Premiados do “Concurso de Fotografía Día Mundial do Turismo” da Guarda
Francisco Javier González Fernández, de Vigo; Salvador Linares Fernández, de Valencia; e Tatiana Soynikova, de A Guarda
Francisco Javier González Fernández, de Vigo; Salvador Linares Fernández, de Valencia; e Tatiana Soynikova, de A Guarda
O pasado mércores día 2 de novembro, o xurado do “Concurso de Fotografía Día Mundial do Turismo” reuniuse para deliberar e escoller as fotografías premiadas deste concurso organizado polo concello da Guarda. O xurado estivo formado por Naomi Brey, Patricia Álvarez (fotógrafas profesionais) e Jorge Alonso (reporteiro), en calidade de vogais; e por Rosalía Verde, técnica de turismo da Guarda, en calidade de secretaria.
Estes membros do xurado, tendo en conta a calidade técnica, artística e a adaptación das fotografías ó tema do concurso, acordaron outorgar os seguintes premios:
O primeiro premio, dotado cunha estancia de 7 noites no Aparthotel Marouco, nun apartamento modelo A con capacidade de máximo 4 persoas, a Francisco Javier González Fernández, de Vigo.
O segundo premio, dotado cunha estancia de 7 noites no Camping Santa Tecla nun mobil home con capacidade de máximo 6 persoas, a Salvador Linares Fernández, de Valencia.
E o terceiro premio, dotado cunha cena para dúas persoas no Restaurante Casa Chupaovos, a Tatiana Soynikova, da Guarda.
Os premiados foron escollidos entre as máis de 30 fotos presentadas e na súa maioría as fotos gañadoras amosan diferentes perspectivas do porto da Guarda, que foi o protagonista dunha gran porcentaxe das obras presentadas ao concurso, cada unha das cales ofrece unha visión única do animado e colorido porto da vila.
Deste xeito, as tres fotografías seleccionadas serán as protagonistas das novas campañas turísticas do Concello da Guarda, que con esta iniciativa buscaba conmemorar o Día Mundial do Turismo que tivo lugar o pasado 27 de setembro. Ademais, tamén tivo como obxectivos promover a creatividade no ámbito da fotografía e poñer en valor e dar a coñecer os recursos naturais, patrimoniais e atractivos turísticos da vila.
Dende o Concello da Guarda quere agradecerse a tódolos participantes pola ilusión e o alto nivel amosado nas obras presentadas a concurso e felicitar ós tres premiados que agora serán protagonistas das campañas turísticas do concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario