3 de mar. de 2016

OURENSE

CULTURA

A PINTORA DELIA RODRÍGUEZ VILAVEDRA PARTICIPA EN CROMÁTICA IV BIENAL DE PINTURA XOVEN

Infogauda / Cultura

 A artista (pintora, ilustradora,...) Delia Rodríguez Vilavedra (A Guarda, 1984), licenciada en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra, participa en Cromática - IV Bienal de Pintura Xoven, que será inaugurada o sábado día 5 de marzo, ás 18:30 horas, no Museo Municipal de Ourense.

 Desde á organización afirman: "Este día será un momento de encontro con moitos artistas nun marco privilexiado.

 Unha oportunidade para intercambiar impresións e gozar de todas as obras que se presentan á Bienal ademais de votar o Premio do Público".

 Cromática é un certame pensado como un escaparate onde os artistas presentan as súas obras máis representativas a criterio deles mesmos. Os organizadores non fan unha selección previa das obras, porque consideran que se houbese unha selección, o que se daría sería unha limitación á mostra.  É o tamaño da sala o que determina a cantidade de obras que serán expostas, que entrarán no catálogo por estrita orde de chegada das inscricións.

 Polo que respecta á Delia R. Vilavedra, compre salientar que no seu currículo, ademáis da licenciatura en Belas Artes, realizou un Curso de licenciatura en Belas Artes na Universidade George Enescu de Iasi, Rumania,  de 2006 a 2007 é conta no seu haber con un amplo repertorio expositivo.

Exposicións colectivas de Delia R. Vilavedra

2015. “CREARTE 2015“, Facultad de Económicas, Santiago de Compostela 
2014. “VOILÀ LA FEMME“, Ateneo Santa Cecilia, Marín
2014. “CROMÁTICA, III Bienal de pintura xoven“, fundación Cum Laude, Espazo Xove, Ourense
2013. Mostra “ARTIMINHO - 1º Encontro de artes e artesanía” Caminha, Portugal.
2013. Participación co colectivo “YO EXPONGO EN... EL INFANTADO“, museo de Guadalajara, Palacio del Infantado. Castilla la Mancha 
2013. “ARTE LIXO”. Mostra colectiva de instalacións no entorno urbano. Redondela, Pontevedra.
2013. “Festa das asociacións”, Exposición ao aire libre, Concello de Tomiño, Pontevedra.
2013. “LA MAGIA DE LA VIDA”, Casa Culturas Soto deLuiña, Cudillero, Asturias
2013. “CIGÜEÑAS EN EL CASTILLO DE SANTA ANA”. Castillo de Santa Ana, Roquetas de Mar, Almería 
2013.  “Pintura en la calle”, local Onde Sempre, Ponteareas, Pontevedra.
2013. Galiexpo Motorshow, exposición colectiva no recinto IFEVI, Vigo.
2013. Exposición colectiva. Sala de exposicións do Concello de O Rosal, Pontevedra
2012. Mostra de arte e artesanía “Agasallarte”, Pontevedra
2007. Exposición colectiva “AJUSTIÇAR A HISTORIA. GANHAR DIGNIDADE”, XXI festival de poesía do Condado, Salvaterra de Minho, Pontevedra.
2007. “PRIMEIROS PASOS CON FANEQUEIRAS VELLAS”, sala Reimundo Patiño, local social Revira, Pontevedra
2007. “ART XOVE”, mostra colectiva, Pontedeume
2006. “SETELENTES”, mostra colectiva, sala Reimundo Patiño, local social Revira, Pontevedra
2006. “ART XOVE”, mostra colectiva, Pontedeume
2003. “KALDARTE”. Mostra colectiva de instalacións no entorno urbano. Caldas de Reis, Pontevedra.
2002. “16”, Mostra colectiva, Sala dos Peiraos, Vigo
2001. Mostra colectiva, Sala dos Peiraos, Vigo
1998. Mostra colectiva, A Guarda, Pontevedra.

Exposicións individuais

2014. “BINOMIO E PERCORRIDO”, Auditorio Municipal, Caldas de Reis, Pontevedra
2014. “BINOMIO E PERCORRIDO”, Centro Cultural, A Guarda, Pontevedra 
2008. “NO HAY MAL, QUE POR BIEN NO VENGA”, Centre civic Parc-Sandaru, Barcelona
2007. Exposición fotográfica, Perita Art Gallery Café, Pontevedra
2005. “DEBUXOS”, Exposición de debuxo, Art Café, A Guarda, Pontevedra.
2004. “INTIMO”, Exposición fotográfica, Art Café, A Guarda, Pontevedra.

DEPORTES

O CLUB SAN XEROME PARTICIPOU NO CAMPIONATO GALEGO DE CAMPO A TRAVÉS DE FGDA

Raúl Mansinho proclamouse Campión Galego na Categoría Xogo -15, reafirmando o seu bo estado de forma

Os resultados obtidos polo Club superaron en participación e medallas aos do pasado ano

Oscar Moure - en primeiro termo, coa camiseta azul - na saída da proba na que acadou á medalla de prata.


Daniel Lomba Alonso / Coordinador Club Polideportivo San Xerónimo Emiliani / A Guarda


 O pasado mércores día 2 de marzo disputouse o Campionato Galego de Campo a través da Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA), no circuito do Parque de Castrelos. A celebración desta edición, retrasouse unha semana polo mal tempo metereolóxico da semana anterior.  

 Compoñentes do Equipo Categoría Xogo + 15 Feminino

 Nunha mañá de chuvia fina, a Sección de Atletismo do Club San Xerome, desprazou un total de trece corredores que disputaron as probas das categorías de Competición, Adaptada e Xogo. Os resultados obtidos polo Club superaron en participación e medallas aos do pasado ano.  

Borja Cadilla

 Na categoría absoluta de Competición masculina, Borja Cadilla obtivo o 3º posto, seguido moi de preto por Fabián González que obtivo o 4º lugar. O terceiro componente do equipo Luis Antonio Sández acadou a 9ª posición. Nesta mesma categoría na sección feminina Maite Santos rematou no 4° posto, completando unha gran competición. 

Maite Barros - coa camiseta azul - en plena competición

 Na categoría Adaptada feminina, medalla de bronce para Maite Barros, 3º clasificada. 

 Oscar Moure

 A categoría que contou coa maior participación por parte do Club foi a de Xogo +15, onde Óscar Moure obtivo a medalla de prata coa súa 2ª posición, e Miguel Ángel Bello obtivo un meritorio 10º posto. Pola súa banda a sección feminina destacou o 4º posto de Jennifer Álvarez, tamén hai que sinalar o 6º de Nuria Pereira, o 8º de Celia López, o 10º de Andrea Piña e o 15º de Lourdes Fernández. 

Raúl Mansinho, en cabeza de carreira

 Finalmente Raúl Mansinho proclamouse Campión Galego na Categoría Xogo -15, reafirmando o seu bo estado de forma, que xa amosou no Campionato de España onde tamén acabou 1º. 

 Dende o Club San Xerome Emiliani queremos agradecer aos rapaces o seu esforzo nas competicións e nos adestramentos, así como aos adestradores, persoal de apoio, voluntarios, e familias que fan posible os éxitos de participación e competitivos que ano a ano se están a conseguir. Noraboa a todos.

A GUARDA

DOMINGO DÍA 6 DE MARZO, ÁS 9:00 H. DESDE Á ALAMEDA


GALICIA

A Xunta de Galicia e a Fegamp colaborarán na loita contra a vespa velutina a través dun Plan de coordinación cos concellos 

Preténdese coñecer que municipios están dispostos a actuar na retirada e neutralización de niños para coordinar os recursos 

Trátase de incrementar a colaboración cos diferentes axentes implicados para dar unha resposta rápida e efectiva a esta cuestión 

No ano 2015 retiráronse ou inactiváronse por parte da Administración galega ata 5.640 niños en 170 concellos   

A Consellería do Medio Rural acolleu hoxe un encontro entre distintos departamentos da Xunta de Galicia, implicados na loita contra a vespa velutina


Infogauda / Santiago de Compostela

A Consellería do Medio Rural acolleu hoxe un encontro entre distintos departamentos da Xunta de Galicia, implicados na loita contra a vespa velutina, e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), co obxectivo de coordinar os efectivos e recursos dos que dispoñen as distintas administracións. Na xuntanza, decidiuse contactar cos concellos para saber cales están dispostos a actuar na retirada e neutralización de niños, algo que moitos, xa están a facer. 
Unha vez elaborada esta lista de municipios colaboradores, poderanse reorganizar os recursos autonómicos para intervir naqueles lugares onde son máis necesarios ou onde non hai outras alternativas.

No encontro estiveron presentes os departamentos de Vicepresidencia da Xunta, a través do director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor Pérez; a Consellería de Medio Ambiente, coa directora xeral da Natureza, Ana María Díaz; a de Sanidade, a través do subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía e do Medio Rural, representada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo. Por parte da Fegamp acudiu o vicepresidente primeiro, Alfonso Villares Bermúdez, e o vicepresidente executivo, Manuel Mirás Franqueira.
Este encontro é o primeiro paso de cara a unha colaboración maior con outras entidades e o propio sector apícola para deseñar un plan de actuación contra este insecto invasor, de xeito que se concrete unha folla de ruta que pormenorice a forma de actuar en cada cada caso e os organismos que se activarán segundo o lugar xeográfico e a situación do niño. Así mesmo, a través desta coordinación co sector, a administración e a universidade, preténdense buscar novos métodos de intervención.
O obxectivo é establecer todos os mecanismos de actuación necesarios para combater todos os casos que supoñen un perigo para as persoas e minimizar os efectos desta especie invasora sobre o territorio, así como reducir a súa expansión.
Balance do último ano 
Por outra banda, na Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, Belén do Campo fixo balance das cifras de 2015 respecto a esta cuestión, ano no que o Goberno galego retirou ou inactivou ata 5.640 niños de vespa velutina en 170 concellos. A estes datos habería que sumar aqueles niños intervidos por outros axentes como asociacións apícolas, concellos, parques de bombeiros ou empresas privadas, co que o número podería chegar aos 7.000 ou 8.000 actuacións.

Actualmente, a forma de actuar unha vez se recibe o aviso consiste en verificar se se trata dun niño de vespa velutina ou doutra especie, ben a través do propio comunicante ou cunha visita ao lugar. Unha vez confirmado, técnicos da Xunta retiran o niño ou o inactivan cun insecticida específico. No caso de que non se poda acceder a el, é cando se solicita o apoio doutras unidades como Protección Civil, os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) ou Bombeiros, e se organiza un operativo segundo a súa dispoñibilidade. 

GALICIA

A Xunta de Galicia aproba a Axenda 20 para o emprego, unha folla de ruta autonómica en materia laboral que recolle vinte medidas para crear postos de traballo de calidade 

Está dotada con 900 millóns de euros, 180 millóns anuais ata o ano 2020 

Identifica tres eixos prioritarios: a creación de emprego, a formación e a capacitación e a reorientación dos servizos de atención ás persoas que demandan emprego 

Feijóo invita a “saber de onde vimos e a onde queremos ir” para trazar unha política laboral coherente cos obxectivos que marca o Plan Estratéxico

O titular da Xunta na rolda de prensa do Consello  
Foto: Conchi Paz


Infogauda / Santiago de Compostela

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe a Axenda 20 para o emprego, o documento “que impulsará a calidade e a estabilidade do emprego en Galicia” e que está dotado con 900 millóns de euros, 180 millóns anuais ata 2020. A axenda contempla 20 medidas agrupadas en tres eixos prioritarios: a creación de emprego de calidade como elemento clave da competitividade, a formación e a capacitación como pancas do cambio do modelo produtivo e a reorientación dos servizos de atención ás persoas que demandan emprego para intentar casar as súas necesidades coas das empresas.
“Despois de anos de recesión, a economía galega está volvendo a despegar, aínda que é evidente que este crecemento ten que ser máis intenso e máis robusto”, indicou o presidente. Resaltou que esta incipiente recuperación é “froito dos esforzos das persoas e das empresas e dunha política económica responsable e coherente”. Para continuar na traxectoria ascendente que está a seguir a nosa economía, Feijóo invitou a “saber de onde vimos e cara a onde queremos ir”.
Neste senso, a Axenda 20 para o emprego marca as liñas mestras a seguir en materia laboral durante os próximos cinco anos, de acordo cos obxectivos marcados en materia laboral polo Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020: reducir a taxa de paro ata o 10%, crear 100.000 novos empregos e asinar 50.000 novos contratos indefinidos, entre outros.
Tres grandes retos
Tal e como explicou Feijóo, o primeiro reto da Axenda é que Galicia cree postos de traballo de calidade. Nesta liña incidirá o programa Aprol, que incentivará a contratación e fomentará o autoemprego nos colectivos que teñen máis dificultades para atopar un traballo, como as mulleres, os parados de longa duración, a mocidade e as persoas con discapacidade.

Outra das principais novidades desta documento será a activación de Lanzadeiras de Emprego para apoiar a busca de emprego e promover o emprendemento e o autoemprego a través da Administración Local, entidades sen ánimo de lucro e empresas privadas.
Para superar o segundo reto, mellorar a formación dos traballadores, o presidente avanzou catro grandes medidas: crear Unidades de Formación na Empresa para impulsar dentro do tecido empresarial a especialización e capacitación con compromiso de contratación, aprobar un programa de formación e emprego no rural atendendo ás súas necesidades específicas, profundar nun modelo de formación que responda ás necesidades do mercado, unha liña na que xa estamos a avanzar mediante a FP Dual ou lanzar o “cheque formación”, para que as persoas desempregadas teñan máis liberdade de elección á hora de escoller accións formativas concretas.
Por último, a Axenda busca reorientar os servizos de atención ás persoas que demandan emprego. “Neste senso, imos crear un novo portal do Servizo Público de Emprego de Galicia e implantar nel un sistema de xestión de calidade”, dixo Feijóo. Ademais, vaise poñer en marcha o novo modelo de orientación aberta, que combine accións presenciais e en liña.

TURISMO

As Rías Baixas deixan Madrid "tocada para sempre" 

Os grandes nomes do sector turístico nacional coñeceron esta noite as "62 razóns" da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas para visitar a provincia


A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, co cociñeiro galego Pepe Solla e o xornalista Pepe Ribagorda

Infogauda / Madrid

 Espazo Atlántico, a nova casa de comidas en Madrid do recoñecido cociñeiro galego Pepe Solla, serviu de escenario á Deputación de Pontevedra para presentar a súa nova campaña de promoción turística a turoperadores e medios nacionais especializados, co obxectivo de promover dunha forma diferente os recursos turísticos que seleccionaron os 62 municipios da provincia.  

 A presentación correu a cargo do coñecido xornalista José Ribagorda e no transcurso do acto foi presentado o libro que editou a Deputación, que inclúe as 62 razóns polas que merece a pena visitar as Rías Baixas e que contempla unha recompilación das distintas eleccións dos concellos pontevedreses.  

 As 62 opcións mostran un tema singular de cada concello desde a gastronomía, as festas de interese turístico, os festivais musicais, a paisaxe e a natureza, as praias, a arquitectura contemporánea, os ciclos de cinema ou o patrimonio etnográfico entre outros, onde se mestura a tradición e a vangarda pero poñendo en valor a calidade de cada produto.  

 A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, foi a encargada de desvelar o contido dunha caixa sorpresa que inclúe un volume deste libro branco dos "porque's", ao que se referiu citando algúns dos motivos que impulsan esta nova forma de promoción dos recursos turísticos da provincia.  "Porque en Rías Baixas non chove e graniza no inverno, senón que corisca; porque en Rías Baixas o inverno tínguese da cor de case 80 especies de camelias con máis de 30.000 variedades; porque en Rías Baixas atoparedes o Balneario coas mellores augas termais de España; porque veredes viquingos sen retroceder anos; porque a boca encherase de sabor a mar…, porque si visitas Rías Baixas quedas tocado para sempre".  

 Desta forma, a Presidenta tamén presentou o material magnético que se repartiu entre os asistentes e que reflicten algúns deses porqués. Ante directores de revistas especializadas, os blogueiros máis recoñecidos do sector turístico nacional, responsables de turoperadores e alcaldes e concelleiros dos municipios da provincia de Pontevedra, Silva destacou que en apenas dúas horas de viaxe desde calquera punto de Europa ou España chégase en avión ás Rías Baixas para atoparse "con cidades e vilas históricas, praias que che quitan o soño e que se unen á paisaxe natural con rutas de sendeirismo, espazos protexidos na Rede Natura, grandes zonas de observación de aves, patrimonio etnográfico, mercados medievais, a ruta das camelias con xardíns versallescos e pazos, adegas e viñedos coa D.O. Rías Baixas, ademais de patrimonio arqueolóxico ou vilas termais entre outros moitos recursos".  

 Carmela Silva, que estivo acompañada polos deputados de Turismo, Mobilidade, Emprego, Cooperación e Cohesión Social e Mocidade, subliñou que "tradición e modernidade conxúganse perfectamente en Rías Baixas. Traballouse moito na dinamización do noso patrimonio, na modernización da arquitectura tradicional con elementos que fan sentir que a provincia está viva e vibrante de contemporaneidade, e debemos dar ás a ese interese e levalo moito máis alá. Queremos lograr unha provincia con vida cultural propia, orixinal e diversa, queremos que os nosos visitantes se sintan atraídos pola nosa autenticidade e vitalidade".  

 A Presidenta tamén fixo referencia ao mundo do cine, e agradeceu a presenza de David Machado, recente gañador do Goya ao mellor son pola película "O descoñecido" e que estreará en breve a cinta "Toro" de Kike Maillo, con Mario Casas, Luís Tosar, José Sancristán e Ingrid García entre a repartición e que foi rodada en Vigo. "Precisamente a localización, a nosa paisaxe, atraeron ao noso destino ao sector do cine. A cinta protagonizada por Carmelo Gómez "A praia dos afogados" rodouse en Rías Baixas, ou "O club dos incomprendidos"  de Carlos Sedes, a serie "Irmáns" de Salvador Calvo e Joaquín Chamas, que elixiron cidades como Vigo e os seus arredores como escenario cinematográfico"  Durante o acto proxectáronse tres documentais que reflicten a Ruta da Camelia, a arquitectura contemporánea que se presentou na recente edición de Fitur e un percorrido polos Festivais de Música deste ano na provincia. Os asistentes gozaron do menú de Pepe Solla que estivo acompañado na cociña polos novos alumnos das dúas escolas de Hostalería da provincia de Pontevedra, o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e o CIFP Manuel Antonio de Vigo.

A GUARDA

Este sábado celébrase a primeira etapa do Camiño Portugués que farán en compañía os veciños de A Guarda e Caminha

Vista parcial da foz do río Miño desde Moledo (Caminha)

Infogauda / A Guarda


 O vindeiro sábado, día 5 de marzo, terá lugar a primeira das etapas do Camiño Portugués que farán en compañía os veciños de A Guarda e da vila portuguesa de Caminha. Esta actividade trátase da primeira das actividades organizadas conxuntamente pola Cámara de Caminha e o Concello da Guarda no marco da candidatura do Esteiro do Miño a Paisaxe Cultural da Unesco.
 
Nesta iniciativa van participar máis de 120 camiñantes, tanto guardeses coma veciños de Caminha.

Esta primeira etapa percorrerá a distancia entre Âncora (Caminha) e Mougás (Oia), un total de 28 quilómetros. Os participantes guardeses terán a saída dende a explanada do CEIP A Sangriña ás 8 horas en autobús. Dende alí irán a Igrexa Parroquial de Ancora, punto de encontro cos participantes de Caminha, punto de onde dará comezo esta primeira andaina tras a recepción das autoridades. Todos xuntos cruzarán no ferri, camiñarán pola Guarda, O Rosal e Oia, ata rematar en Mougás, na zona onde se atopa o albergue.

Aquelas persoas que queiran máis información sobre esta actividade poden dirixirse a Oficina de Turismo do Concello de A Guarda, escribir á dirección turismo@aguarda.es ou chamar ao teléfono 986 61 45 46.

Seguintes etapas:

2ª etapa
12 de marzo: Mougás - Vigo 28 km
Saída ás 9 da Sangriña, onde esperaremos a que cheguen os participantes de Caminha. Desde Mougás comezamos a camiñar cara Baiona, Nigrán polo núcleos da Ramallosa, Panxón e rematamos esta etapa na igrexa románica de Coruxo de Vigo.

3ª etapa
02 de abril: Vigo - Redondela: 23 km
Saída da Sangriña ás 8.30h. Iremos cara Goián onde nos xuntamos cos participantes procedentes de Caminha. Iremos en bus ata Castrelos onde comezaremos a camiñar logo de visitar a fermosa igrexa románica. Seguimos pola senda do Lagares, cruzamos Vigo por Sárdoma, Senda da Auga, Chapela e a etapa conclúe no centro de Redondela localidade na que conflúe o Camiño Portugués da Costa e o do interior que parte de Tui.


4ª etapa
16 de abril: Redondela - Pontevedra 21 km
Saída da Sangriña ás 8.30h. Iremos cara Goián onde nos xuntamos cos participantes procedentes de Caminha. Abandonamos pouco a pouco a ría de Vigo polo concello de Soutomaior. Cruzamos ó río Verdugo pola Ponte de Sampaio e dirixímonos por varias poboacións do concello de Vilaboa e por Tomeza entramos na cidade de Pontevedra onde nos agarda o santuario da Virxe da Peregrina.

5ª etapa
23 de abril: Pontevedra - Caldas de Reis: 22 km
Saída da Sangriña ás 8.30h. Iremos cara Goián onde nos xuntamos cos participantes procedentes de Caminha. Cruzamos Pontevedra pola ponte do Burgo cara pequenos pobos de Barro e As Portas ata cruzar o Umia xa en Caldas de Reis onde finaliza esta etapa.

6ª etapa
07 de maio: Caldas de Reis - Padrón: 18 km
Saída da Sangriña ás 8.30h. Iremos cara Goián onde nos xuntamos cos participantes procedentes de Caminha.

Iremos cara o Concello de Valga para despedir a provincia de Pontevedra cruzando o río Ulla por Pontecesures e entrando por Padrón xa na provincia da Coruña.

7ª etapa
14 de maio: Padrón - Santiago de Compostela: 25 km
Saída da Sangriña ás 8.30h. Iremos cara Goián onde nos xuntamos cos participantes procedentes de Caminha. Polos municipios de Padrón, Teo e Ames chegamos o final da viaxe, cruzando a histórica Porta Faxeira, animada rúa do franco e por fin a Catedral de Santiago.



RESUMO ETAPAS
05 de marzo: Ancora (Caminha_Portugal) – Mougás (Oia) 28 km.
12 de marzo: Mougás (Oia) - Vigo 28 km
2 de abril: Vigo - Redondela: 23 k
16 de abril: Redondela - Pontevedra 21 km
23 de abril: Pontevedra - Caldas de Reis: 22 km
7 de maio: Caldas de Reis - Padrón: 18 km
14 de maio: Padrón - Santiago de Compostela: 25 km

A GUARDA

A Guarda e Caminha firman o convenio para por en marcha a candidatura do Estuario do Miño coma Paisaxe Cultural Transfronteriza da UNESCO  

Os alcaldes de ambas vilas, Antonio Lomba e Miguel Alves, cren no potencial e no éxito desta proposta. Queren implicar a cidadanía con diferentes actividades conxuntas. 

Jordi Tresserras, Miguel Alves e Antonio Lomba
Fotos. C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 Na mañá deste xoves día 3 de marzo de 2016, no Concello de A Guarda, o alcalde Antonio Lomba Baz xunto co Presidente da Câmara Municipal de Caminha, Miguel Alves, e Jordi Tresserras, coma representante da Universidade de Barcelona e redactores do proxecto, firmaron o convenio para pór en marcha a candidatura do Estuario do Miño coma Paisaxe Cultural Transfronteriza da UNESCO. 


 Neste acto formal o alcalde guardés, Antonio Lomba, afirmou que tras esta sinatura comeza o arduo traballo para que o este espazo singular chegue a formar parte do Patrimonio da Humanidade. Así de hoxe nun ano o que se proxecta é ser incluídos na Lista Indicativa para, tras un ano nesta lista como mínimo presentarse á valoración da UNESCO e poder conseguir o título de Paisaxe Cultural Transfronteriza.   

 “Nós temos fe e tamén confianza de que o conseguiremos” afirmou Lomba, quen non dubidou en subliñar a singularidade da paisaxe e o efecto positivo que ante os turistas e visitantes ten ver esta zona.  

 O Presidente da Càmara de Caminha salientou que a relación entre as vilas do Estuario se formou grazas aos encontros e desencontros de dous pobos que agora “se abrazan” para conseguir esta candidatura. “É a nosa responsabilidade que esta zona se coñeza”, afirmou Miguel Alves.  

 Pola súa banda, Jordi Tresserras recoñeceu que esta candidatura ten moito potencial. “Hai moita competencia pero se non pensara que esta candidatura ten éxito non apostaría por ela”, sentenciou.     
Primeiras actividades conxuntas  
Este é o punto de partida de diversas actividades e accións conxuntas arredor da candidatura do Estuario do Miño. 

 Ademais da parte máis administrativa e da elaboración de informes, dende ambas vilas se levarán a cabo diferentes actividades culturais, deportivas e sociais para involucrar aos veciños e veciñas nesta iniciativa.  

 Este sábado comezará a primeira delas que é facer, tanto os veciños de A Guarda coma os de Caminha, o Camiño de Santiago de forma conxunta. Así máis de 100 persoas camiñarán esta primeira etapa que separa Âncora, en Caminha, de Mougás en Oia.  

 “O obxectivo é que a cidadanía participe neste proceso e tamén afiance a súa identidade”, comentou Jordi Trasserras.

GOIÁN

ESTE XOVES, SESIÓN DE CINEMA NO AUDITORIO DE GOIÁN, ORGANIZADA POLO CINECLUB POLEIRO

A función comeza ás 21:30 h.



PARA MÁIS INFO, PREMER EIQUÍ

A GUARDA

CONVERXENCIA GALEGA DEMANDA INFORMACIÓN SOBRE ÁS DÉBEDAS QUE "HERDOU" O CONCELLO DE A GUARDA POLO ARRENDAMENTO DA CAFETARÍA DA ESTACIÓN MARÍTIMA DA PASAXE (CAMPOSANCOS)

Vista do inmoble denominado Estación Marítima, situada na Praza da IIª República, no peirao de A Pasaxe (Camposancos)
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 No exercicio da súa labor como representante público, en data 02.03.2016 e con Rexistro de Entrada nº 1.338,  Celso R. Fariñas, concelleiro de Converxencia Galega, no Concello de A Guarda, presentou a seguinte comunicación:

ESTADO DE PROCEDEMENTO

 En data do 07.10.2005, se procedeu a formalizar o contrato de instalación e explotacion dos servizos da Cafetería da Estación Marítima de A Pasaxe de Camposancos.

 Que por medio de Acordo Plenario de 1º de xuño/2012, acordouse iniciar expediente de resolución do contrato e incautar a garantía definitiva que ascendía a 4.896€ en concepto de indemnización, quedando a contratista e avalista a cantidade garantida.

 Dado que quedaron pendientes pagos correspondentes a diversos anos de aluguer, así como tamén outras cantidades por concepto de taxas e prezos públicos. 

 Que tal e como se reflexan en diversos documentos municipais, por medio dos Departamentos de Secretaría e Intervención, se habían tomado decisións para tramitar os cobros pendientes, ben directamente, ben por medio da empresa contratada para levar a cabo a xestión tributaria, neste caso por vía de apremio e/ou embargo.

 Dado que a día de hoxe, cada vez que se pregunta sobre este asunto, ninguén parece coñecer en que situación se atopan ditas tramitacións para recuperar ese diñeiro público, xa que dún departamento nos remiten a outro, sin que se escoite unha resposta coherente por parte do Concello.  

 Dende Converxencia Galega, vimos a solicitar:  

1º.- Informe Técnico-Xurídico-Administrativo, do estado de procedemento levado a cabo para o cobro destas débedas a día de hoxe. 

A Guarda, a 02 de Marzo do 2016

Celso R. Fariñas 
Converxencia Galega   



Sr. Alcalde-Presidente 
Sr. Secretario Acctal. 
Sra. Concelleira de Facenda 
Responsable de Departamento Económico 
Concello de A Guarda   

A GUARDA

Chus Lago madriña da IX Gala do Deporte Guardés, que se celebra este venres  

Chus Lago Rey, alpinista viguesa, será á madriña da IX Gala do Deporte guardés


Infogauda / A Guarda

 O vindeiro venres día 4 de marzo, ás 20:30 horas, celébrase no Centro Cultural a IX Gala do Deporte Guardés.

 "Neste acto o Concello de A Guarda quere valorar a traxectoria e os títulos acadados polos deportistas guardeses nas diferentes disciplinas que practican", afirman desde o executivo municipal.  

 Nesta ocasión se contará coa presencia da recoñecida e prestixiosa alpinista María Jesús Lago Rey (Vigo, 1964), que exercerá de madriña desta gala, conducida polo xornalista Terio Carrera, da TVG.  

 Chus Lago é a segunda muller española que escalou o Everest, obxectivo que logrou o 26 de maio de 1999. Asemade foi a primeira muller española que logrou - en xaneiro de 2009 - chegar o Polo Sur, logo de 59 días de travesía en solitario pola Antártida.

 O Concello de A Guarda convida a todos os veciños do municipio a gozar desta velada e a acompañar aos deportistas locais que serán, un ano máis, os protagonistas.

PATRIMONIO

Socializaçom do Património e Gestom condizente deste

Guarita no Forte de Santa Cruz (A Guarda)
Foto: Infogauda

José Buiza Badás


  Daqui a nada abrem-se as portas de mais um centro interpretativo, desta vez na vila da Guarda, focalizado na presumível abordagem do mundo das fortificaçons no Baixo Minho. Tempo atrás já se matutou essa ideia nos círculos cerveirenses na margen esquerda do río, aceitando as dificuldades que o tal encetamento poderia acarretar. Nom é fácil, sem dúvida, pôr alicerces a um projeto tam complicado como este que analizamos, na medida em que comportar-lhe-ia um acompassamento paralelo quanto a prazos, qualidade do plano museístico ou permanência de visitas, tendo em conta aliás fenómenos como o da diacronia com a margen oposta, incipiência da própria gestom e recursos escassos relativamente a pessoal e calendarizaçom de eventos. 

 É razoável termos dúvidas ligadas a todas estas problemáticas. Ao éxito do Centro de Estudos da Arquitetura Militar de Almeida oponhe-se a incerteza dum desenho museístico que se está a tecer para o Castelo de Sta. Cruz. Rebeca Blanco Rotea, pessoa que sabe bem disto e que tem desenvolvido um trabalho pioneiro nesta matéria, exprime o  delicado do assunto optando por fazer um somatório de forças e de individualidades, incidindo nos poucos remanescentes dinerários que existem e apostando sem embargo, segundo creio, numha sistemática de animaçom ou dinamizaçom cultural que poderá de feito deixar os patamares de autoexigência em níveis mínimos, pondo em causa outros valores muito mais ligados à excelência da gestom patrimonial. Entendo que em simultâneo com as poucas disponibilidades de todo género devem andar paralelas opçons de ultrapassagem de planos meramente localistas e até atrevo-me a dizer bairristas.  

 Olhando para o pasado de muitos centros interpretativos convirá reconhecermos perigos inerentes à pròpria apertura, inauguraçom e boato decorrentes deste tipo de espaços. Nom chega com isso, fai falta umha manutençom a médio e longo prazo e umha vontade ferrenha de estabelecermos um eixo de ligaçom com outros ámbitos, nomeadamente portugueses e iberoamericanos, por forma a dar conteúdos orgânicos ao centro guardense. Com todo o respeito e consideraçom, discrepo dum plano paramuseístico que visa fundamentalmente dar prevalência ao mundo escolar quando o que se deve procurar é um trabalho de excelência que forneça riqueza à socializaçom do mundo castellológico e nom ao contrário, como som os resumos expressos dumha ciencia real e a  desnecessária banalizaçom pola via dumha estranha animaçom socio-cultural, que demostrou o seu facilitismo e simplificaçom os últimos trinta anos. Ademais, nom esqueçamos que este perfil “profissional”  serviu a muitos desaprensivos para acederem ao próprio funcionalismo público de carácter local e nom só. Trata-se dumha política muito a ver com visons culturalistas estreitas que demostrarom com fartura o falhanço expresso de práticas localistas que nada tenhem a ver com o mundo poliorcético. É hora de corrigirmos o rumo.

A CORUÑA

Talía Teatro estrea hoxe na Coruña ‘Foucellas’, espectáculo de Cándido Pazó producido co apoio da Agadic 

A nova montaxe da compañía galega poderá verse ata o sábado 5 no Teatro Rosalía Castro, con funcións programadas ás 20.30 horas 

Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo interpretan a historia do famoso maquis galego, na que ficción, mito e realidade se mesturan para propoñer unha reflexión sobre o seu momento histórico


Infogauda / A Coruña

A compañía galega Talía Teatro estrea este xoves no Teatro Rosalía Castro da Coruña o seu novo espectáculo, ‘Foucellas’, escrito e dirixido por Cándido Pazó. A historia do mítico maquis galego poderá verse ata o sábado 5 neste escenario coruñés, con funcións ás 20.30 horas.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiou a realización desta montaxe a través da convocatoria 2015 de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á produción escénica. Con tal motivo, o director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta estrea, na que tamén interviñeron José Manuel Sande, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, e Cándido Pazó e Artur Trillo, en representación do equipo do espectáculo.
Na súa intervención, Sutil salientou a traxectoria de Talía como unha das formacións que “nos ten proporcionado algúns dos maiores éxitos do noso teatro, con títulos aínda tan presentes como ‘Bicos con lingua’ ou ‘Pelos na lingua”. Destacou igualmente o feito de que a súa nova proposta veña referendada por outro dos grandes nomes da escena galega, Cándido Pazó, quen dirixe e asina o texto orixinal escrito ex profeso para este espectáculo. “Trátase dunha peza dramática que, xa pola súa escrita, contribúe a engrandecer e a dinamizar a nosa cultura teatral e que afonda, ademais, no mítico personaxe galego de Foucellas desde un exercicio dramatúrxico contemporáneo”, asegurou.
Esperanza e derrota
Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo dan vida á historia do famoso maquis galego, na que ficción, mito e realidade se mesturan para nos propoñer unha reflexión sobre ese momento histórico. Tal e como explica a compañía, abórdase ademais “o pulso metafórico sobre un transo co que, privada ou colectivamente, ás veces nos enfrontamos: a xestión da esperanza e a administración da derrota”.

Dani Trillo asina tamén a escenografía e o deseño gráfico, mentres que Artur Trillo se encarga da distribución desta proposta, na que participan, así mesmo, Afonso Castro (iluminación), Martina Cambeiro (vestiario e maquillaxe), Manuel Riveiro (música), Auri Ferreiro (produción), Rubén Prieto (fotografía e vídeo) e Belén Pichel (axudante de dirección).
As entradas para asistir a estas tres primeiras funcións, tras as que ‘Foucellas’ iniciará unha xira por diferentes escenarios galegos, poden adquirirse polas canles de venda habituais do Teatro Rosalía: na web de Ticketea, no teléfono 902 044 226, na billeteira central da praza de Ourense (ata o venres, de 9.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas) e no despacho de billetes do propio teatro (os días de función, de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas).