14 de dec. de 2016

CULTURA

Daniel Asorey recibe o X Premio de Narrativa Breve Repsol por ‘Nordeste’ 

No acto de entrega, no que tamén se presentou a obra gañadora editada por Galaxia, participou o secretario xeral de Política Lingüística  

O premio, que promove e reforza a creación literaria en galego, convócano a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Fundación Repsol

Infogauda / A Coruña

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán na Coruña na entrega do X Premio de Narrativa Breve Repsol a Daniel Asorey Vidal pola súa novela ‘Nordeste’.
Durante o acto, celebrado na Fundación Paideia Galiza, Valentín García gabou a “orixinal obra gañadora” e valorou a consolidación dun premio “xurdido da colaboración público-privada para contribuír á normalización da cultura en lingua galega”. A canda o secretario xeral interviñeron tamén Ignacio Egea Kraul, vicepresidente da Fundación Repsol; Víctor Freixanes, director xeral da Editorial Galaxia, e Daniel Asorey, gañador do X Premio de Narrativa Breve Repsol.
Este acto de entrega, presentado pola xornalista Ana Rodríguez, incluíu a presentación da novela gañadora, que publica a Editorial Galaxia, e un recital do Coro Novo da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Dous mundos en conexión

Daniel Asorey Vidal impúxose coa súa novela ‘Nordeste’ a outros 38 orixinais que concorreron ao X Premio de Narrativa Breve Repsol. Á cantidade de obras presentadas a concurso nesta edición 2016, superior á doutras convocatorias, hai que sumar a súa notable calidade.
O premio Repsol está dotado con 12.000 € e coa publicación da narración gañadora pola Editorial Galaxia. O xurado desta X edición destacou de ‘Nordeste’ a habelencia para recrear dous mundos en interconexión como son o do épico sertão brasileiro e unha república galega imaxinaria. Tamén puxo de relevo as poderosas imaxes e fascinantes símbolos que enchen as páxinas desta novela de acabado estilismo.

Un escritor consolidado

O escritor galardoado, Daniel Asorey Vidal, naceu no ano 1970 en Santiago de Compostela, onde reside na actualidade, e é profesor de Lingua galega e literatura no ensino secundario. Conta no seu haber con publicacións literarias anteriores, como ‘De soños e memorias’ (coautor, publicada por Espiral Maior), ‘O álbum da derrota’ (en ‘Madrigal. Revista de Estudos Galegos’) e varias narracións en distintos números da revista ‘Olysbos’.
Participou en varios congresos sobre literatura, sociolingüística e lingua galega e é tamén autor de abondosos relatorios, artigos e reseñas sobre literatura galega e lingua, así como de materiais didácticos desta especialidade específicos do ensino secundario.
Fíxose co I Certame de Relato Curto Cidade Vella en 1988, cun dos galardóns da III edición do Premio Investigación Lingüística e Literaria 17 de maio en 1991, co 1º Premio de Narración Curta no I Certame Literario e de Investigación Terra de Melide en 2001 e gañou ex aequo o XI Certame de Narracións Manuel Murguía no ano 2002.

Dez anos do Premio Repsol

O Premio de Narrativa Breve Repsol, que naceu para impulsar e consolidar o sistema literario galego, chega no 2016 á súa décima edición. No ano da súa creación, o 2006, fíxose co galardón o xornalista Miguel Sande pola súa novela ‘Se algún día esta muller morta’. A obra gañadora da segunda edición foi ‘Así nacen as baleas’, de Anxos Sumai. Seguiuna no 2008 o dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro, con ‘A verdade como mal menor’.
Na cuarta edición, o premio recaeu en Xurxo Sierra pola novela ‘Os fíos’ e, na quinta, en Fernando Díaz Castroverde por ‘Microbios e outros paquidermos’. Pechan a lista María López Sández, premiada no 2012 por ‘A forma das nubes’; Berta Dávila, que recibiu o galardón hai dous anos por ‘O derradeiro libro de Emma Olsen’; Santiago Lopo, coa peza vencedora do 2014, ‘A diagonal dos tolos’, e Marcos S. Calveiro, gañador do 2015 coa novela ‘Fontán’.

Ningún comentario:

Publicar un comentario