A transformación dixital e a política 2.0, claves para recuperar a confianza perdida
• O presidente provincial de Novas Xeracións, Pablo Carollo, falou das oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías.
• “Cremos firmemente nos beneficios que aportan na acción política, e debemos ser quen de abrazar estes cambios”.
• Considera que para que o PP continúe sendo o proxecto político maioritario dos galegos, debe redobrar a súa aposta polas novas tecnoloxías.
Infogauda Pontevedra
A transformación dixital e as tecnoloxías da información supoñen unha oportunidade inmellorable para achegar as institucións ao cidadán, pero tamén para recuperar parte da confianza perdida na política. Esta é a aposta do PP de Pontevedra, que defendeu esta mañá a necesidade de aproveitar as sinerxias que ofrecen as novas tecnoloxías.
O presidente provincial de Novas Xeracións, Pablo Carollo, foi o encargado de ler esta mañá o comunicado “A transformación dixital: a oportunidade para crear confianza”, durante o Congreso Provincial do PP de Pontevedra. Nel puxo en valor como as novas tecnoloxías están cambiando a realidade diaria da cidadanía, están revolucionando a maneira na que se relaciona, como se organiza, o xeito de gobernar e, tamén, o acceso á información, e incidiu en que o Partido Popular non debe quedarse ao marxe.
“É indubidable que as redes sociais son hoxe en día un dos principais xeradores de correntes de opinión da cidadanía, e o Partido Popular non debe de estar alleo a este feito”, subliñou. Así, recordou que máis do 80% dos españois entre 18 e 55 anos xa son usuarios activos dalgunha rede social, e nelas infórmanse e opinan sobre todo o que acontece ao seu arredor.
BIDIRECCIONAL E PARTICIPATIVA
Pablo Carollo falou de dous conceptos clave, a política 2.0 e os gobernos abertos. Neste novo concepto de política, o político xa non chega ao cidadán a través dos medios, senón que o fai directamente a través dunha comunicación bidireccional. Por este motivo, entende que é importante que a presencia nestes canles de comunicación dixital sexa asumida desde o primeiro afiliado das Novas Xeracións ata o último concelleiro do partido.
Aposta por un novo modelo de goberno aberto que empregue canles de comunicación directa coa cidadanía, favorecendo a súa participación, escoitando activamente as súas propostas e axilizando a súas respostas. E tamén incide na importancia de asegurar un exercicio transparente da función pública, de forma que a sociedade poida avaliar dunha maneira correcta a xestión dos seus representantes. Por este motivo, dixo que “se queremos que o PP siga sendo o proxecto político maioritario dos galegos, debemos continuar traballando coa máxima intensidade como temos feito ata o de agora, pero redobrando a nosa aposta polas novas tecnoloxías”. Como exemplo, citou as mocións que Novas Xeracións está promovendo nos concellos de máis de 20.000 habitantes para que os plenos municipais sexan transmitidos por streaming, facilitando así a posibilidade de que calquera veciño poida controlar dun xeito efectivo as políticas que se debaten no seu concello.
O presidente provincial de NNXX afirmou que “cremos firmemente nos beneficios que a tecnoloxía aporta na acción política. E que debemos ser quen de abrazar estes cambios, que non supoñen máis que unha actualización de como gobernamos alá onde temos responsabilidades, pero tamén na nosa forma de organizarnos como partido”. Entende que esta nova forma de participación tamén dá resposta ás esixencias dos afiliados, “que veñen reclamando cada vez con máis intensidade non só coñecer como se xestionan os fondos que recibimos, senón que reclaman ser actores informados e participar dun xeito máis intenso na vida do partido”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario