14 de dec. de 2016

PONTEVEDRA

Cores Tourís analizou cos alcaldes de Forcarei, Vilaboa, Rodeiro e A Guarda as demandas dos municipios en relación á Administración autonómica 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra realizou unha visita institucional a estes concellos con motivo do seu nomeamento

Infogauda / Pontevedra

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou hoxe unha visita institucional aos concellos de Forcarei, Vilaboa, Rodeiro e A Guarda onde mantivo unha entrevista cos seus alcaldes, os que lle transmitiron as principais preocupacións dos municipios en relación á actividade da administración autonómica.
O delegado territorial continúa así, tras tomar posesión do seu cargo, a rolda de visitas polos concellos dependentes da Delegación Territorial de cara a escoitar os responsables municipais e analizar as súas demandas.
En primeiro lugar, a alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiros, analizou con Cores Tourís a necesidade de continuar co proxecto de posta en valor e rehabilitación das neveiras do monte do Alto do Candán, “unha iniciativa onde se investiu dende a Axencia de Turismo case 120.000 euros en colaboración co noso concello, e que queremos seguir a potenciar como pulo turístico do municipio”. Trátase dunhas estruturas datadas, a máis antiga de 1620, utilizadas polos monxes para o almacenaxe de xeo.
No mesmo senso, a alcaldesa tamén destacou a importancia do proxecto da ruta do Lérez, que está practicamente rematado, e “que puido ser unha realidade grazas ás axudas da Rede Natura”. Deste xeito, o municipio actuou sobre un sendeiro natural paralelo ao río que comunica mediante camiños auxiliares cos distintos núcleos de poboación. Ao longo deste percorrido existen pequenos regatos que verten as súas augas ao Lérez e que contan con pequenas pontes para cruzalos e que se atopan nun mal estado de conservación debido ao paso do tempo e as enchentes.
“Estamos a falar dunha ruta homologada de 14 quilómetros de lonxitude total, con moito atractivo, que se tarda en realizar unhas catro horas e media, e ao longo do cal podemos ver lugares cheos de historia, como o Mosteiro de Aciveiro, atravesar pontes e muíños e gozar das paraxes naturais que o Lérez vai esculpindo entre bosques centenarios”, engadiu Cachafeiro, quen trasladou ao delegado territorial o interese do seu concello pola valorización dos espazos naturais e a potenciación do turismo. Precisamente este sendeiro é un dos máis visitados da comarca xa que é un dos referentes da Asociación de Sendeirismo de Galicia.
En relación ás infraestruturas, Belén Cachafeiro presentou ao delegado territorial un proxecto destinado a Augas de Galicia e que tería como finalidade o abastecemento do núcleo urbano. Cores Tourís transmitiulle que dará traslado desta demanda á Consellería de Medio Ambiente, e que se avaliará a posibilidade de acometelo a través dun posible convenio entre as dúas administracións.
Por outra banda, a alcaldesa e o delegado tamén analizaron a situación da ampliación do pontón da estrada Cachafeiros-Vilapouca. Sobre este tema, José Manuel Cores Tourís trasladoulle que a tramitación do proxecto está en marcha e que os traballos comezarán segundo o previsto despois das datas de Nadal.

Vilaboa

Pola súa banda, o alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro, analizou co delegado territorial varias cuestións como o interese do concello pola transferencia da N-554, actualmente titularidade do Ministerio de Fomento, á Xunta de Galicia, recordándolle ao delegado que xa lle trasladaron á conselleira de Infraestruturas, Ether Vázquez, a mesma demanda recentemente.
Por outra banda, o alcalde tamén expuxo a José Manuel Cores Tourís, o seu interese en continuar a levar a cabo, coa colaboración da administración autonómica, proxectos de mellora en relación ao abastecemento de auga neste municipio.
E finalmente, ambos representantes políticos estudaron a situación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Neste senso, Poceiro trasladoulle ao delegado territorial que será no próximo pleno municipal cando se agarde poder aprobar as correccións solicitadas pola Xunta de Galicia sobre o documento, de cara a volver a ser enviadas á Consellería de Medio Ambiente para a súa aprobación definitiva.

Rodeiro

O rexedor de Rodeiro, Luis López Diéguez, analizou con José Manuel Cores Tourís, a necesidade de continuar a axilizar a concentración parcelaria Val de Camba, que afecta A 664 veciños e a 1.812 hectáreas divididas en 7.036 parcelas. Nestes intres atópase en bases definitivas con 108 recursos que se están a tramitar na Consellería de Medio Rural. Neste concello grazas ao Plan Marco puidéronse executar este ano catro proxectos de mellora de camiños rurais por un montante total de 105.000 euros, o que permitiu reformar o camiño de acceso ao Carballo en Alceme, o camiño da Ponte en Pedroso, o camiño do lugar de Fornas en San Salvador de Camba e o camiño de Barbeitos en Negrelos.
Por outra banda, o alcalde insistiu na necesidade dunha depuradora para o casco urbano de Rodeiro que permitira evitar estes vertidos ao río Rodeiro, gañando así en calidade medioambiental. Este proxecto, realizado polo concello de Rodeiro, suporía a creación dunha nova Estación Depuradora así como dunha rede de saneamento que daría servizo ao redor de 1.500 veciños e contaría cun orzamento dun millón de euros.
A Xunta de Galicia, segundo apuntou o delegado territorial, analizará esta demanda presentada polo concello de Rodeiro que podería incluírse dentro de Plan de Saneamento 2014/20 do que xa se están a beneficiar varios concellos na provincia de Pontevedra. O municipio, pola súa banda, terá que facilitar á administración autonómica os terreos necesarios, tanto para a execución da nova EDAR como para a instalación da rede de saneamento. “A estación depuradora instalaríase”, segundo explicou o alcalde, “augas máis abaixo da captación da ETAP, garantindo así a calidade do servizo de auga”.
Finalmente, López Diéguez tamén transmitiu a Cores Tourís o interese do concello na posta en marcha dun centro polivalente para a terceira idade que sería utilizado tamén como Punto de Atención á Infancia. Esta solicitude será trasladada polo delegado territorial á Consellería de Política Social.

A Guarda

Finalmente, o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, analizou con Cores Tourís diversos proxectos relativos ao monte de Santa Tegra, en concreto, a execución dunha senda de circunvalación que permitiría mellorar a seguridade tanto de peóns coma de vehículos a este punto. En relación a esta zona, o alcalde tamén demandou colaboración da administración autonómica para a execución de subministro de auga e saneamento, uns servizos que o delegado territorial recordou que son de competencia municipal e que, neste senso, o concello debería solicitar a implicación da Deputación provincial.
O rexedor tamén estudio co delegado territorial a demanda dun novo auditorio para o municipio, co obxectivo de poder atender as demandas das asociacións culturais e sociais do concello para poder desenvolver diferentes actividades. Neste mesmo senso, pero en relación ao deporte, solicitou a colaboración da administración autonómica na reforma do pavillón municipal de A Sangriña, onde se desenvolven diversas actividades deportivas.
Finalmente, en relación ás infraestruturas, Lomba tamén demandou á Xunta a mellora de seguridade viaria no entorno da rotonda de acceso á vía de alta capacidade, en especial, a execución dun proxecto que permita o tránsito dos peóns, xa que se trata dun punto con elevada perigosidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario