19 de out. de 2016

CULTURA

Rui Cerqueira gaña o II Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e de Portugal 

O relato ‘Nós, arquipélago’ do escritor luso foi elixido por unanimidade polo xurado do certame, promovido pola Consellería de Cultura, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal

Infogauda / Santiago de Compostela

 ‘Nós, arquipélago’, de Rui Cerqueira Coelho, é a obra gañadora do II Premio Literario Nortear para a Mocidade Escritora de Galicia e de Portugal. Entre 30 traballos de autores e de autoras con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos, o relato do escritor luso foi elixido por unanimidade polo xurado do certame, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT) para incentivar a creatividade da mocidade escritora galega e portuguesa.
 Presidido por Xosé María Lago García, subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza da Xunta de Galicia, e integrado por Carlos Arias, en representación da Secretaría Xeral de Cultura; polo escritor galego Antón Riveiro Coello, pola escritora portuguesa Olinda Beja, polo editor portugués Carlos Lopes, director de Edita-Me; e por André Rodrigues, integrado na GNP, AECT, que actuou como secretario, o xurado valorou no relato “o estilo impecable e potente, e unha narración sólida que harmoniza emocións, vencellos familiares, percepcións sensoriais e evolución psicolóxica cunha gran profundidade”.
 Tamén destacou o xurado o manexo da temporalidade, desde unha percepción interior, na que “o pasado e a prospección do futuro como baleiro e como misterio difícil de asumir se unen para definir interiormente un ser que toma consciencia da súa existencia e da súa limitación como pulso vital”.

Publicación das obras galardoadas na primeira edición

 Na primeira edición do premio a gañadora foi a galega Lara Dopazo Ruibal, pola obra ‘Clementina’, que acaba de ver a luz nunha publicación editada por Edita-Me e que inclúe tamén o relato que recibiu a mención de honra: ‘Coração cheio de nada', da autoría de João Maria Cardoso.
 A presentación pública do volume cos traballos galardoados na primeira edición e mais a entrega do premio da segunda edición terá lugar nun acto público que se realizará en próximas datas no país veciño, coa participación de representantes das tres entidades que promoven o certame.
 Dotado con 2.000 euros, o premio ten como principais obxectivos distinguir anualmente obras literarias orixinais de ambas as dúas beiras do Miño, incentivar a produción literaria entre a mocidade galega e portuguesa, e favorecer a circulación e distribución de obras literarias entre Galicia e Portugal, para reforzar o diálogo cultural entre os dous territorios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario