24 de feb. de 2016

VIGO

López-Chaves reúnese con sindicatos e representantes do transporte público de viaxeiros e taxis para abordar a inseguridade nas vías de acceso ao Hospital Álvaro Cunqueiro 

López-Chaves lembra que “o realmente grave do caso é que se xoga coa seguridade e a saúde das persoas” e sinala que a Xunta seguirá requirindo, insistindo e actuando en consecuencia 

Denuncia o abandono de funcións do alcalde e do concelleiro de tráfico

Infogauda / Vigo

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, reuniuse esta mañá con representantes e sindicatos do transporte de viaxeiros, Vitrasa e de taxi para abordar a inseguridade nas vías de acceso ao hospital Álvaro Cunqueiro.
Segundo indicou López-Chaves, na rolda de prensa posterior á xuntanza, ambos colectivos coincidiron en amosar a súa preocupación e malestar pola falta de actuación da Policía local nas vías de acceso ao Hospital Álvaro Cunqueiro. “Esta situación está a ocasionar diariamente graves situacións de tráfico que poñen en perigo a atención das persoas no centro hospitalario”, engadiu.
Ademais, o delegado lembrou que tanto a Xunta, a través do Sergas, como a dirección do propio hospital están notificando a diario, mediante escritos, advertencias e denuncias a situación provocada polos vehículos mal estacionados á Policía local e ao Concello de Vigo.
Nese sentido, López-Chaves explicou que esta situación está a dificultar o acceso ás persoas que acoden ao hospital ás consultas, a visitar a pacientes, a ser atendidos en urxencias, ás ambulancias medicalizadas a trasladar aos enfermos e ao transporte público, que non pode cumprir o seu servizo a tempo e nas condicións adecuadas.
A este respecto, denunciou o claro abandono de funcións do alcalde e do concelleiro de tráfico. “O alcalde de Vigo ten que explicar por que a Policía local e a guindastre municipal actúa nas vías de acceso do hospital do Meixoeiro, da Universidade, ou de Orillamar, e non no acceso ao Álvaro Cunqueiro” dixo.
Finalmente, o delegado sinalou que “o realmente grave do caso é que se xoga coa seguridade e a saúde das persoas. É unha enorme irresponsabilidade da que ten que dar conta o alcalde de Vigo”.
“Desde a Xunta seguiremos requirindo, insistindo e actuando en consecuencia, xa que temos claro que a competencia para actuar é municipal”, sentenciou o delegado territorial da Xunta en Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario