15 de out. de 2016

CULTURA

Recollida de fondos para a edición da obra póstuma de Rafael Bárez  

O libro recolle poemas escritos por Rafael Bárez no cárcere


 María Victoria Fernández Flórez, viúva de Rafael Bárez, xunto con amizades do avogado laboralista -como o historiador José Gómez Alén- e persoas destacadas da cultura galega -como Xesús Alonso Montero e Manuel Rivas–, disponse a publicar a obra póstuma de Rafael Bárez. O libro, do que se editarían mil exemplares, estaría conformado polos poemas escritos por Bárez no tempo en que estivo represaliado e no cárcere.

 Para levar a bo porto este proxecto editorial, comezou unha campaña de recollida de fondos. As persoas interesadas en facer achegas económicas pódense poñer en contacto co grupo promotor a través do seguinte enderezo electrónico: toyafdezflorez@outlook.es.   

Perfil  
 Rafael Bárez (1946-1996) naceu en Sigrás, A Coruña, mais estudou o bacharelato en Lugo e os estudos de Dereito en Santiago de Compostela. Membro do Sindicato Democrático de Estudiantes, tomou parte nas loitas estudantís de 1968 e ingresou no Partido Comunista. Polas súas actividades foi desterrado a Lugo por un período de dous meses.  

 Após rematar os estudos trasladouse a Ferrol, onde exerceu como avogado laboralista. Amais de formar parte dos órganos de dirección do PC, o seu despacho tivo unha gran vinculación coas Comisións Obreiras. Del dixo Manuel Rivas: «O seu despacho sempre estaba aberto aos indefensos. Sensible, cordial e vitalista, adoraba a música e desfrutaba na calor das festas populares. Como no poema de Paul Éluard, pódese dicir que morreu cos brazos abertos á vida ». 

 Novamente, o seu compromiso social foi causa de que padecera a represión: tras os sucesos de 1972 en Ferrol, o despacho de Bárez sería rexistrado e o avogado detido e levado a prisión. En total pasou nove meses na cadea dos catro que inicialmente solicitara a Fiscalía. Durante este período de privación de liberdade creou os poemas que constitúen o proxecto editorial xa mencionado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario