BALONMÁN FEMININO
O Guardés mantense para seguir invicto en Lanzarote (22-26)
• O Mecalia sumou a súa cuarta vitoria este sábado en Arrecife, despois dun partido con distintos cambios de ritmo e que comezou con mal pé pola súa banda
• Tras uns cinco primeiros minutos sen atopar o ritmo, o Guardés recompúxose para liderar ata o encontro ata o final, aínda que con varias idas e vindas nas que o Cicar ameazou con recuperar o pulso
• Con só 12 xogadoras desprazadas, destacaron especialmente Ania Ramos e Elena Martínez, con cinco goles cada unha, nun partido en que marcaron todas as xogadoras. Amandine Balzinc, con 16 paradas, tamén foi fundamental para manter o liderado no marcador
Redacción Deportes / Arrecife
O Mecalia Atlético Guardés mantén o ritmo. Este sábado, as de Ana Seabra sumaron a súa cuarta vitoria da tempada e mantivéronse invictas na súa visita ao Cicar Lanzarote. A pesar dun inicio de partido onde non puido atopar o seu lugar, as guardesas pronto se recompuxeron e lograron liderar ata o final, aínda que tendo que salvar os mobles en varias ocasións nas que o rival pechou filas e estivo a piques de recuperar o mando. Das 12 desprazadas, destacaron especialmente Ania Ramos e Elena Martínez, con cinco goles cada unha e dous deles de penalti, no caso da segunda. Tamén Amandine Balzinc volveu ser crucial baixo paus, con 16 paradas fundamentais para frear os vaivéns das anfitrioas. O Guardés retomará a liga o próximo 22 de outubro na Sangriña.
O marcador non se inaugurou ata pasado o segundo minuto do inicio, cun gol da man da local Ana Radovic que parecía comezar a elevar o ritmo. A extremo Gema Trujillo repetiu a xogada pouco despois, e o Guardés aínda non puidera responder desde que se iniciou o crono. Tras varios momentos de forcexo ante a porta lanzaroteña, un acerto desde os sete metros de Elena Martínez supoñía o primeiro de mans galegas (3-1, min. 5).
Unha serie de paradas da gardameta Ana Marín bloqueou cada chegada guardesa á súa porta. As de Ana Seabra non parecían saír á pista con bo pé, e aínda non lograran estrearse en xogo. Comezaba a ser xa un problema significativo, pois as anfitrioas crecíanse ante a inacción rival e pouco despois elevaban a renda aos catro goles (5-1, min. 8), o que fixo saltar as alarmas nun corpo técnico miñoto que solicitaba parar o crono.
Marcou, por fin, o segundo para as súas Lorena Téllez, coa intención de inaugurar un camiño ascendente que lles permitise entrar no partido. A perda do Cicar que Elena Martínez transformou nun novo punto para as súas contribuíu á tarefa, e en apenas segundos a vantaxe local viuse reducida á metade (5-3, min. 10).
O duelo subiu de ritmo, agora si, e converteuse nun ciclo de subidas e baixadas onde o Guardés puido manexarse con relativa soltura. O tropezo inicial parecía quedarse en máis nada que iso cando Ania Ramos volvía aproveitar unha perda do esférico a favor das súas e, por primeira vez, mandaba o encontro a táboas, para repetir exactamente o mesmo movemento á xogada seguinte e, con impresionante facilidade, facer que as súas liderasen o luminoso (6-7, min. 14). O impoñente parcial 1-6 descolocou por completo ás canarias, que acudían agora á chamada de tempo morto do seu propio preparador.
O Mecalia que se vía sobre o 40x20 agora parecía outro equipo totalmente oposto ao dos minutos iniciais. As de Seabra mostraban seguridade e abríanse paso con soltura entre a barreira defensiva rival, que deixaba en mans de Ana Marín case calquera ameaza, e creceron ata facerse cunha renda previsiblemente cómoda (6-9, min. 16). Con todo, non estaba aínda todo o peixe vendido, pois cun simple erro defensivo e un penalti de Trujillo, as de Arrecife volvían achegarse perigosamente, deixando claro que non sería tan sinxelo facerse coa vitoria na súa terra (8-9, min. 18). O Guardés debía lograr o 100% de concentración e reforzar o seu propio muro se quería asegurarse os dous puntos.
Polo momento, non o conseguía por completo, pero si o suficiente como para manter o tipo. O tempo restante desta primeira parte desenvolveuse de maneira similar, coas galegas liderando pero ameazadas por un Cicar que sabía aproveitarse dos seus erros para manterse preto. A pesar dunha boa coordinación ofensiva, non foi xa tan fácil para a escuadra guardesa marcar nos minutos previos ao descanso, pois o Lanzarote pechou filas en defensa e demostrou unha gran capacidade para aproveitar as súas oportunidades. A falta de cinco minutos, a situación mantíñase (11-12, min. 25).
O último parcial antes do ecuador do encontro foi frenético, cun intercambio de goles que só se detivo polas fundamentais achegas de Marín e Amandine Balzinc baixo os seus respectivos paus. O Cicar seguía mostrando un xogo ofensivo bastante atento, loitando para resarcirse daquel momento de debilidade superado o inicio, mentres que o Guardés non estaba a sacar suficiente músculo e pecaba de varios desaxustes ofensivos e erros no lanzamento desde os extremos. Todo se decidiría á volta dos vestiarios (13-14, min. 30).
Con todo, o inicio da segunda metade foi máis do mesmo. Aínda que as guardesas comezaron con gran intención, persistían os desaxustes ante a porta que permitían ás de Lanzarote manterse preto. A distancia mantíñase en mínimos tras o primeiros cinco minutos (15-16, min. 35).
Foi entón cando un novo acerto desde a liña de penalti a cargo de Martínez volvía abrir o camiño. O Guardés tiña a oportunidade de abrirse espazo no marcador e non quería deixala pasar outra vez. Tentouno unha vez, e topouse cos pés dunha Ana Marín que seguía sendo valiosísima para as canarias. Tentouno unha segunda vez, cun roubo de balón prometedor a mans de Ramos que Ari Portillo deixou caer no momento clave. Tentouno ata unha terceira vez, cando a planificación da xogada da capitá Sancha tamén acabou no corpo da gardameta lanzaroteña. Non foi ata a cuarta cando, finalmente, Ania aproveitou un extremo desprotexido para marcar o gol que levaba a vantaxe guardesa a un lugar máis seguro (15-18, min. 38).
O obxectivo sería agora manterse ata o final. Puido logralo con bastante satisfacción nos instantes seguintes, fundamentalmente grazas a unha Amandine Balzinc estelar que acumulou 9 paradas nesta segunda parte e un total de 16 durante todo o partido. Pero non sería suficiente coa achega da francesa, pois pronto reaccionaron as anfitrioas ata colocarse a distancias mínimas de novo (17-18, min. 43). Cacheda asegurou un tanto máis para as súas e, a partir dese momento, o partido quedou estancado.
Pasarían aínda ata sete minutos para o próximo gol do encontro, que chegaría da man dunha Andrea Boner potente desde os nove metros, decidida a non renunciar á primeira vitoria en casa (18-19, min. 50). Pouco despois, abríase paso desde o extremo Melania Cabrero, e esta vez Balzinc non puido detela nin impedir que o partido volvese ao empate. Coroábase un parcial 4-1 a favor das insulares que debía servir como unha chamada de atención para o Guardés canto antes.
E así foi, pois Ania Ramos primeiro e Cristina Cifuentes despois demostraron que o seu conxunto non perdera a lucidez e volveron abrir un certo oco (19-21, min. 23). Con todo, restaban sete minutos para o asubío final nos que xa non caberían máis imprecisións.
Por sorte, ou máis ben por experiencia e garra, os erros non chegaron, e o Mecalia mesmo puido crecerse para terminar o partido cunha orgullosa vantaxe de catro goles (22-26, final). O Guardés sumou a cuarta vitoria e mantívose líder unha xornada máis, índose satisfeito a un parón de dúas semanas ata que retome a liga na Sangriña o próximo 22 de outubro.
Cicar Lanzarote Ciudad de Arrecife (12+10): Ana Radovic (3), Melania Cabrera (4), Andrea Boner (3), Rocío Squizziato (1), Ana Marín (p.), Mornesa Tenda (1), Gema Trujillo (5) [sete inicial], Keyla Hernández, Leticia Cobo (4), Irene Sánchez (p.), Thalyta Cardoso, Celia López, Thais Adrielle, Carla Rivas, Alba Tort e Marilia Correia (1).
Mecalia Atlético Guardés (12+14): Amandine Balzinc, (p.), María Palomo (1), María Sancha (3), Ania Ramos (5), Cristina Cifuentes (1), Carme Castro (3), Elena Martínez (5) [sete inicial], Lorena Téllez (2), Blazka Hauptman (2), Cecilia Cacheda (3), Ariana Portillo (1) e Sabina Mínguez.
Marcador cada cinco minutos: 2-1, 5-3, 6-7, 8-10, 10-11, 13-14, 15-16, 16-18, 17-19, 17-19, 20-22, 22-26.
Árbitros: José Alberto Romero e Enrique Javier Romero. Amoestaron con tarxeta amarela aos locais Rocío Squizziato e Sergio Bonilla (oficial) e excluíron con dous minutos aos locais Alba Tort (2), Mornesa Tenda, Marilia Correira, Ana Radovic e Sergio Bonilla (oficial).
Incidencias: Partido de quinta xornada da liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón municipal de Titerroy (Arrecife).
Ningún comentario:
Publicar un comentario