19 de out. de 2016

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra súmase á conmemoración do Día Mundial contra o Cancro de Mama 

Dende a institución provincial reivindícanse unhas políticas axeitadas na loita contra o cancro, alonxadas das políticas de recortes practicadas pola Xunta e por Madrid cancro 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva - no centro da imaxe - xunto coa deputada provincial de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e outros deputados
Foto. D.P.


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra sumouse hoxe ás conmemoracións do Día Mundial contra o Cancro de Mama, que cada ano se celebra o día 19 de outubro. Dende a institución provincial lémbrase que esta é unha data para visibilizar a enfermidade, para concienciar á sociedade e tamén para reivindicar as políticas adecuadas de prevención, detección e tratamento. A Deputada provincial de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, participou na mesa informativa que a Asociación Española contra o Cancro instalou na Praza da Peregrina en Pontevedra.  

 A deputada provincial sumouse ás reivindicacións desta xornada, lembrando a necesidade de concienciar todos os días do ano, e non só hoxe, sobre a importancia das medidas preventivas e de detección precoz do cancro, especialmente hoxe do cancro de mama. Digna Rivas recordou que hoxe é unha data para darlle visibilidade a esta enfermidade e para concienciar sobre ela, pero tamén, e sobre todo, ten que ser unha xornada para reivindicar unhas políticas axeitadas na loita contra o cancro.  

 No Día Mundial contra o Cancro de Mama, dende a Deputación provincial reivindícase a volta ao modelo de sanidade que había antes da chegada de Núñez Feijoo á Xunta de Galicia. A deputada provincial lembrou que datas como as de hoxe teñen que servir para reivindicar a volta a un "sistema público, universal, gratuíto e de calidade. Un sistema que se preocupe polas persoas enfermas e que aposte pola investigación e a innovación, e non un sistema guiado por criterios mercantilistas coma o que temos agora".  

 A Deputación lembra que en Galicia, hoxe en día, na loita contra o cancro, ao igual que noutras enfermidades, só hai políticas de recortes, con diminución de tratamentos preventivos, aumento de listas de agarda, eliminación de medios para a prevención ou obrigación de pagar medios de transporte, medicacións e tratamentos. No acto de hoxe, a deputada Digna Rivas recordou que mesmo a Defensora do Pobo, Soledad Becerril, concluíu que os recortes da Xunta en materia de sanidade e en concreto en relación ao cancro, "poñen en risco a saúde e integridade das persoas sen recursos e en particular dos enfermos de cancro". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario