A secretaría xeral de Política Lingüística convoca novos cursos de lingua galega preparatorios das probas Celga
Trátase de formación destinada aos niveis 2, 3 e 4 O prazo de solicitude está aberto ata o 16 de xullo
Infogauda / Santiago de Compostela
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 8 de xuño de 2016, pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4.
As persoas interesadas en solicitalos deberán ser maiores de 16 anos, ou cumprilos en 2016, e dirixir a súa petición á xefatura territorial da provincia á que pertenza o concello correspondente por medio do modelo normalizado que figura na propia convocatoria (ED104B), dispoñible tamén na sede electrónica da Xunta de Galicia e mais no Portal da LIngua Galega.
O prazo de solicitude está aberto desde hoxe e ata o vindeiro 16 de xullo e os cursos, cuxa realización non dá dereito a certificación ningunha por tratarse de aulas preparatorias das probas de acreditación do Celga, terán unha duración de 70 horas lectivas cun número mínimo de 15 participantes e un máximo de 30.
No marco do Plan de formación Celga da Secretaría Xeral de Política Lingüística para o ano en curso, esta convocatoria complementarase nos vindeiros meses coa oferta formativa de cursos preparatorios do Celga das escolas de idiomas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, na que se prevén 26 cursos máis no ano académico 2016/2017.
Localidades e centros de realización dos cursos
Tal e como recolle a convocatoria nos seus anexos, os cursos desenvolveranse, por provincias, nas seguintes localidades, centros de titularidade da Consellería de Cultura e Educación e niveis:
Na provincia da Coruña, en Betanzos (IES As Mariñas, Celga 4), Carballo (IES Isidro Parga Pondal, Celga 4), Cedeira (IES Punta Candieira, Celga 3), Cee (IES Fernando Blanco, Celga 2), A Coruña (IES Fernando Wirtz Suárez, Celga 4), Fene (CEIP de Centieiras, Celga 3), Oleiros (CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal, Celga 4), Padrón (CEIP Flavia, Celga 3) e Vimianzo (CEIP San Vicenzo, Celga 2).
Na provincia de Lugo, en Lugo cidade (IES Lucus Augusti, Celga 3), Monforte de Lemos (IES Río Cabe, Celga 4), Ribadeo (IES de Ribadeo, Celga 4), Sarria (IES Gregorio Fernández, Celga 4), Vilalba (IES Lois Peña Novo, Celga 2) e Xove (IES Illa de Sarón, Celga 2).
Na provincia de Ourense, no Barco de Valdeorras (IES Lauro Olmo, Celga 2), no Carballiño (IES Manuel Chamoso Lamas, Celga 3), na Pobra de Trives (IES Xermán Ancochea Quevedo, Celga 3), Ribadavia (IES O Ribeiro, Celga 3), Verín (IES García Barbón, Celga 4) e Xinzo de Limia (IES Cidade de Antioquía, Celga 2).
Na provincia de Pontevedra, na Estrada (IES Antón Losada Diéguez, Celga 2), na Guarda (IES A Sangriña, Celga 3), Lalín (IES Laxeiro, Celga 3), Marín (IES Chan do Monte, Celga 4), O Porriño (IES Ribeira do Louro, Celga 4), Redondela (IES Pedro Floriani, Celga 2), Sanxenxo (IES de Vilalonga, Celga 4), Vigo (IES Ricardo Mella, Celga 4) e Vilagarcía de Arousa (IES Armando Cotarelo Valledor, Celga 3).
Máis información no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística lingua.gal, nos centros de impartición dos cursos e nos concellos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario