16 de xuño de 2016

A GUARDA

EDUCACIÓN REFORMARÁ A CUBERTA DA PISTA POLIDEPORTIVA DO CEIP  AS SOLANAS EN COLABORACIÓN CO CONCELLO DA GUARDA  

· O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este centro para analizar as obras que se executarán ao longo deste verán 

· Os traballos contarán cun orzamento de 150.000 euros 

· Os centros educativos de A Sangriña tamén recibirán 45.000 euros para a reforma da calefacción  

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o pavillón Antonino Torrón Fernández, do CEIP As Solanas, acompañado polo xefe territorial de Cultura e Educación, César Augusto Pérez Ares; o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e membros da Corporación Municipal guardesa

Infogauda / A Guarda 

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este xoves día 16 de xuño, o CEIP As Solanas de A Guarda onde a Consellería de Educación ten previsto levar a cabo o cambio da cuberta da pista polideportiva cun orzamento de 150.000 euros, en colaboración co concello.  

 O delegado estivo acompañado nesta visita polo alcalde da localidade, Antonio Lomba Baz, e outros membros da Corporación Municipal, así como polo xefe territorial de Cultura e Educación, César Augusto Pérez Ares. 

 As obras, que se atopan xa en fase de adxudicación, suporán a renovación completa da cuberta dunha edificación de formigón prefabricado de 44,15 metros de lonxitude e cunha anchura de case 27. O peche exterior está realizado por bloques cerámicos e as carpinterías exteriores son de aluminio cunha cuberta con placas nervadas de chapa simple. A situación desta pista deportiva, suxeita á servidume de protección por estar á beira do mar, supón a imposibilidade de executar novas obras. “Isto fixo necesaria unha autorización da Consellería de Medio Ambiente”, explicou Cores Tourís.
   
Vista aérea da zona escolar de As Solanas co pavillón Antonino Torrón, a esquerda da imaxe

 Os traballos centraranse no cambio de chapa e o agarre da mesma na fachada, xa que a situación desta cuberta non é boa, deteriorada polo paso do tempo e as inclemencias meteorolóxicas. Instalarase panel nervado de cuberta de dobre chapa de aceiro recheo con espuma de poliuretano con 40 mm de espesor, así como un panel de fachada de dobre chapa de aceiro prelacado recheo con espuma de poliuretano na cara interior dos petos da cuberta. Por tratarse dun ambiente mariño moi agresivo, o acabado será con protección metálica especial contra a corrosión.   

 Este proxecto, segundo apuntou Cores Tourís, “englóbase dentro do acordo ao que chegaron a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a práctica totalidade dos concellos da provincia –salvo Pontevedra e Vigo, que contan con plans específicos– e que foi asinado o pasado 5 de maio”. Nesa data firmáronse 58 protocolos e 2 convenios co fin de mellorar e modernizar un total de 116 centros da provincia, nos que se inclúen 103 CEIP (centro de educación infantil e primaria) e 13 CPI (centro público integrado. “Estamos a falar - engadiu o delegado territorial - de melloras que corresponden, na súa maioría, a obras menores que deberon ser executadas no seu día polos concellos dentro das súas competencias sobre o mantemento e coidado dos centros e que agora serán executadas, por urxentes, dentro deste convenio.  

 Estas actuacións beneficiarán a máis de 25.000 alumnos e alumnas pontevedreses, con independencia das cores políticas dos concellos e que poñían en valor a cooperación interadministrativa permitindo garantir unha correcta eficiencia na xestión dos recursos públicos.  

 O alcalde de A Guarda agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia para a execución destes traballos que permitirán dotar ao pavillón dunha cuberta en condicións, colocándose novo material de cubrición, remates, canlóns e novas baixantes.   

 A maiores, segundo apuntou Cores Tourís, tamén se destinarán 45.000 euros para a mellora da calefacción dos centros de A Sangriña, que recibirán tamén 11.000 euros de gastos de funcionamento. “En total, entre estes centros e o de As Solanas, o investimento da Xunta de Galicia nos colexios de A Guarda este ano superará os 206.000 euros”, explicou Cores Tourís.  

 No caso da Sangriña, as axudas proceden do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020 anunciado recentemente polo conselleiro de Cultura e Educación, “como parte dos recursos obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade co que o Goberno central recompensa á nosa comunidade autónoma por ter cumprido o obxectivo de déficit”, rematou o delegado territorial.   

 A Consellería de Educación leva investidos nos diversos centros educativos de A Guarda máis de 805.000 euros nos últimos anos, levando a cabo obras como arranxo de cubertas e aseos, mellora de muros de peche, reforma de instalacións eléctricas e fontanería, adaptación de ascensores e reposición de canlóns.

Ningún comentario:

Publicar un comentario