24 de set. de 2016

A GUARDA

A GUARDA CONMEMOROU Á FESTIVIDADE DE SANTA TREGA  

A excelente climatoloxía, animou á afluenza de centos de romeus o outeiro - "mons Teurega", denominación documentada xa na Idade Media - máis visitado do Noroeste peninsular

A imaxe de Santa Trega foi acompañada polas autoridades de O Rosal e A Guarda, e centos de persoas do Antigo Concello da Foz do Miño

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda   

 Xornada espléndida, ainda estando xa no equinocio de outono, con un sol radiante que convidaba o disfroite pleno da xornada, foi en síntese, a nivel climatolóxico, o que se viviu neste 23 de setembro, día grande no municipio de A Guarda que celebraba a festividade de Santa Trega, no outeiro "mons Teurega" - denominación documentada xa na Idade Media, do que co andar dos tempos adoitouse chamarlle Monte Santa Trega (en lembranza da protomártir de Iconio), o outeiro máis visitado do Noroeste peninsular -, a onde acudiron centos aos romeus. A maioría participaron nos distintos oficios relixiosos que tiveron lugar durante a mañá. Sobre todo á misa solemne das 11:00 horas, cooficiada por un vigairo da Diócese Tui-Vigo e dous sacerdotes (Jesús García Villadóniga, e o somasco P. Vidal), e a que tamén asistiron, en representación dos seus respectivos concellos, os alcaldes do Rosal, Jesús María Fernández Portela, e o de A Guarda, Antonio Lomba Baz, así como varios concelleiros, do que noutrora fora o Antigo Concello da Foz do Miño; membros da Confraría de Pescadores e das Comunidades de Montes en Man Común de A Guarda e de Camposancos, respectivamente, entre outras representacións.   

 Coa ermida ateigada de fieis, e aínda no exterior, transcorreu a solemne eucaristía, o termo da cal saiu a procesión, coa participación de autoridades, devotos de Santa Trega e compoñentes do Grupo de Gaitas Os Petons. O remate desa ceremonia os fieis bicaron as reliquias que se gardan neste santuario: un fragmento de óso dun dos brazos de Santa Trega, e un fragmento do Lignum Crucis, o madeiro no que crucificaron a Cristo.   

Interior da ermida de Santa Trega, logo da procesión

 Algúns devotos pasaron estampas e panos polo manto de Santa Trega, ou o bicaron. Deixaron as súas esmolas, e exvotos con forma de brazos, pernas, cabezas, corazóns, peitos ou torsos, aos pés da protomártir reclamando curación ás súas doenzas, á que se ten como avogada da cabeza e do corazón.


A poxa dos froitos tivo unha enorme concurrencia de público

 Asemade, como ven sendo tradición, diante do púlpito ao aire libre, tivo lugar a poxa dos froitos ofrecidos a Santa Trega: allos, cebolas, mariscos, mel, lambetadas, sobremesas, peixe de couro, e outras dádivas que se subhastaron diante dunha multitude de persoas.    

 Tamén foi sorteada a Regueifa de Santa Trega, contendo un agasallo sorpresa, correspondéndolle á sorte a persoa posuidora do número 2.762, cuxo boleto foi vendido por Cielo Sesto.   

 Logo viría o xantar ao aire libre, onde cada quen quixo situarse, escollendo os lugares acostumados en anos precedentes. 


Tres xóvenes pulpeiros de Arcos, viñeron por primeira vez a romaría de Santa Trega, de A Guarda

 Tamén houbo un posto de pulpeiros de Arcos (O Carballiño), que servían un saboroso polbo á feira, viño do Ribeiro, refrescos, auga,..., e a seu carón estaba tamén un posto de asado de churrasco e chourizos.


Tino Baz, Afonso Castro e varios amigos contribuiron altruistamente a amenizar a tarde da romaría

 A animación da xornada puxérona varios guardeses – entre elas o gaiteiro, cantautor e músico, Tino Baz e o lutier Afonso Castro - que xunto con outras persoas que tocaron instrumentos tradicionais, como gaitas, pandeiretas tamboril,..., déronlle o toque festivo, como ben o merecía a efeméride.    

 E antes de irse cada un para seu fogar, ou mesmo para a Festa da Zorza, no barrio da Gándara (Salcidos), onde se celebran as Festas das Mercedes, ainda houbo quen fixo unha parada no Parque do Cancelón, para á merenda-cea e marcarse uns pasos de baile, que a ninguén lle fan dano e axuda a manterse en forma.

Ningún comentario:

Publicar un comentario