24 de set. de 2016

SANXENXO

A Deputación de Pontevedra acha o esqueleto doutro bebé no campo da Lanzada 

En menos dunha semana, e tras o descubrimento de Cornelia e dun neonato do século I D.C., o equipo de arqueoloxía da institución provincial atopa o corpo doutro bebé menor dun ano, probablemente do mesmo século, e dúas estruturas anteriores 

Área de intervención arqueolóxica no Campo da Lanzada
Foto: D. P.

Infogauda / A Lanzada (Sanxenxo)

 "A intervención arqueolóxica que a Deputación de Pontevedra está a levar a cabo no Campo da Lanzada – tal e como declarou a Presidenta da institución provincial Carmela Silva- non deixa de sorprender". Nas últimas horas, e na mesma semana do descubrimento de Cornelia e dun neonato do século I D.C., acaba de aparecer o esqueleto dun bebé menor dun ano, probablemente do mesmo século, e dúas estruturas rectangulares anteriores.  

 "O novo achado do esqueleto do bebé, en moi bo estado de conservación, atópase preto do primeiro corpo do neonato, en concreto –tal e como asegurou Silva- seis metros ó Norte do lugar de aparición de Cornelia".  Segundo indicaron os arqueólogos tras efectuar o traballo de campo, a falta dos estudos que o confirmen, trátase dun menor dun ano que pertence ó século I.D.C. que probablemente foi enterrado, dada a súa posición e a diferenza do primeiro bebé aparecido (que se cree que foi soterrado probablemente nun saco), seguindo algún tipo de ritual.  

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, adiantou que a comezos da próxima semana a Doutora en Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela, Olalla López, acudirá novamente ó Campo da Lanzada para poder traballar sobre este novo esqueleto aparecido.  

 Para os especialistas da Deputación de Pontevedra, este achado volve a poñer de manifesto que a necrópole da Lanzada se estendeu máis alá do que se pensaba nun primeiro momento, ata chegar a situarse ó carón dos habitáculos destinados a vivendas.   

 Ademais do esqueleto do bebé, o equipo de arqueoloxía da institución provincial acaba de atopar dúas estruturas rectangulares baixo a necrópole que poderían ser, a falta de estudos que o confirmen, anteriores ó século I. Carmela Silva engadiu que "este descubrimento supón unha novidade con respecto ós achados anteriores xa que se trataría de estruturas anteriores ó século I, cando todo o que está aparecendo ata o momento correspóndese a períodos situados entre os séculos I e III D.C."   

 Ata o de agora, o Campo da Lanzada tal e como indicou a Presidenta da Deputación "xa sacou á luz máis de 3.000 pezas da época romana, dando conta dunha produción cerámica de grande envergadura; o esqueleto dun can que, segundo un especialista en zooarqueoloxía, correspóndese a un enterramento antigo; así como os esqueletos de Cornelia, o dun neonato e o dun segundo bebé que se vai desenterrar completamente nos primeiros días da próxima semana. En canto ás estruturas, apareceu unha grande rectangular de máis de 90 metros cadrados da época tardío romana, unha estancia da época alto imperial que se está comprobando, unha cabana circular totalmente castrexa e as dúas novas estruturas rectangulares baixo a necrópole anteriores, probablemente, ó século I".

Ningún comentario:

Publicar un comentario