1 de ago. de 2025

CAMINHA

CACHI, PINTOR GUARDÉS, EXPÓN A NOSA TERRA NA BELA MARINHEIRA

 Ata o día 7 de agosto, na Galería de Arte Caminhense 


Cachi, pintor de A Guarda, expón en Caminha
Foto: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / Caminha

 Caminha, a Bela Marinheira, no decir de recoñecidas voces - como a do lembrado José María Gavinho Pinto -, da poética miñota da outra marxe do noso río maior, acolle nestes días de inusual calor estival, unha refrescante exposición - A Nosa Terra - de Antonio Martínez Martínez, Cachi, para todos, e máis na arte.
  
 A Galería de Arte Caminhense é, ata o día 7 deste mes de agosto, en horario ininterrumpido, de 10:00 a 20:00 horas, o lugar onde as persoas que gostan apreciar as olladas ás privilexiadas paisaxes que Cachi presenta nas súas coloridas obras, e teñen, dese xeito, un recanto para gozar coa arte deste pintor de A Guarda. 

 Un creador que nos presenta lugares escolleitos devagar. Espazos de xenerosa biodiversidade, onde podemos gozar co voo rasante dos cabaliños do demo, e coas facianas - sempre diferentes - das árbores de ribeira reflectidas, coma aloumiños, na delicada tona da auga.

 Cachi, que é un artista con ampla traxectoria expositiva, reencóntrase en Caminha coas persoas que gostan de achegarse ata esas fiestras abertas á naturaleza. Xanelas en forma de cadros que presenta a quen os queira ollar, e que con tanto agrado son acollidos na Bela Marinheira. Unha vila - Caminha - coa que tantos vencellos mantemos ao longo dos tempos e na que Cachi é un asiduo visitante moi ben prezado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario