15 de out. de 2016

TOMIÑO

Tomiño pon en marcha a Oficina Municipal de Igualdade cun servizo de asesoramento xurídico á muller  

O horario de atención ao público será luns e mércores, de 16.30 a 20.30 horas, nas instalacións dos Servizos  Sociais municipais, previa petición de cita no 986 622 002 

O servizo ponse en marcha grazas á subvención concedida pola Deputación de Pontevedra para actuacións comprendidas até o 31 de decembro deste ano    


Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño vén de por en funcionamento a Oficina Municipal de Igualdade, cun servizo de asesoramento xurídico, que empezará a atender ao público o vindeiro luns, 17 de outubro, tras dedicar os primeiros días á organización e contactos cos axentes e institucións locais.

 A través desta nova oficina, ofrecerase asesoramento e orientación, tanto en asuntos de Dereito de Familia, coma el calquera outro ámbito relacionado coa igualdade, con especial atención ás vítimas de violencia de xénero, mulleres en situación de vulnerabilidade ou con dificultades especiais.  

 Asemade, darase información sobre recursos existentes, e xestionarase a derivación a outros servizos da Administración, se fora necesario.  

 En colaboración con outros servizos municipais, canalizaranse actuacións que poida levar a cabo o Concello co fin de fomentar a igualdade efectiva entre mulleres e homes, e prevención da violencia machista. 

 Segundo explica a concelleira de Servizos Sociais, Cristina Martínez, o servizo ponse en marcha grazas á subvención concedida pola Deputación de Pontevedra para actuacións comprendidas até o 31 de decembro deste ano.  

 O horario de atención ao público será luns e mércores, de 16.30 a 20.30 horas, nas instalacións dos Servizos  Sociais municipais, previa petición de cita no teléfono 986 622 002.

Ningún comentario:

Publicar un comentario