14 de dec. de 2016

PONTVEDRA

85 anos despois Castelao volverá a pronunciar o seu mítico discurso nas cortes reivindicando o Estatuto para Galiza 

A celebración da gala coincide coa data do discurso de Castelao nas Cortes, o 18 de decembro de 1931, que será rememorado polo actor Celso Parada  

Acompañando o deputado de Cultura estaban a presentadora Bea Campos, o actor e director de Limiar Teatro, Fran Núñez, o humorista Carlos Blanco e o debuxante Luis Davila, a intérprete de 2naFronteira, Carmen Pením, o deseñador Pablo Zentolo e o director do documental sobre Castelao, Miguel López
Foto: D. P.


Infogauda / Pontevedra

 "A escolla da data de celebración da gala responde á conmemoración do mítico discurso de Castelao nas Cortes, no que demandaba a posta en marcha do procedemento do Estatuto para Galiza", indicou onte o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. A Gala Ano Castelao desenvolverase este domingo 18 de decembro, ás 18:00 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e onte, na Sala Castelao do Museo de Pontevedra, reuníronse parte dos e das artistas participantes para explicar en que consistirán as súas respectivas intervencións no espectáculo. Acompañando o deputado de Cultura estaban a presentadora Bea Campos, o actor e director de Limiar Teatro, Fran Núñez, o humorista Carlos Blanco e o debuxante Luis Davila, a intérprete de 2naFronteira, Carmen Pením, o deseñador Pablo Zentolo e o director do documental sobre Castelao, Miguel López.  

 Segundo explicou o deputado, a gala será "un evento lúdico e cultural" que contará cunha gran variedade artística, desde a representación do discurso de Castelao, a cargo do actor Celso Parada, ata a música, o teatro e o debuxo combinado co humor. Leal anunciou, ademais, que as invitacións para asistir á gala xa están esgotadas, se ben lembrou que aquelas que non sexan recollidas antes das 17:30 h do día do espectáculo serán postas á disposición do público. Indicou, ademais, que a gala será retransmitida en streaming a través da páxina web da Deputación.  

 Castelao tamén estará presente no espazo infantil, no que Polo Correo do Vento realizará obradoiros de pintado de camisetas con deseños de Rei Zentolo. Esta firma de deseño tamén será a encargada da alfombra vermella no evento, que incluirá "unha sorpresa que non podemos desvelar", segundo afirmou o deseñador Pablo Zentolo. Ademais das actuacións, a gala será o punto de arranque do prelanzamento do documental Castelao. De chumbo a verba, dirixido por Miguel López. Á entrada do Auditorio do Pazo da Cultura colocarase o photocall coa imaxe da gala, atrezzo relativo ao autor rianxeiro e unha silueta a tamaño real. O despacho de billetes abrirá ás 16:30 h.  

 "Eu de pequena disfrazábame de Castelao"  "Eu de pequena disfrazábame de Castelao", anunciou Bea Campos como un preludio das "vivencias persoais" que fará públicas durante a presentación da gala. A actriz prometeu un variado anecdotario sobre o autor, ao que cualificou como "ese home que nos axudou a definirnos como galegos e que sempre estivo en Galiza, incluso desde o exilio".  

 No eido teatral, Fran Núñez, de Limiar Teatro, indicou que "nós tivemos a sorte de ter unha xira na que levamos a Castelao polos 62 concellos da provincia e descubrimos que en todas partes hai persoas que teñen algo que contar sobre Castelao, unha historia, unha anécdota, un debuxo que gardan, e parte desas historias estarán o domingo no espectáculo".  

 Carlos Blanco e Luis Davila anunciaron que centrarán a súa parte en dúas pezas, unha delas inédita. "Estableceremos unha comparativa entre os debuxos de Castelao e os de Davila, nos que poderemos ver que están feitos da mesma materia, coa mesma retranca, coa única diferenza de que un pintaba en branco e negro e o outro en cor, un máis en vertical e o outro en horizontal", afirmou Carlos Blanco. Luis Davila explicou que "Castelao para todos os debuxantes galegos é un referente, un mestre que marca unha maneira de contar historias a través dos seus debuxos". Ambos adiantaron que vincularán os personaxes de Davila e os de Castelao e configurarán viñetas nas que se mesturarán personaxes de ambos os artistas.  

 Tamén estivo presente a intérprete de 2naFronteira, Carmen Pením, que indicou que comezarán a súa actuación cun poema de Paz Andrade dedicado a Castelao e interpretarán cancións do traballo Sons de nós, baseado en poemas pertencentes ao contexto literario da época de Castelao. A parte musical da gala completarase coa actuación de Xurxo Souto e Lydia Botana.  

 A Sala Castelao do Sexto Edificio de Pontevedra tamén foi o escenario dun mannequin challenge improvisado entre as persoas asistentes para homenaxear a obra de Castelao e o lugar no que se exhibe permanentemente. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario