15 de out. de 2016

GALICIA

CCOO e En Marea reafírmanse en que «hai alternativas» ás políticas económicas aplicadas ata o de agora para combater a crise  

CCOO e En Marea amosaron coincidencias na análise da situación económica e social de Galicia

Informa: S. N. de CC.OO. de Galicia

 Onte venres reuníronse na sede nacional de Comisións Obreiras unha representación do sindicato e do grupo parlamentario de En Marea. Por parte de CCOO participaron o secretario xeral, Xosé Manuel Sánchez Aguión, a secretaria de Emprego e Institucional, Maica Bouza, e a secretaria de Política Social, Adela Poisa. A delegación de En Marea integrárona os deputados Luís Villares e Manuel Lago.

 Após a reunión, Sánchez Aguión e Villares compareceron diante dos medios de comunicación para certificar a «alta coincidencia» de CCOO e En Marea canto á análise da situación da economía, o emprego e a protección social no noso país. Así mesmo, ambos os dirixentes comprometéronse a que, na lexislatura que dará comezo a vindeira semana, as dúas organizacións manterán unha «estreita colaboración» en defensa da clase traballadora do noso país.  

 O secretario xeral de CCOO denunciou a «nefasta» xestión económica do PP, que sitúa Galicia como unha das comunidades autónomas en que máis aumentaron as desigualdades, con atrasos que exceden o límite legal á hora de valorar as solicitudes da RISGA ou con cada vez máis persoas empregadas de longa duración que carecen de calquera prestación.  

 Fronte a isto, Aguión asegurou que «hai alternativas» ás políticas aplicadas ata o de agora para combater a crise. Así mesmo, aseverou que no Estado tamén hai opcións, que non é inevitable un Goberno en minoría do PP. Ambas as dúas afirmacións foron compartidas polo voceiro parlamentario de En Marea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario