19 de dec. de 2015

VIGO

A exposición ‘O ceo dos deuses’ achega fotografías da riqueza estelar que se pode observar desde as Illas Atlánticas 

A directora xeral de Conservación da Natureza visitou esta mañá esta mostra de fotografía, que se poderá visitar ata o vindeiro 24 de xaneiro 

Salientou que este traballo fotográfico tamén constitúe unha boa ferramenta para divulgar como funciona o sistema solar e como a luz moldea os elementos da nosa contorna 

Ana Díaz López recordou que a comezos deste mes o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas recibiu en Bruxelas a Carta Europea de Turismo Sostible (CETS), que concede a Federación Europarc


Infogauda / Vigo

 A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colabora na exposición O ceo dos deuses, que achega imaxes e fotografías da riqueza estelar que se pode observar e contemplar desde o Parque Nacional das Illas Atlánticas. A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, visitou esta mañá a exposición O ceo dos deuses, do fotógrafo Fernando Rey da Luz, e que estará no Edifico Cambón dende hoxe ata o vindeiro 24 de xaneiro. 

 Tal e como explicou a directora, trátase dunha mostra que reúne os espazos retratados das illas desde o punto de vista da natureza e da etnografía, integrando a galaxia cos elementos da paisaxe. O autor, Fernando Rey, percorreu desde hai máis de 4 anos as Illas do Parque Nacional coas súas cámaras, captando e compartindo a beleza dos seus ceos deste enclave natural, que destacan polo súas cores: azuis, brillantes, cálidos, cheos de maxia e de sensacións. 

 Díaz López salientou a calidade do traballo, xa que reflicte o espectáculo único que se rexistra desde que se pon o sol e que cada vez ten máis adeptos e seguidores, entre os que destaca a NASA, institución que sucumbiu á beleza dunha das imaxes que forma parte da mostra que se pode visitar no Cambón, e que se distinguirá ademais pola certificación Starlight.  

 A directora de Conservación afirmou que este traballo tamén constitúe unha boa ferramenta para divulgar como funciona o sistema solar e como a luz moldea os elementos da nosa contorna, ao tempo que integra ás persoas como elementos dese todo e incide na necesidade de manter e protexer o tesouro da natureza.  

 Por outra banda, a directora recordou que a comezos deste mes o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas recibiu a Carta Europea de Turismo Sostible (CETS), que concede a Federación Europarc e que xa a teñen outro enclaves galegos, como as Fragas do Eume e a Serra do Xurés- Baixa Limia.  

 Esta distinción recoñece o compromiso activo co desenvolvemento dunha actividade turística de calidade. O Parque Nacional presentou unha estratexia e un plan de acción que recolle 104 actuacións concretas para o próximos cinco anos, para as que se mobilizarán preto de 3 millóns de euros.  

 Entre outras medidas, proponse a realización de talleres de educación ambiental baseados nos produtos da pesca, a creación dun programa de rutas interpretativas, experiencias por cada un dos arquipélagos en varios idiomas, e tamén unha ruta turística para o avistamento de especies de aves hibernantes e mamíferos mariños no parque.  

 Outras iniciativas incluídas son a creación dun centro de interpretación do litoral, potenciar a aula da natureza de Cabo Udra en Bueu, como punto de información e educación ambiental e a adhesión á rede de municipios Rede Terrae. 

 Todas elas agrúpanse ao redor de cinco obxectivos principais: mellora da coordinación; impulso ao coñecemento e á divulgación; optimización dos recursos; promoción da oferta turística; e posta en valor do destino Illas Atlánticas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario