19 de xuño de 2016

SANIDADE

O Servizo de Neurocirurxía realiza unha investigación sobre reseción de tumores cerebrais operados no CHUVI 

O estudo, recoñecido pola Sociedade Galega desta especialidade, conclúe que o 96 por cento dos pacientes estiveron libres de recorrencia nun período de cinco anos desde a intervención 

Identifica tamén algúns patróns obtidos das resonancias magnéticas para mellorar a eficacia da cirurxía 

É o segundo ano consecutivo que o doutor José LuisThenier Villa, do servizo de Neurocirurxía do Álvaro Cunqueiro, obtén o galardón 

O doutor xa realizou en 2015 un traballo de investigación, tamén premiado, sobre os resultados clínicos da cirurxía de fusión espinal minimamente invasiva, unha técnica que desde hai tempo xa realiza o servizo

Infogauda / Vigo

 O traballo de investigación que leva a cabo o Servizo de Neurocirurxía do Hospital Álvaro Cunqueiro foi recoñecido, dous anos consecutivos, pola Sociedade Galega desta especialidade, tralos estudos presentados polo doutor José Luis Thenier Villa.
 Na presente edición, o galardón foi outorgado ao servizo de Vigo polo traballo sobre a revisión da experiencia de 10 anos na resección de tumores cerebrais de tipo meninxioma. Como resultado desa investigación identificáronse determinados patróns radiolóxicos derivados do estudo das resonancias magnéticas.
 Segundo explica o doutor Thenier Villa, “no estudo tamén identificamos que certos indicadores radiolóxicos derivados da resonancia, como edemas ou hendiduras, poderían estar relacionados con dificultades que percibe o cirurxián na intervención. Esta circunstancia permítenos planificar detalles técnicos para o cirurxián e diminuír así as complicacións inherentes a unha intervención deste tipo. Ademais, no estudo tamén apareceron bos resultados de control da enfermidade a longo prazo”-.
 Os datos das operacións de meninxiomas na convexidade cerebral indican que un 96 por cento dos pacientes están libres de recorrencia nun período de 5 anos desde que se practicou a intervención, unha porcentaxe que supera lixeiramente aos que foron plasmados por servizos doutros hospitais. Nos últimos 10 anos foron operados 88 pacientes. “Unha cifra que pode parecer curta, pero que non o é se considerase que este tipo de tumor non é moi frecuente”, aclara o doutor Thenier.
 A técnica nesta cirurxía non é moi diferente da habitual. Trátase dunha intervención cranial aberta co obxectivo de realizar reseccións completas do tumor e do seu lugar de implantación.
Cirurxía minimamente invasiva
 O recoñecemento da Sociedade Galega de Neurocirurxía o ano pasado produciuse tras avaliar o estudo de investigación realizado ao revisar os casos de resultados clínicos a longo prazo da cirurxía de fusión espinal minimamente invasiva.

“É unha cirurxía nova que demostrou mellores resultados e que se realiza desde hai algúns anos no Servizo de Neurocirurxía do Chuvi”, recalca o doutor Thenier, que destaca “os excelentes resultados percibidos polos pacientes e unha moi baixa incidencia de complicacións”.
 Con esta técnica foron operados ata a data case 150 pacientes. A cirurxía, indicada principalmente na estenose de canle lumbar e enfermidade dexenerativa discal, consiste na colocación de parafusos, barras e óso propio do paciente para fusionar a articulación o que reduce a dor, que é a principal queixa os pacientes, e tamén mellorar o movemento.
 A técnica minimamente invasiva neste tipo de intervencións ten a vantaxe de que se realiza a abordaxe a través dunha incisión pequena, o que provoca que se lesionen menos tecidos e, como consecuencia, é menor o malestar do paciente e o período de ingreso hospitalario tamén se reduce. “Os resultados que nos chegaron dos pacientes aos que entrevistamos no seu momento son bos”, asegura o doutor Thenier Villa.
 Os dous traballos do Servizo de Neurocirurxía que foron galardoados están, na actualidade, pendentes de ser publicados en revistas científicas de recoñecido prestixio internacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario