“ESCENARIOS DA PREHISTORIA”, UNHA INTERESANTE EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA SOBRE O PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO DA PROVINCIA
Ampliado ata o 12 de novembro o prazo para visita-la no Centro Cultural da Guarda
Visitantes na exposición “Escenarios da Prehistoria”
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Ante a boa acollida que tivo por parte do público que a visitou ata o pasado día 31 de outubro, a exposición “Escenarios da Prehistoria” amplía a súa estadía no Centro Cultural da Guarda. Así, todo o que o desexe terá ata o día 12 de novembro para visitar a mostra en horario de 10:00 ás 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas; os sábados só en horario de mañá das 10:00 ás 13:00 horas.
Por esta exposición pasaron xa centos de persoas e grupos de colexios da vila que puideron admirar as 37 fotografías, que están acompañadas de textos que explican os xacementos que nelas se amosan. En conxunto coas obras fotográficas, as ilustracións e os paneis explicativos que as acompañan faise un percorrido polas mámoas, castros e petróglifos máis singulares da provincia a través das fotografías de Federico de la Peña.
Neste percorrido polos xacementos arqueolóxicos máis destacados da provincia temos, entre outras, imaxes das Gándaras de Budiño en Porriño; dos útiles camposanquienses localizados no litoral guardés, de castros como o Trega, Troña ou o Facho de Donón e, sobre todo, as interesantes fotos dos petróglifos nas que a cámara captou a esencia que o ollo non sempre pode apreciar á luz do día.
A mostra enmarcada dentro das actividades do Ano Castelao busca reflexar a preocupación que o escritor sempre mostrou polo noso patrimonio arqueolóxico e artístico e que deixou patente en obras como ‘As cruces de pedra na Galiza’. É a idea de conservar o noso patrimonio a que vertebra a exposición ‘Escenarios da Prehistoria’, na que se pon de manifesto un dos bens patrimoniais máis relevante da provincia de Pontevedra, como é a súa riqueza en asentamentos prehistóricos de gran relevancia.
A mostra está organizada polo Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra. Divídese en catro grandes bloques temáticos: Asentamentos paleolíticos, Monumentos megalíticos, Petróglifos e Castros; e ten como obxectivo principal poñer en valor o patrimonio da provincia de Pontevedra, dándoo a coñecer nos seus diferentes concellos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario