durante os próximos 30 anos".  

Antonio Lomba ao igual que a empresa e a Entidade amosáronse moi satisfeitos de ter chegado a este entendemento


 As mesmas fontes indican que "o punto de partida para chegar a este entendemento produciuse cando o alcalde da Guarda se ofreceu a mediar entre as dúas partes polas dificultades de entendemento que había entre ambas. A partir dese momento, Antonio Lomba, mantivo xuntanzas con tódolos implicados, sindicatos, empregados, corporación da Entidade, equipo de goberno e empresa, para coñecer e avaliar a problemática e as consecuencias que o desacordo podía producir.  

 Despois de coñecer as demandas e posicionamento das partes e solicitar os informes técnicos que avalaran en todo momento as propostas presentadas, foi posible conseguir un achegamento entre a Entidade Local Menor e a Dirección do Estaleiro no que se contempla básicamente unha actualización da cota de arrendamento e se clarifica o destino das instalacións ao remate da concesión. Nesta fase, o alcalde, sempre pediu que se tivera en consideración a continuidade do centro de traballo e aos 17 empregados que a día de hoxe ten contratados o Estaleiro. 

 No pasado mes de decembro redactouse un principio de acordo que daba satisfacción á Corporación da Entidade e que foi aceptada pola empresa. A partir deste momento, Antonio Lomba, sentou na mesma mesa ao administrador de Estaleiros Joaquín Castro e ao equipo de goberno da Entidade Local Menor de Camposancos para axustar as posturas, xa moi próximas, e conseguir un documento definitivo de acordo que os servizos xurídicos das partes converterán nun contrato que, unha vez asinado, terá vixencia polos próximos 30 anos".  

 Finalmente desde o executivo municipal salientan que "Antonio Lomba ao igual que a empresa e a Entidade amosáronse moi satisfeitos de ter chegado a este entendemento: polo mantemento dun importante centro de traballo en Camposancos, polos empregos que xera, e porque permitirá que se regularice unha relación que ata agora estaba rexida por un contrato obsoleto asinado fai xa 60 anos".

Ningún comentario:

Publicar un comentario